lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

A que hora remata o pasado?

O doutor González de Lema mirou o tensiómetro de cable longo que ten na consulta, miroume, mirou a agulla. Ergueu as gafas para pousalas sobre a cabeza e preguntoume e ton de reproche: "Volviches discutir cun poeta?"

O MEU MÉDICO está preocupado pola miña tensión. Fora el quen me quitara a lectura de poesía porque me desinflaba a presión arterial. "A melancolía é un furor decaído", advertírame citando a André Gide. Agora son consciente de que debería terlle feito caso, de que non debería ter tocado ese último poemario; pero empezas cuns versos, que ti sabes o que fas, e, cando te decatas, estás lendo a nota final da imprenta.

González de Lema é un doutor da vella escola. Ata o punto de que xoga ao dominó cuns amigos no café Centro durante as sobremesas. Colleu o bolígrafo, o caderno con letras de Sabina nas páxinas impares e empezou a anotar a lista da callos que non podo pisar: Especistas, gretistas, transfeministas, altermundistas, eurocentristas pro Notre Dame, tortillasencebolistas de Becerrreá, jusapolistas, taurinos, unionistas do aporellos!, rojiguardiolistas,...


A lista fixóseme interminable coma o cansanzo ou coma a discusión sobre o pasado no Reino de España. Hai unha concordia en que non se debe remexer nel, pero falta concretar cando remata o pasado a gardar na caixa forte dos temas a non tocar. Ignoro se podo falar de crimes anteriores ao fracaso da Revolución de Asturias, de crimes anteriores á morte desvalida de Franco ou de crimes anteriores ao derradeiro encarapuchamento de Eta. Son as tres correntes da tertulianoloxía española.


Sen ir máis lonxe, hoxe pensaba contarlles a historia de sor María Luisa, unha monxa de Soria enclaustrada nas clarisas de Ribadeo. Un día tivo que deixar o convento para ir a unha consulta no centro de saúde. Non estaba convencida de lanzarse ao mundo, ao demo e á carne tras corenta anos de alma empapada de clausura. En canto pasou da porta principal, exclamou:
—¡Cuánta contaminación, Dios mío!
E volveu para adentro.


Vostedes comprenderán que eu se lles conto esta anécdota podo enfadar tanto a Ortega Smith, por católico e veraneante fronte a Ribadeo, como a Luís Villares, por ecoloxista e vítima do múltiplo común divisor da esquerda galega. Non quero xa pensar en que este texto caia nas mans piadosas de Abogados Cristianos e me demanden como fixeron co escritor Aníbal Malvar por non sei que chiste bestia que fixo sobre a relixión.

Fraga fracasou electoralmente en Madrid porque non soubo a que hora remataba o pasado nin entendeu que as urnas non aprecian o ímpetu co que ataques a outros candidatos


Escribir un artigo con salsa e non pisar callos é unha utopía. Como gobernar con eficacia, supoño. Fraga fracasou electoralmente en Madrid porque non soubo a que hora remataba o pasado nin entendeu que as urnas non aprecian o ímpetu co que ataques a outros candidatos. Un día, Pérez Varela explicoulle que o secreto da política era o mesmo que o secreto do dominó: colocar as pezas de xeito que uns puntos coincidan con outros. O único secreto, instruíno o exconselleiro, é buscar a harmonía para a maior parte de administrados, facer máis caso aos manuais de Dereito de Aranzadi que á Europa que permitía peregrinar de catedral en catedral tan presente nas obsesións de Blas Piñar.

Somos ao que xogamos. González de Lema e Fraga son dominó, ese puzzle que, como Cela detallou en La colmena, se xoga con coñac, xaruto fumegante e cuspideira sobre unha mesa de mármore roubada no cemiterio de La Almudena.


O meu doutor auscultoume.
—Tes un soprido que non me gusta nada. Pode que che quedasen marcas no pulmón esquerdo. Desta volta a discusión foi brava...
—Estaba conversando sensata e vivamente cun poeta de Carballo, e vai e me solta a contrapé o da voz poética, esa excusa pola que diferenzar entre o autor e a súa poesía. Así evitan ser responsables dos seus textos.
—Ben sei o que é a voz poética. André Gide dicía que é unha teoría inventada en Francia por Gautier e a Flaubert, que "diferenza a obra do home como se a obra fose un postizo, como se a vida do home non fose o sostén das súas obras". Ten coidado cos de Carballo, Jaure, hai moito parnasiano.

Confeseille que o peor non fora o escritor, senón os amigos do escritor. El foi claro: 
—Poida que os veciños do poeta local non teñan lido nin por despiste obra do poeta local, pero que non veña ninguén foráneo cuestionalo. Para iso estamos nós.


Paseino mal cando os parnasianos de Carballo empezaron a acusarme de ter feita unha crítica literaria. Carezo da formación e mesmo do interese para iso. Na teoría do localismo aínda vivimos no que Thomas de Quincey chamaba "os últimos días de Kant". Os argumentos esmorecen.


Os escritores de versos de agora son «poetas en tempos de miseria», que dicía Heidegger sobre Rilke; polo que toda a felicidade que lles queda é que os veciños saian un momento do bar para berrar ao forasteiro que, se non lle gusta a lírica local, marche da vila. Marx advertía de que «se participas na representación non participas na revolución». Nada vai cambiar sobre os autores municipais porque non se miran dende un punto de vista externo.


Descoñezo se Aníbal Malvar ten voz poética porque soamente lle lin novelas. Magníficas.Seica agora escribiu unha sobre Lorca. "A los poetas, en España, siempre se los ha matado mucho y muy bien. A Lorca lo mataron así porque era un icono de la libertad, y el fascismo lo consideró como un trofeo", léolle nunha entrevista en Público.

Aníbal chamoume o outro día. A medida que se fai poñendo vello a súa voz vólvese nulamente poética. Máis ben é unha voz de cadro de Laxeiro; unha voz que se sitúa entre o socarrón, o toleirán, o burlesco e o nostálxico. Aníbal vive na Sierra de Madrid. Díxome o nome do sitio, pero non me lembro porque a toponimia desas paraxes parece ter sido improvisada por un decadentista francés, de tan elocuente e altisoante como é. A quen, se non, se lle pode ocorrer denominar Miraflores de la Sierra a unha localidade normal?

—Tes algún contacto en Eta? —preguntoume cando ese colectivo aínda asasinaba persoas


Malvar traballa para varios xornais dixitais de Madrid.
—Volvería a Galicia... Podería traballar dende aí, pero gústame a miña casa.
Sempre me chama para causas imposibles.
—Tes algún contacto en Eta? —preguntoume cando ese colectivo aínda asasinaba persoas porque decidía que pensaban equivocado.
—Na cúpula ou váleche nun talde? Que vou ter!


O meu amigo ten unha voz narrativa que confunde coa súa voz persoal. Considera que todos somos personaxes das súas novelas. Eu son vasco, pensa que debo coñecer alguén na Organización.


Miss Grape e máis eu estabamos debatendo o sábado anterior no Twitter sobre o sentido da letra de Marta tiene un marcapasos —que se era dunha rapaza embarazada, que se era todo psicolóxico— cando se nos presentou Ricardo Colmenero amosando unha entrevista que lle fixera a David Summers, o líder de Hombres G. O cantante foi esclarecedor: "En aquella época estrenaron Alien y tiene que ver con el bicho que sale del pecho. Al mismo tiempo mi padre estaba haciendo chistes sobre La Pasionaria, que tenía un marcapasos. Es una mezcla de conceptos".
Continuamos coas coñas ata que se nos manifestou Summers.
—Esta es la verdad, dejáos de comeros el coco.


Alegreime de que non se refuxiase na voz poética para eximirse de responsabilidade, como se fose un poeta de Carballo.


Becerreá tivo un alcalde resolutivo e canoso o que chamaban Guillén. Estaba convencido de que Fraga gobernaba Galicia, o seu amado reino suevo, dende o café Roca de Vilalba. En 1997 houbo unha epidemia de terremotos, a terra non paraba quieta. Tras 24 horas sen durmir por culpa dos tremores, Guillén asomou á Galega para "esixir" a Fraga que parase os sismos. Fraga era un bo xogador do dominó político, pero non chegaba a ser Moisés para abrir en canle as augas do Mar Roxo. 

A que hora remata o pasado?
Comentarios