Blog | O Cabaret Voltaire

Berberechos salgados en Pepe do Coxo

As tertulias do Méndez Núñez reunían a intelixencia colectiva de Lugo. Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, Alonso Montero, Tino Grandío, Fole, Ánxel Xohán, Álvaro Gil. Mouriz debuxaba caricaturas deles mentres falaban. Sobre todo, falaba Manuel María. Cando chegaba Pimentel baixaba a voz. "Señores, respecto. Chega o difunto Pimentel"
Isaac Díaz Pardo
photo_camera Isaac Díaz Pardo

O MÉRCORES fun xantar ao Freixo, na parte da ría que abriga Muros. Tres amigos sentamos no primeiro andar de Pepe do Coxo. A mesa daba a un ventanal de alta resolución sobre o porto mollado. A bahía estaba azul coma un ceo renacentista. Ao fondo víase a ponte que Fraga se empeñou en construír en contra da opinión dos mariñeiros. Os sabios da experiencia preferían un caneiro. O kaiser de Vilalba nunca entendeu que, en política, a liña máis recta entre dous puntos é a curva. Fraga gañaba as eleccións en Galicia polo empuxe, non polo matiz.

O mércores o sol brillaba con empeño sobre o porto; facíao dende o norte, descolocado. O vento fresco apartárao dende o seu leste natural. As nubes aliviaban a temperatura e volvían agradable o ambiente. Unhas rapazas co recordo moreno do verán cargaban caixas azulonas con berberechos. Enchían as portas traseiras de camións brancos. Eses mesmos berberechos mollaban a boca, picaban levemente na lingua  co sabor a ría. O salitre subía polo nariz.

Comentei cos amigos que me convidaran que a miña intención para esta páxina eran as cartas entre Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Nelas foron bocexando a milagre de Sargadelos. Pregúntolles que pensan sobre Isaac, ambos o trataron. Un agacha a cabeza sobre as cascas, reméxese no asento. Outro di que se me serve Cunqueiro, o treixadura de Severino Fernández. Ao cabo, un deles, confesa que andou documéntadose para facer un libro sobre Isaac e desistiu.
—Este país precisa do mitos que o sosteñan.

Ás veces dan ganas de publicar a túa esquela no xornal e pecharte na casa para ler nas redes sociais a amigos, coñecidos e simpatizantes

Fíxome dubidar entre escribir hoxe co coitelo de diseccionar ou co perfume da ecuanimidade. Gústame chegar ao final do túnel que somos as persoas. A Luis Pimentel voulle manter o respecto por moito que Manuel María fixese bromas co seu carácter taciturno. Ás veces dan ganas de publicar a túa esquela no xornal e pecharte na casa para ler nas redes sociais a amigos, coñecidos e simpatizantes. Serán sinceros, non o dubido. O efecto placebo durará un tempo. Nuns meses volverán lembrarte como o San Diablo que es. Nuns anos ninguén falará de ti. Borges explicoullo a un escritor mediocre:

—La diferencia entre usted y yo es que a mí me recordarán algún tiempo más.

Poida que teña razón o meu amigo. Mellor deixar a póla de loureiro dourado cubrindo a cabeza de Isaac, mellor pensar no labor inmenso e talentoso de erguer unha marca de cerámica que acabou sendo blasón de todos nós.

—Sargadelos é un símbolo do país. Cando queres agasallar a alguén de fóra, que lle compras? —facíame ver o outro comensal.

Isaac amoldou a súa figura ao heroísmo. Aceptámolo sen cuestionalo. Todo heroe precisa un espello en negativo, un reflexo en defectos que realce ás súas virtudes. Segismundo García, o actual propietario, é presentado como antagonista. Os que sabemos un chisco sobre Sargadelos intuímos que a empresa acabou sendo unha centrifugadora de caos. Se non fose por Segismundo agora sería outra árbore negra no bosque queimado da nosa arqueoloxía industrial.

Galicia anda obsesionada polos heroes. Fixemos un monumento filosófico de Sempre en Galiza. Non supera a categoría de dietario dun exiliado con tempo para a melancolía. Castelao é o que se dá en Galicia cando se sementa un pensador. En España, a falta dunha elite de ensaístas con solvencia, cítanse as ocorrencias dos toureiros. Fraga explicáballo á prensa de Londres cando derrocaran a Salazar a base de cargar os fusís con caraveis vermellos. O embaixador estaba convencido daquela que Franco era inmortal como Walt Disney.

—España y Portugal son diferentes, como puede verse hasta en las corridas de toros.

Os lusos rexeitan matar os touros, pero venceron en Aljubarrota. Mantiveron a independencia. Galicia é un Portugal atrofiado polas inseguridades. A nós faltounos o proxecto. Non temos plan para o país porque ninguén o pensa con solidez. O cerebro de Risco era abondo, pero padeceu parálise mortal na ditadura.

Maside falaba a modo, acompañando coas mans a palabra exacta coma fan os xogadores de xadrez

Nós tampouco matamos touros nin nos agrada velos desangrarse con arpóns cravados no lombo. Somos impresionables, como estudantes de Medicina na primeira autopsia. A cambio, facemos estatuas a músicos. No monte de Santa Cruz, o gólgota de Ribadeo, temos un monumento ao gaiteiro. Mide uns 10 metros.

Colmeiro revelounos que Castelao era "malo como pintor e regular como debuxante". El, sen dúbida, prefería a Maside como heroe. Maside falaba a modo, acompañando coas mans a palabra exacta coma fan os xogadores de xadrez. Non deu para mito porque o seu talento —de proporcións soviéticas e desvelos populares— non foi declarativo, senón artístico. Facía pintura e escultura para o pobo, pero o pobo non entendía un carallo.

Manuel Fraga foi o encargado de descorrer en Ribadeo a bandeira española que cubría a homenaxe de Faílde ao gaiteiro. Cunqueiro, o escritor, ocupouse do discurso. Álvaro tampouco chegou a mito porque era un galán das ideoloxías e bailaba con todas. Soltáronlle as pitas na universidade sen considerar que xa escribira o Merlín e cambiara o rumbo triste e apoucado da literatura galega. Era un cínico, coma todos os idealistas frustrados.

O gaiteiro de granito amencera cunha segunda gaita de escaiola na entreperna

Nin Fraga nin Cunqueiro foran informados do que acontecera na mañá na que se ía inaugurar o monumento. Unhas horas antes empregados municipais subiran a Santa Cruz para preparar o acto. O gaiteiro de granito amencera cunha segunda gaita de escaiola na entreperna. O capitán da Garda Civil, campión de Castilla La Vieja de tiro ao pichón, non tivo vacilación. Desenfundou a trinta metros e disparou contra o falo indecente. Ninguén en Ribadeo lle contou que Pepe Gásoli fora o artista clandestino.

O político de Vilalba tamén quixo que lle escribisen a súa odisea, un Ulises chamado Manuel Fraga. Pouco antes de rematar 1967 anotara no seu diario: "Discurso frío de Carrero en un acto frío en Sindicatos. No es el hombre". Días máis tarde: "Pasé mi onomástica en casa y en familia; limpiando las armas de caza y velando las armas políticos". Víase con posiblidades porque Franco empezara ese apagamento chamado vellez. O ditador acabara por asumir que o brazo de Teresa de Xesús que presidía os seus soños na mesa de noite era inofensivo contra o paso do tempo. Aceptara que o seu destino se limitase á megalómana instalación que lle construíron uns republicanos no Valle de los Caídos a cambio dunhas racións de lentellas que podían contar con exactitude no prato.

Franqueira finou, simbolicamente, mentres vía un partido do Real Madrid. O presidente do Real Madrid é un ministro sen carteira.


O aljubarrota de Fraga como candidato en Madrid desterrouno a Galicia en 1989. Anos antes Eulogio Gómez Franqueira estaba facendo Coalición Galega; rehabilitaba unha torre da Caldaloba, o derradeiro bastión dos nobres galegos contra os Católicos. De non morrer en 1988 talvez daría consolidado esa alianza nacionalista de labregos e comerciantes tan necesaria. Franqueira finou, simbolicamente, mentres vía un partido do Real Madrid. O presidente do Real Madrid é un ministro sen carteira. O palco faille as veces de despacho no que se lle presentan cada domingo informes sobre a unidade e rendabilidade de España.

A idea do gaiteiro sobre a ría de Ribadeo foi de Pancho Maseda, un alcalde franquista que pedía aos rojos que quedasen na casa cando Franco durmía no parador para ir pescar troitas. Cando o xeneralazo faleceu. Maseda foi ás casas dos comunists.

—Vén de morrer Franco. Non cantedes moi alto na celebración.

Hai mortes que exaltan os calendarios, outras que nos descolocan para sempre.  Xa é difícil cargar co propio cadáver —saber que somos seres para a morte— como para soportar o peso dun pai que che mataron no 36 por delicto de galeguismo. Todos levamos enriba o que vai ser o noso cadáver durante a vida, pero Díaz Pardo cargou tamén co cadáver do pai. Debe de ser terrible deixar de ser fillo con 16 anos. Os pais son unha fortaleza biográfica contra a morte. Isaac viuse de rapaz na vangarda desbrigada dos ventos no alto do torreón medio derruído. Soamente era un neno.

Comentarios