lunes. 23.11.2020 |
El tiempo
lunes. 23.11.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Un cento longo de prepucios filisteos

Laxeiro debuxaba reiteradamente. Ao remate da súa carreira, convencido de que trascendería, adoitaba coller un papel no bar e, diante dun amigo, trazaba un garabato e asinaba. Erguía o debuxo. "Canto pensas que vale?" A cifra sempre desmesurada. Daquela, rachaba o papel. "Agora non vale nada".

O VENRES BOTEI a tarde falando con catro pintores lucenses (Espiral, Guerreiro, Lomarti, Suso Otero) mentres o solpor ía esvarando polo románico da catedral. O debate era sobre a xenialidade de Picasso; ningún lla negaba: discutían o grado.
—Demostrou que era un xenio de neno, cando lle resolvía as patas das pombas ao pai, que non sabía pintalas.
—Iso é unha lenda. O pai era un bo pintor.

A trastenda da desputa era a habitual na arte: hai quen valora máis a técnica e quen valora máis a creatividade. O artista máis crítico sostiña que calquera obra que puxese a palabra Picasso ao pé era elevada a categoría de xenialidade.
—Eu prefiro a Juan Gris.
—Ti prefires a Gris porque é máis barroco.
Laxeiro tamén cuestionaba a Picasso. Argumentaba que se beneficiara de tres elementos para trascender:
—Tiña talento, era comunista e vivía en París.

Os criterios da arte son difíciles de apuntalar porque son subxectivos. Geoffrey Hill, de quen Lumen acaba de reunir poesía, apunta que «non haberá mito sen sangue que se sosteña». Para converter un artista en lenda temos que borrar as pegadas escuras que foi deixando. Unha tía avoa de Laxeiro levaba canda si un saco, comía co saco, durmía co saco. Dentro ía metendo cachos de tea. Habíaos grandes e cativos, de todos os tamaños. Dependía da gravidade do pecado que cometera.Estivo cargando co peso das súas faltas contra Deus ao longo de décadas. Ao cabo, púxose enferma. Cando chegou o tempo de morrer, queimou o saco na parte traseira da casa para entrar no Alén lixeira de carga moral.

Antes de encontrarme cos pintores na galería de Jorge Espiral tomara un café na Praza da Soedade. Na mesa do lado había unhas señoras, que eran loiras ata a sospeita.
—Hoxe morreu un escritor de quen teño un libro moi bonito na casa.
—Ai, si! E como se chamaba?
—Tanto ten agora. Está morto.

O autor do que falaban era Carlos Ruiz Zafón. Deducín que non trascenderá porque aquelas señoras esqueceran o nome. Se os vivos son incapaces de nomearte, extinguícheste. Faltoulle o sangue para o mito. Zafón non residía no lugar indicado, como Picasso. Marchara a Los Angeles, onde nin Ana Rosa nin Susana te van chamar para seres tertuliano. Tivo o mérito de que lexións de persoas pensaran que estaba lendo literatura para adultos cando el escribía literatura xuvenil, pero vai cruzar o río Limia e Décimo Juno Bruto non vai chamalo polo nome. Hegel definía os desaparecidos como «as flores do camiño que a Historia pisotea».

Son incapaz de imaxinar para que quere un rei un cento de cachos de carne inimiga

O autor de La sombra del viento non soubo rodearse dunha néboa mítica. O xoves, volvendo de Ribadeo para Lugo en coche, viñen escoitando Radio María. Uns locutores piadosos comentaban a petición bíblica que fixo o rei Saúl ao arribista David para que merecese ser o seu xenro:
—Se queres casar coa miña filla Mical deberás traerme os prepucios de cen filisteos.
"E antes de que o prazo se cumprira, ergueuse David e marchou cos seus homes, e matou douscentos homes de entre os filisteos. Daquela David trouxo os prepucios e deullos todos ao rei a fin de ser o seu xenro. E Saúl deulle a filla Mical por muller" (Samuel 18:25).

Desconcertoume a lectura bíblica. Son incapaz de imaxinar para que quere un rei un cento de cachos de carne inimiga. Os locutores de Radio María aproveitaron para sermonear sobre a envexa, pero eu non descubro envexa na encarga dunha misión que sería probablemente mortal, dado que, para cortar o prepucio dun filisteo antes había que curtarlle antes o pescozo. Parece máis ben que o rei puxo unha condición de difícil satisfacción por transcender, para que se falase del durante xeracións.

Non me estraña que Napoleón gardase un exemplar da Biblia e outro do Corán na sección de Política da súa biblioteca persoal. Isaac tamén tiña un apartado de Política na súa biblioteca de Sargadelos. O seu costume curioso era arquivar xornais por temas: Otan, 23F, crime dos marqueses de Urquijo,... Ese último asunto sorprendeume. Que podería atraerlle dun pequeño e miserable asunto que se enmarcaba no ámbito do corazón? Sería a atracción perversa da esquerda pola aristocracia?

Antes de achegarme a Ribadeo para xantar no Voar, eu pasara pola fábrica de cerámica en Sargadelos. Había corenta anos que non a visitaba. O meu pai era amigo de Isaac. Este permitíalle usar os fornos para un experimento con minerais que o mantivo ocupado varias décadas. 
—Se saen ben estas probas porémonos ricos para varias xeracións.

Tardei anos en saber que o señor que me daba pases para a piscina levantara toda aquela empresa de cerámica e era unha eminencia cultural

O meu pai morreu e o experimento nunca triunfou. O meu pai non transcendeu, pero careceu doutra ambición que disfrutar as flores que foi atopando polo camiño. Gustábame acompañalo a Sargadelos no verán porque Isaac me trataba amablemente. Tardei anos en saber que o señor que me daba pases para a piscina levantara toda aquela empresa de cerámica e era unha eminencia cultural. Para un rapaz de mar bañarse nunha auga tan branda que afundes se dás brazadas era fascinante. Non pensaba noutra idea.

Nesta última visita a Sargadelos permitíronme revitalizar a lembranza do meu pai metendo pedras nun forno, a lembranza (asumo que trastocada) de Cunqueiro saudando tras unha montaxe do seu Hamlet e a lembranza da biblioteca estupenda de Díaz Pardo. Saín do complexo intrigado, aínda que convencido de que os erros dos últimos anos e a egolatría crepuscular non rañaran a imaxe de Isaac. O incensario galeguista manteno nun altar perpetuo. Non me parece inmerecido. A súa cerámica é unha proeza e os seus legatarios intelectuais souberon varrer as sombras.

Napoleón levaba un libro canda si dende que era oficial: As mágoas do mozo Wetrher.Cando coñeceu a Goethe, no congreso de Erfurt de 1808, reprochoulle que escribise a pasaxe na que Carlota envía a Werther a pistola coa que se suicidará. "É contrario á natureza humana!". O escritor contestou cunha resposta técnica para que o deixase en paz. Non atinou a improvisar unha contestación que transcendese e a un emperador non se lles pode contestar o primeiro que che vén á cabeza. Menos, cando tes a Eckermann tomando notas para a posterioridade, como poden ler en Acantilado.

Antonio Piñeiro cita na última novela, Celada (Xerais), a noite de decembro do 1972 na que un estudante de Medicina que saíra de troula cuns amigos

Hai sucesos repentinos máis incomprensibles. Antonio Piñeiro cita na última novela, Celada (Xerais), a noite de decembro do 1972 na que un estudante de Medicina, que saíra de troula cuns amigos, volvía para a casa ás 2.30 da madrugada. Un subinspector de policía, que ten misión de evitar roubos noturnos, está falando cun sereno. Os estudantes, nun xogo, botan a correr. Unha patrulla da policía perségueos ata atrapalos, aínda que a alarma carecía de base. Cando vai identificalos aparece o subinspector. Dispara contra un universitario sen facer preguntas nin dar explicacións. O rapaz, de 18 anos, nunca chegou ao hospital. Chegou o seu cadáver, con 21 gramos menos de peso, que defenden os cristiáns que pesa a alma. Xa ninguén lembra ese mozo.

Hai artistas que transcenderon por riba da obra. Urbano Lugrís estaba na taberna Elixio, situada na rúa viguesa do Príncipe e frecuentada polo inspector Leo Caldas. Bebía unhas tazas xunto a Laxeiro e o xornalista Celso Collado. Entraron uns mariñeiros vascos, aos que Lugrís tivo a ben insultar a boca de xarro, sen mediar palabra. Un dos vascos soltoulle unha labazada. Aos catro días Urbano e volveu atoparse con Laxeiro e Collado. Lugrís largoulles un mangueirazo a cada un:
—Fago isto porque pensades que fun covarde o outro día!

Un cento longo de prepucios filisteos
Comentarios