jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Un carrusel para as bólas de mercurio

Abraham Cupeiro é perito de ventos. O luns tomamos café. Colleume a man, esvaecida coma unha xarda. Ceibou unha brisa para que sentise o sopro continuo. Entre mentres, eu faláballe do profesor que morría cada cinco ou seis anos, de que comer pescado azul máis dunha vez á semana é insán
Berta Dávila
Berta Dávila

CUPEIRO SOPRABA e sopraba coa tenacidade que soamente poden lograr un trompetista, un ciclista ou  un tradutor de linguas levíticas. Sopraba sen pulmón externo, sen fol. O músico sarriao vén de gravar o disco Pangea en Abbey Road. Abraham non se deixou impresionar pola capacidade do beatlelismo para cubrilo e anulalo todo, nin sequera se deixou amilanar por ser solista coa Royal Philarmonic Orchestra.

A súa iconoclastia é a mesma que cando, sendo novo, pegou unha páxina dunha revista na partitura dun director de orquestra nunha estrea. Empezou o concerto, chegaron á pasaxe na que aparecía unha fotografía do Playboy no atril. O mestre acertou a sorrir mirando para o rapaz trasneiro.


Transcorrera media hora na terraza de Augas Ferreas. Eu falaba e falaba porque me dá medo o silencio entre recén coñecidos. Abraham continuaba soprando sen pausa nin descanso. Os seus foles interiores semellaban dous tanques de osíxeno. "O que pode un corpo nunca o saberá ninguén", cantan os meus admirados Ataque Escampe no novo disco, A alma. O método de "soprido continuo" de Cupeiro non coñece doenza nin queixa. Se o aire circula polo corpo como nun circuíto pechado podes vivir eternamente.


"Todo o que mata é fermoso", asegura a personaxe de Berta Dávila na novela Carrusel (Galaxia). É unha novela preciosa e cruel coma caer co peito estaricado sobre a superficie plana dun cantábrico azulverdoso. Non hai testemuños fiables de que morrer sexa fermoso porque todos son díxome díxome, ninguén volveu do alén para contalo.


 Unha vez estaba no hotel Carlton de Bilbao, onde o Goberno vasco do 36 construíra un búnquer contra a aviación de Alfredo Kindelán.  Quixen durmir alí polas descripcións daquel pórtico do paraíso democristián e peneuvista que facía o meu avó Patxi cando eu era cativo. Cheguei á recepción cunha maleta azulona e un bote dentro dunha funda verde. O conserxe, un señor andaluz de chaleco a raias grises e granates que lle daba un porte serenísimo, colleume a maleta e tendeu a man para que lle cedese o cilindro.

—Comprenderá que o leve. É todo o que me queda do meu pai —informeino. El miroume pálido: "Comprendo". Mirou ao Ceo nun réquiem urxente, calado e secreto. Os ateos agradecemos as oracións prestadas porque son convencidas e eficaces, non tan ocasionais e incertas como as nosas.

Confiaba todo a Alfredín da Funeraria. Alfredrín organizábanos as lumeiras de San Xoán no barrio.  Era un trasno calvo e de orellas eran grandes coma a palma da man


Berta Dávila conta que as compañías aéreas aceptan as cinzas como equipaxe de man e eu pregúntoume por que levan o nome de compañías cando todo o que logran cando subes a un avión é que sintas dorosamente so cóbado con cóbado cun descoñecido.

Morrer ten unha artesanía. Eu tiña un profesor de Matemáticas, don Luis, que morría cada cinco ou seis anos. Desaparecía á metade do curso. Sempre en mércores para que a esquela aparecese en La Comarca del Eo —o semanario de Ribadeo— a tempo de que veciños, acreedores e o panadeiro fosen ao enterro. Confiaba todo a Alfredín da Funeraria. Alfredrín organizábanos as lumeiras de San Xoán no barrio.  Era un trasno calvo e de orellas eran grandes coma a palma da man. Saltaba dando pinchacarneiros coma mentres tocaba O bo, o feo e o malo na harmónica. Preparaba os funerais coa mesma trascendencia, pero todo o atrezzo da tristura.

Don Luis pagaba cinco curas para os seus sepelios en Santa María do Campo. Unha vez estivo por irlle monseñor Gea Escolano cando era bispo de Mondoñedo-Ferrol. A condución ata o cemiterio tiña marcadas dúas mesas de descanso para pousar o cadaleito entre a súa casa, unha mansión desdentada do século XVIII, e o camposanto.

O difunto encargaba ao servizo —unha ama de chaves coxa e un vello mecánico afeccionado aos viños máis ácedos de Valdeorras— que percorrese as prazas, feiras e bares para que lle contasen todo canto sobre o pobre don Luis se louvaba, contaba e rexoubaba. Na semana seguinte, gozaba lendo en La Comarca as súas bondades persoais e docentes.

Na terceira volta que morreu ninguén o deu tomado en serio, pero non podía evitar saber o que se pensaba sobre el. Confesaba que preparaba os seus sepelios porque non lle gustaban os recordos inventados,  sabía que o pasado é inmutable e, como consecuencia, quería deseñar o futuro ata a fronteira final: o pasamento.

Divírteme imaxinar lembranzas falsas. A última é entrevistar a Álvaro Cunqueiro  na súa casa enfronte á catedral de Mondoñedo. A sombra do sol esvaraba polo chan vernizado do salón. Baixo o ventanal había unha manta con mazás reineta. Don Álvaro estaba falangueiro: "Agora vivo e traballo en Mondoñedo cunha cruz de paz e amor no peito. Paso a noite toda vendo baloncesto: nomes, apelidos, brancos, negros. Mes a mes o campionato vai pasando e eu só quero que me queiran algo. O momento máis sentido destes anos: a final dos Cavaliers cos Warriors", como na canción Espada excalibur de Ataque Escampe.

El Hematocrítico vende libros de humor en todo o mundo. O éxito alleo é de mala dixestión


Algunhas persoas confunden Twitter co cariño. O Galitwitter leva un par de semanas revolto como o Mar viquingo do Norde porque El Hematocrítico empezou a publicar en galego os seus relatos infantís e topou coa esperable sorpresa de que, entre os seus tropecentos milleiros de seguidores, os máis ariscos son tan galegos coma el. Seica nunca tal vira, pero me estraña.


El Hematocrítico vende libros de humor en todo o mundo. O éxito alleo é de mala dixestión. Cometeu o erro de baixar á area dos alcumes, os grupos consolidados e a crueldade de disparar sen consecuencias. Entráronlle no arquivo, onde lle descubriron un pasado que contradice quen é agora El Hematocrítico. O malo do pasado é que é de mármore: pálido e inmutable. Todos os reis están espidos.

A amiga Natalia, personaxe de Carrusel, "carteábase con nenas que non coñecía cando estudaba en primaria". El Hematocrítico incorporouse á cultura do seu país ao publicar en galego e quixo cartearse con outros escritores. O desexo de profetizar na terra é comprensible, pero buscar admiración nas redes sociais é menos fiable que buscal nas revistas adolescentes, nas que había redactores que escribían cartas facendo de amigas invisibles.

O respecto universal soamente pode garantizarcho a morte. Hai un respecto de superstición que nos impide falar mal dun finado, como se temésmos que nos punzase con agullas de vudú dende o alén.


Mesmo hainos convencidos de que unha figura sólida como Ferrín precisa defensa. Manuel Forcadela vén de filmar o documental Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín. O director está certo de que se emprendeu "linchamento social de Ferrín que tivo lugar na Galiza nos últimos anos, sobre todo a raíz do seu paso pola presidencia da Academia Galega". Ese ataque sería «síntoma de que a sociedade está podre".  Ferrín como medida de a pureza.


Establecemos o incuestionable como elemento sólido que nos evoita ser arrastrados polo inesperado. "Non xestiono ben o imprevisible", recoñece a protagonista de Berta Dávila.

Hai unha escena na bonita novela de Berta Dávila na que o avó, que é ourive, lle bota mercurio na man. Esa prata líquida logo forma «pingas esféricas, perfectas».


Eu nunca valorara que unha xarda pode ter mercurio impregnado na carne. Éntralles mercurio polas agallas, polo que recomendan non comelas máis aló dunha vez á semana. Hai unha escena na bonita novela de Berta Dávila na que o avó, que é ourive, lle bota mercurio na man. Esa prata líquida logo forma «pingas esféricas, perfectas». «Unha soa destas pode matar un home», advírtelle o avó.


O seu tío tamén ten neuroses. Cando come macedonia ou ensaladilla rusa "analiza a disposición casual dos alimentos" antes de separalos por categorías co garfo. Adora "as matemáticas e outras linguaxes transparentes". Don Luis dicíanos en clase que el viviría nas matemáticas porque son "belas e perfectas, non hai fallos nin penas nin sirenas de ambulancias nelas".

Un carrusel para as bólas de mercurio