Blog | O Cabaret Voltaire

A cor das palabras no París sometido

O editor Xan Arias Andreu rescata en Trifolium a valiosa tradución de Catro cartas a un amigo alemán de Albert Camus que fixo Xosé Manuel Beiras. O tema das misivas é o escritor como heroe épico ou como heroe ético

Albert Camus. EP
photo_camera Albert Camus. EP

O RICACHO mallorquín Juan March financiou a Franco cando o baixiño de Ferrol se disfrazou de cruzado. Debeu de suporlle asinar un cheque ao portador con moitos ceros. Ao contrario do que se caricaturiza sempre, a violencia non é gratuíta. Depende da dimensión, pero, ás veces, e inxentemente cara. Financiar un golpe de Estado non é ir ao barato, precisamente. Sae máis a prezo que mandar apuñalar o guapo que che atende á muller. Son lerias que se contan na vila de March dende 1916, pero que non hai cantar de cego que as acredite.

A maiores de pagar o capricho megalómano do xeneral africanista, March deixou unha fundación que aínda hoxe ten unha programación cultural marabillosa. Pero, antes, nos anos 60, sostiña unhas bolsas de estudos apetecibles. Xosé Manuel Beiras aproveitou unha no curso 66-67. A única mágoa foi que non o becasen un ano máis tarde, cando Francia floreceu no maio estudantil do 68. O Principiño da nosa dereita galeguista, a promesa destinada a ser o primeiro presidente de Galicia, tiroulle bo proveito á axuda: estudou no Institut de Science Économique Apliquée, aprendeu francés e traduciu para o galego varias obras interesantes.

Entre outros textos fundacionais, Beiras trasladou á nosa lingua Catro cartas a un amigo alemán, de Albert Camus. Para esa tarefa animosa usou unicamente a edición francesa que Gallimard editara en 1948, pero non puido valerse dun diccionario de galego porque non levara. Esa falta nótase para ben e para mal. Tanto porque o galego de Beiras vibra tanto como vibra todo Beiras con liberdade, como porque ten erros rechamantes.

Falaba o outro día co amable Jorge Coira sobre o documental Vivir dúas veces, que está elaborando xunto co seu irmán Pepe —tamén amable— e con Gaspar Broullón —o que non coñezo—. O traballo pretende deixar unha memoria de quen foi o profeta, exexeta e condutor do nacionalismo moderno no país.

Jorge estaba emocionado pola capacidade de transmitir do personaxe.
—Cre no que di e exprésao con vehemencia. Concordo en que a cámara recolle o seu carisma de líder, como recollería calquera lente ou ollo que se lle puxese diante.

Beiras paréceme un cerebro poderoso que se manifesta no mundo a través da traxicomedia. Se setenteando, como agora, é paixoal, encantaríame telo coñecido con vinte anos, cando escapou daquel Santiago de clausuras e chocolates que aínda supuraba pola ferida do Concilio Vaticano II. Coa bolsa cargada coa herdanza do golpista mallorquín, Xosé Manuel chegou o París iluminado polas Sartre, Foucault ou Althusser.

Cando rematou Catro cartas a un amigo alemán, fixo un paquete e mandouno a Vigo á atención de Paco del Riego, que publicou o texto na revista Grial en 1967.

Xan Arias Andreu é un editor madrileño de Oleiros e un editor exquisito de seu. Vén de recuperar ese texto en Trifolium, que comprobo que xa non é unha firma coruñesa, que se transfomou en granadina porque ten a sede social en Capileira. Ese topónimo, tan galego que podería ser mozárabe, responde a un lugar de 560 veciños.

Imaxino que foi ocupado por antergos nosos na longa marcha promovida por Felipe II en 1571. De calquera xeito, un século despois do progromo musulmán. Non me atrevo a afirmalo sen que mo corrobore Xan. Dende ese sitio tan fascinante, Arias Andreu sigue amando os libros bonitos e publicándoos.

Agora que se discute a exhumación de Franco, o bolseiro bélico de Juan March, resulta  acaída a lectura dos catro ensaios epistolares que Camus remitiu a un suposto amigo de Alemaña. O escritor imaxina ese excamarada adoctrinadísimo por Joseph Goebbels. Imponlle unha carga ideolóxica para usalo como diana contra o nazismo. Na ficción do escritor francés, levan cinco anos sen falárense, os mesmos que pasaran dende o comezo da Segunda Guerra Mundial.

Albert Camus escribe no París ocupado, nese momento en que "los uniformes grises de los alemanes añadían ya mucho gris al gris del cielo bajo parisién y al gris negruzco de sus casas", como escribiu César González Ruano. Daquela, o periodista español delinquía felizmente na capital francesa extorsionando xudeos. Ese texto tireino das memorias que redactou na serra do Guadarrama, nunha "terraza colgada del infinito". Podería ser Capileira —asoma a un barranco da Alpujarra—, pero era Torrelodones.

París foi humillado por Hitler durante cincuenta meses, entre a rendición de xuño do 1940 e a entrada dos republicanos españois da 9ª o día 24 de agosto de 1944. O ambiente unicamente podería describilo un canalla como Ruano: "Policías improvisados, confidentes y colaboradores activos, un verdadero ejército de macarras, delincuentes profesionales, chulos y boxeadores en ocaso, renegados y traidores en el campo de las izquierdas y aventureros que en la Gestapo tenían su verdadera patente corsaria llena de esvásticas y águilas protectoras".

O propio Camus vive a Ocupación como unha novela negra, na que hai perigo, aventura e amor. Non faltan o axeixo esgotador da Gestapo nin a relación áspera con María Casares, a quen quixo amar e por quen quixo ser amado cunha cobiza que exasperaba á actriz galega. Coñecéranse na noite do 6 de xuño de 1945, cando rapaces norteamericanos e británicos se surfeaban en sangue nas praias de Normandía.

Nos textos que traduciu Beiras, Albert Camus evita a crónica, non describe; reflexiona sobre a postura moral que debe tomar fronte a un exército colonizador que humilla, tortura e fusila cidadáns franceses. Camus evita "situarse no porvir para xulgar o presente", pero parece escribir aos nazis mirando sobre a mesa a súa propia esquela e a súa trascendencia.

Camus redacta esas catro cartas entre xullo do 1943 e xullo do 1944. Nas augas máis fondas e escuras deses textos pode atoparse a frustración por verse excluído da vida épica —cando vai alistarse é rexeitado por tuberculoso— e da vida lírica —María Casares e máis el estaban namorados, pero nunca se gardaron exclusividade—. O escritor oponse á violencia que desenvolven os heroes grazas á súa coraxe, pero os seus pensamentos traslocen o resentimento de non dar accedido a esa elite.

Ao principio do libro, en xullo de 1943 —no terceiro ano do París sometido— o escritor trata de establecer uns principios de bondade que poida manter nunha incubadora aillados dos crimes que se están cometendo ao redor. Semella buscar un imperativo categórico kantiano para situarse nunha postura que o manteña incólume ás tentacións da violencia.

En Catro cartas a un amigo alemán comeza sendo refractario a toda acción cruel que equipare a franceses e alemáns: "As palabras collen para sempre a cor das accións ou sacrificios que suscitan. E a de ‘patria’ colle en vós [nos nazis] reflexos sanguiñentos e cegos, que ma fan estraña para sempre". No París avasalado, Camus fai sumas e restas sobre a súa posibilidade de sobrevivir e desespera, pero un ano máis tarde, cos libertadores achegándose a París, cambia o ton: "Cada alemán que non dea saído de París, representa unha bala menos para os soldados aliados e para os nosos camaradas franceses do leste. O noso porvir, a nosa revolución, están por enteiro neste presente, acugulado dos brados da cólera e dos furores da liberdade".

Censura que se escriba sobre o presente coa ambición posta no futuro, pero el faino  constrinxido por esa incertidume de non saber se poderá sobrevivir e coñecer ese provir.

No ámbito da moral, Camus ten unha conduta irreprochable e valente mesmo no medio do incendio ético que supuxo o París nazi; no ámbito da humildade, eu non diría que aventaxa a González Ruano: "Me repugna ahora ponerme galas de aventurero ni paños mojados de víctima o dejar entender que yo fui un enemigo de Alemania y de la organización hitleriana para colgarme medallas falsas de fácil cotización que no me interesan y que, desde luego, no me corresponden".

Comentarios