martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Axentes camuflados da poesía secreta

Cando Rafael Diestre cansaba dos monólogos reiterativos da muller marchaba tocar o piano. Ela íalle detrás falando e falando. De súpeto, Carme paraba e preguntaba: "Rafael, estasme escoitando?" O escritor seguía tocando o piano. Carme insistía: "Rafael, estasme escoitando?". "Relativamente, Carme".
Manel Loureiro
Manel Loureiro

A TEORÍA DA relativdade é un instinto galego explicado por Einstein. A nosa relación co mundo real é orientativa, como a relación dos condutores italianos co código da circulación.

A rapaza tiña un exame. Quería acender unha vela a un santo. Ten fe en negativo. Desconfía dunha intervención divina que lle poida axudar; pero, de suspender, botaría a culpa a non ter prendida a vela. Eu acompañeina á catedral disimulando a miña dialéctica materialista, escondendo nun peto o opio para o pobo. Os santos saíronos ao paso nos corredores, pois os quitaron das capelas pola peste ecuménica. Preguntamos a unha muller de cadeira maternal e coleta piadosa por San Cristovo. A Igrexa católica é ben apañada. Encarga cada advocación a un santo. A estratexia imita o catálogo de deuses domésticos que artellaban a relixiosidade en Roma. Acabaron destrozados polos furiosos cristiáns que saían das catacumbas armados de martelos de fe.

Sen embargo, hai lugares que non detectan as brúxulas da crenza. O monte do Seixo mantén a función de reconfortar almas dende a Idade de Bronce. Atópase na serra do Cando, que atravesa seis concellos entre Cercedo a Beariz. Toda a vida alá arriba son lagartos que se esconden nas silvas, cobras que tragan ratos e píntegas presumidas de rabo longo; pero os fieis continúan subindo para pousar velas devocionais, flores e empanadas nun conxunto de pedras chamado A Porta. Está composto por dúas rochas verticais entre as que se encaixou outra horizontal.

Algúns asuntos do mundo teñen unha función secreta, intima e trascendente. As cousas non son sagradas polo alento divino, senón pola misión que cumpren dende hai tantos séculos, dende hai tantas xeracións, que esquecemos. Louis Armstrong, o trompetista das bochechas coma globos, sentiuse horrorizado cando apareceu o bebop nos anos 40. A Guerra Mundial provocou primeiro que moitos rapaces entrasen nas big bands para substituír os que marchaban á fronte europea. Despois eran desmanteladas  ao non atopar quen lles pagase por actuar. Foi unha pandemia para os músicos. Gillespie aproveitaba a súa breve intervencións en solitario nas actuacións da orquestra de Cab Calloway para meter tantas ideas armónicas e melódicas cantas se lle ocorrían. Armstrong cabreábase.

—O bebop é unha praga moderna. Non podes lembrar unha melodía nin botar unha peza. Percibía o jazz perdera a súa función, o vello designio de cada asunto que facía ao vimiancino Evaristo Martelo Paumán del Nero declararse "carlista de ocasión por fidalgo". A tradición ten unha lóxica que conecta as cousas vellas coas novas. Esa mística do que permanece, ese costume no proceder que non cuestionamos, axúdanos a soportar a existencia.

Lorca e Neruda foron dar unha conferencia "al alimón, como hacen dos toreros que son hermanos", a unha vila en 1933. Na estación de tren ninguén os recibiu. Cando chegaron ao local, os organizadores preguntáronlles por onde chegaran. Foran recibilos á estación. O tren marchara, pero non os viran.

—¡Claro, señores! No iban ustedes vestidos como poetas —explicouse un home baixiño e calvo. secretario municipal.
Lorca reaccionou:
—Es que somos de la poesía secreta. 


Galicia ten a súa mística; unha mística pagá de non crer nin deixar de crer —«Deus é bo, pero o demo non é malo»—, unha mística que acepta a dramaturxia católica coma unha pantalla tras a que seguir relacionándose cos deuses pequenos, revoltallos e sátiros. Esta cuestión trasloce na novela La puerta (Espasa), que vén de publicar Manel Loureiro. Entrevisteino hai cinco anos no restaurante España cando lanzou El último pasajero. Non me dera tempo a lelo porque o encontro se precipitara sobre as miñas ocupacións. Cando comezou a relatarme a trama, a historia do Valkirya, un trasatlántico alemán que aparece en 1939 á deriva e baleiro no Atlántico, logo recoñecín a historia do barco Wilhem Gustloff, que escapaba de Danzing cargado de 10.000 alemáns aterrados e famentos. Tres submarinos soviéticos afundírono nun mar Báltico a menos de 20 grados. Morreron cinco veces máis de persoas que no Titanic, pero os refuxiados carecen do encanto dos ricos británicos. Sobre todo, se a metade da pasaxe pobre son nenos. Como o que me estaba contando xa llo lera a Günter Grass en A paso de cangrejo, preferín mirar como se abría a primavera detrás do ventanal. Lembrei a Neruda: "Loca/ primavera/ luz desencadenada".

O certo é que non son lector para Loureiro nin para thrillers; non leo novelas de crimes. A vida é demasiado necesaria como para extirparlle o ritual tráxico da morte e convertila nun sudoku numérico a resolver. Lorca: "¿No llega el dolor nuestro a tus oídos?". Pero desta volta houben de ler  La puerta por disciplina profesional.

Manel Loureiro exhibe nela o tópico galego por necesidade de ambientación. "No puedes estar en una casa gallega en noviembre sin comer un buen cocido", leo despois de saber que a protagonista é natal da capital de España. Madrid é un ruído de fondo que se instalou nas nosas vidas incomodamente. Cando sufre Madrid temos que sufrir todos, mesmo se nos pide que someticemos unha sanidade pública que os liberais de Ayuso deixaron desarbolada e ferruxenta.

Ao principio de La puerta Raquel ten un cativo a morrer de cancro. Vive fóra de si. Ante o cercano do pasamento trata de que unha curandeira de sona en Galicia vexa o neno. Como é garda civil pide o traslado cerca de Pontevedra. O recibimento é un asasinato no alto do Seixo que debe resolver. Na Porta aparece o cadáver dunha rapaza co corazón entre as mans. A morta, claro, é guapa. Atribuímos á beleza un dereito superior de existencia sobre a fealdade.

Fausto: "Permanece. Oh, ti! Ti que es tan fermoso".  Os foráneos que chegan a Galicia traen na cabeza un tríptico de lugares comúns que visitar e gústalle que llelos amosemos.
—El monte Seixo era una montaña sagrada para los celtas, hace más de  3.000 años. Aquí enterraban a sus jefes tribales y cosas por el estilo —cóntanlle a Raquel cando chega—.

Vinte páxinas máis adiante:
—Era un lugar de poder especial, una zona mágica en la que conectaban con sus dioses.
Acabada a novela confeseime que, malia o meu perxuizo, La puerta está construída solidamente, e conducida con acerto e boa prosa. Empeza deformando o país para adaptalo ao tríptico, e remata explicando como somos e por que.

Os visitantes non entenden o estilo co que escribimos o país. O barroco español é excesivo no adorno, luctuoso e untado en ouro.

En Galicia vólvese un barroco sinxelo que rexeita a emoción traumática, e se comprace no ritmo irónico. O barroco é unha categoría moral que nós fixemos epicurea porque sabemos que o catolicismo garante o perdón a todo pecado e que os únicos que deben someterse ao xuízo divino son os protestantes.

Galicia era un país rico no salto entre os séculos XVII e XVIII. As elites dedicaron a plusvalía empresarial —que categorizaría Marx— a financiar igrexas e facerse pazos. No fondo entendían a vida: pazos para gozar do mundo e do pecado, e igrexas para facerse perdoar  de cara a entrar no Ceo; casas grandes para a vida perentoria e capelas para a vida eterna, nun continuum de sosego e felicidade. O "aterrador descubrimento da moral" de Eliot nunca nos preocupou. A xente reza a San Roque para que o can lle lamba as feridas cando rezarlle a unha fotografía do concelleiro de Urbanismo deixa de funcionar.

Axentes camuflados da poesía secreta
Comentarios