Blog | O Cabaret Voltaire

Antes Taylor significaba xastre

A miña filla acabou os exames na universidade. Aínda vai quedar este mes en Bilbao por un traballo a tempo parcial. Veño de acordar de que arredor do 20 deste mes viaxará a Londres. Taylor Swift pecha nesa cidade a xira europea que pasou estes días por Madrid.
Hayley Williams. EFE
photo_camera Hayley Williams. EFE

A miña filla tivo o seu tempo de escoitar a Taylor Swift hai uns anos. Comprou a entrada de Londres en setembro pasado. Dubido de se quere lembrar quen era ela na adolescencia, disfrutar da solidez dese fenómeno social ou se, efectivamente, se identifica coa cantante que, con tanto acerto, representa a clase media branca e occidental. Na casa de Lugo non ten ningún póster de Swift. Hai carteis sobre mulleres que se reivindican como tal e outros sobre Galicia, algúns ensaios feministas. Cando volva vou regalarlle De las mujeres, de Susan Sontag; un libro de 1975 que acaba de publicar Debate. Acabo de preguntarlle por whatsapp por que lle gusta Taylor Swift, pero debe de andar ocupada porque non contesta.

Trato de comprender o fenómeno. Chat GTP sérveme para entender os textos de Kant porque o filósofo escribía unhas frases tan complexas coma o problema das sete pontes de Könisberg e puntuaba onde lle caían as comas. Pero non me explica a Taylor Swift. A intelixencia artificial dáme algunhas pistas sobre o fenómeno: a tenacidade, o esforzo, a narrativa cargada de emocións e a naturalidade coas seguidoras. Pero quero coñecer a súa esencia. 

Escoitáralle Shake it off. Gústame. É un tema pop de estrutura sinxela cunha letra que anima a confiar nun mesmo ignorando as críticas porque "os odiadores van a odiar" de todos os xeitos. Estamos en tempos de exposición continuada das adolescentes en Tik Tok e, ben, esa canción dílles o que necesitan saber: mira á fronte e camiña. No vídeo, a mensaxe está transmitida con humor. Funciona.

Pero Shake it off ten dez anos. Busquei en Spotify a súa canción máis escoitada esta semana. Fornight (Quincena) foi reproducida 331 millóns de veces nesa plataforma, que soamente é unha das grandes, como Amazon, Tencent ou Apple; entre outras. Lanzouna o pasado abril, hai un mes. Taylor Swift escribiu sobre unha muller que ten unha relación de quince días cun home. El casou con outra. O matrimonio vive agora na casa do lado. A exnoiva séntese traizoada, non pode soportar asistir á felicidade dunha parella na que non ten sitio: "A túa muller rega as plantas/ quero matala". Ben, non deixar de ser a Medea de Eurípides cantada coma balada electropop, pero está narrada nun ton de actualidade. Mesmo hai referencias explicitas a drogas e a alcool, e ao transtorno mental que lle provocan os celos. No vídeo, que ten a estética das películas alemás de terror dos anos 20 en branco e negro, a artista limpa a maquillaxe e deixa ver unha cara inzada de tatuaxes, que son marcas do amor que apodreceu.

O olfacto de Taylor Swift para as letras que conectan é impecable. Pasou de tratar a inseguridade en Shake it off' a falar de saúde mental en Fornight seguindo a evolución social desta década. Hai un factor na fortuna social de Taylor Swift que ninguén cita. Supoño que temor a acusacións de machismo. É unha muller fermosa. Nova, de ollos claros, loira,... parece unha princesa de novela de cabaleiría, a Carmesina que enfeitiza ao quixotesto Tirant lo Blanc.

O poder da beleza é inmenso. Hai cincuenta anos era unha responsabilidade feminina. Se nacía guapa era un legado a conservar; se non figuraba no seu código xenético debería buscala para integrarse na sociedade. Os medios, en ambos os casos, eran os mesmos: exercicio, dieta, cremas e, chegado o extremo, cirurxía. Esa esixencia segue vixente, coa novidade das últimas décadas de que o home se incorporou a esa disciplina, se ben dun xeito voluntario.

Susan Sontag escribía hai cincuenta anos en De las mujeres que "a beleza é unha forma de ascensión social interminable, especialmente ardua polo feito de que, na nosa sociedade, os requisitos que confiren o acceso á aristocracia da beleza cambian constantemente". Daquela a fermosura era unha estética que se presentaba con firmeza, quero dicir as actrices nunca aparecían en televisión sen maquillar. Tik Tok está agora cheo de rapazas que falan do desamor ou das matemáticas ou da receita das ameixas á mariñeira mentres se están maquillando. Comenzan o vídeo coa cara ao natural e rematan cun aspecto impecable. Empezan coa verdade sobre o seu rostro e acaban co ideal do seu rostro. 

A actiz Faye Dunaway era tan irremediablemente atractiva que tivo que pedir papeis nos que se agochase a súa beleza para dar unha oportunidade ao seu talento interpretativo. Quedara atrapada pola exhibición estética na película Bonnie and Clyde. "No cumio da xerarquía atópanse as estrelas, que monopolizan o dereito a impulsar unha nova idea insolente de beleza que despois adoptan e imitan moitas persoas", reflexiona Sontag. Internet supuxo un cambio porque as propostas de canon, lanzadas en cada vídeo sobre persoas guapas, é infinito. A pregunta sobre Taylor Swift é cómo logra ser o estándar durante toda unha década.

A pregunta pode estenderse ao secreto para manter o éxito da súa música. Eu, por exemplo, prefiro a Paramore, o grupo que leva de teloneiro na xira. Por algo a cantante escolleu esa banda para que animase ao público antes de saír ela a escena. As cancións que escribe a líder de Paramore, Hayley Wiliams, son estupendas. Ten un feixe de temas pop, como Still into you, ou baladas, como The only exception, que lle permiten competir con vantaxe co cancioneiro de Taylor Swift. Mesmo tratando os mesmos asuntos de desexos, ruturas, traizóns e amores irreparablemente equivocados. O rexistro vocal de Hayley Williams é bastante máis amplo e a súa modernidade supera ao aire fabricado en Disney que ten Swift. Nos concertos, Paramore demostra coñecer a historia da música popular con versións de temas dos anos 90, como Heart of glass de Blondie ou Burning down the house de Talkin' Heads. Pero Hayley Williams é menos alta, e menos loira, e menos fermosa. Como consecuencia, triunfará menos.

Susan Sontag sorprenderíase se vivise hoxe do éxito de Taylor Swift no ámbito estético porque non está morena, cando menos non notoriamente bronceada. Recordaba Sontag en De las mujeres que, cando as europeas e as nortemaricanas traballaban ao aire libre a beleza requería palidez, pero cando pasaron ás oficinas a partir dos anos 70, "o bronceado deixou de ser unha color de pel que se relacionaba co traballo duro, e pasou a representar o luxo, o privilexio".

A ensaísta apuntaba un segundo cambio estético que se refire ao peso. Deixaba patente que "un arbitario cambio de gusto non foi a causa de que a silueta feminina ideal fose adelgazando —sobre todo, nas cadeiras— durante o último século". Ao contrario, apunta que, "como todas as sociedades estiveron sometidas á escaseza ao longo da súa historia, de xeito que a maioría da poboación non dispuña de alimentos suficientes, o repoludo —e mesmo a obesidade— adoitaba parecer bonito. Na Europa e na Norteamérica modernas, excepcionalmente prósperas, onde a xente se alimenta en exceso por vez primeira na historia, resulta atractivo ser delgado".

Ao final do vídeo de Fornight, a exnoiva e o marido da outra acaban collidos da man. O nome de Paramore procede da palabra francesa e galante 'paramaour'; algo así como amor paralelo. Denominábase así aos amantes que se gozaban a maiores do matrimonio. Non pensen mal, a banda formouse hai vinte anos, no 2004. Daquela, Hayley Williams non soñaba con acompañar a unha estrela nunha xira mundial. De feito, a líder de Paramore negouse a convertirse nunha figura individual como lle propuxeron varias discográficas. Prefería ser a cantante dunha banda de rock.

Comentarios