martes. 14.07.2020 |
El tiempo
martes. 14.07.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

O cuarto de baño de Carlos Valcárcel

Algunhas dependencias das vivendas son ignoradas. Ás veces, deberíamos darlles moito máis protagonismos do que lles ofrecemos

NINGUÉN CRERÍA que un cuarto de baño pode xenerar beneficios maiores que alivio intestinal e hixiene xeral. Pero hai cuartos de baño que deberían ser referencias patrimoniais. Penso nos aseos da revista The New Yorker ou no de Carlos Valcárcel, por exemplo. Eu faría un museo co cuarto de baño de Valcárcel, que é un deses artistas con máis talento que ambición social. Carlos é un fotógrafo de Lugo, en Lugo temos unha chea de fotógrafos que son felices e que se queren. Non hai nada máis extraño que o amor dun creador por outro porque cada quen ten o seu amor propio que mimar. A admiración por un artista ten máis que ver coa imitación e, como consecuencia, co desexo de ocupar o pedestal do admirado.

O martes asistín a unha conferencia de Carlos Valcárcel guiada pola súa neta Teresa. Fun por curiosidade, porque a fotografía para min é unha das variadas artes nas que se manifesta a miña torpeza. Cando era neno quitaba fotos con aquelas cámaras nas que se abría a tapa bruscamente e saltaba a cara dun pallaso. Pensaba que a fotografía consistía en sorprender, asustar, facer rir. Na adolescencia deixeime fascinar polas polaroids, as cámaras dos que somos impacientes e non podemos agardar os centos de trazos dun debuxo. Di a miña filla que as polaroids están de volta. Non entendo o motivo porque nin posibilitan a inmediatez e a manipulación das cámaras dixitais, nin teñen a artesanía e a solemnidade das analóxicas.

Carlos Valcárcel falou sobre o seu cuarto de baño como a peza máis importante da súa casa. Imaxino que tería outro porque os seus fillos non eran poucos, pero el soamente se referiu a ese que escureceu ata convertilo no seu laboratorio de revelado.

—Empecé a hacer las fotos en blanco y negro; porque, si las hacía en color, tenía que enviarlas a un laboratorio y no sabía lo que me iban a entregar. Igual me sacaban un tono que no me gustaba.

Carlos ten 90 anos e o oído dereito tupido. Sigue razoando tan velozmente como cando o coñecín, en 2007. Gustaríame ter falado con el nos anos 50, cando parecía un beatnik: pelo engominado cara a atrás, lentes de pasta negra, unha fenda no queixo e un xeito de ladear o sorriso con retranca cando fala. Naquela altura gustáballe o cómic. Aprendeu composición, encadre e, sobre todo, contraste nos vellos tebeos: no Flash Gordon de Alex Raymon, no Tarzán de Burne Hogarth e no Príncipe Valiente de Harold Foster.

Valcárcel: Las personas son paisaje. Tengo mucho cuidado de que no me vean cando los fotografío. Si me miran, no me vale.

Aos trinta anos lle prestaron unha Kodak Retina II –que el chama Retinette–. É unha cámara de pel negra e aceiro, agradables ao tacto. Para el é un invento tan bo "como la minifalda". Animouse daquela a fotografar. Botaba as fins de semana percorrendo Galicia nun Seat 600 xunto a dous colegas. Era todo un investimento en gasolina e película, que competían en prezos elevados.

—Llevaba diez o quince carretes, pero no me arrepiento, porque, si hubiese tirado solamente una vez, igual no me servía esa.

Eu sei que Carlos nunca me fotografou, pero hai moita xente que poderían asegurar o mesmo e enganarse.

—Las personas son paisaje. Tengo mucho cuidado de que no me vean cando los fotografío. Si me miran, no me vale.

As paisaxes de Carlos Valcárcel son caras pálidas de señores que asoman baixo a rixidez do traxe de festa e a boina, son mulleres cubertas de panos negros mortuorios, son vellas servindo augardente na barra, son noivas coa vida brillando na cara. Son Cartier Bresson, pero tamén son Ansel Adams cando quita longas rectas das estradas chairegas. As nubes do fondo están encastradas no horizonte de xeito que nunca poderás humedecer os dedos con elas.

O sábado anterior a este vinme arrastrado a unha foliada con De Ninghures. Levo case toda a vida consciente vivindo en Galicia e nunca asistira a unha. Foi como o estranxeiro que volve á súa terra natal, pero nunha viaxe breve e fascinada á tradición. Chamoume a atención o xeito artesanal de organizar o baile que acompaña á música. Había seis afeccionados organizados en dúas ringleiras opostas. Cando se detiña a danza, un dos participantes, o máis espilido, iniciaba unha serie de pasos que debían de ser imitados polo resto.

Pareceume un xeito manual de armar un baile, como cando Carlos Válcárcel se encerraba no aseo e botaba toda a noite con ollos abertos coma un gato de Schrödinger para saír cara ao seu traballo no Hispano Americano. Deixaba a secar unha desas imaxes que figuran en Historia de la fotografía de Marie Loup Sougez o que o Centro Reina Sofía escolleu para a mostra 4 direcciones.

Alejandro de la Sota deseñaba edificios dun xeito artesanal. Estaba na casa tocando o piano en pixama e, de cando en vez, collía o lápis e facía o ximnasio do colexio Maravillas

O mércores, cando lle concederon outro Nacional de Arquitectura a Manuel Gallego Jorreto volvín pensar nese xeito tradicional  e manual de facer a arte. O ourensán é discípulo de Alejandro de la Sota. O mestre pontevedrés animaba aos alumnos a mirar a arquitectura cun caderno porque serían quen de facer o máis importante: comprendela, saber os motivos polos que un valado ten unha forma, un trazado e un material concretos. Alejandro de la Sota deseñaba edificios dun xeito artesanal. Estaba na casa tocando o piano en pixama e, de cando en vez, collía o lápis e facía o ximnasio do colexio Maravillas, a central leiteira de Clesa e obras de arte coma esas. Gallego Jorreto tampouco debuxa para proxectar. Está na cama e escribe uns folios nos que trata de comprender o edificio que pretende construír enmarcado no emprezamento físico e histórico.

Cando se me reúnen esas ideas na cabeza lembro a Maeve Brennan, a xornalista que convertiu Manhattan nun salón de estar para The New Yorker. Nacera no campo, cerca de Dublin, filla dun líder independentista reiteradamente encarcerado por participar no procés. Maeve estableceuse en Nova York. Nos seus artigos buscaba a vida entre os rañaceos inmesos e baleiros: unha luz dunha habitación, un home nunha azotea, uns nenos xogando na rúa. Como non tiña familia, inventouse unha de paseantes e comensais. Unha vez estaba xantando nun restaurante. Agardaba pola sobremesa. Unha señora caeu infartada.

—Espero que non haxa ninguén no mundo que teña que sufrir por esta morte repentina –compadeceuse.

Ela vivía soa en todos os sentidos. Era solteira, sen fillos, sen amigos, sen ninguén que a botase en falta se morría.

—O xelado de café chegou ao mesmo tempo que a ambulancia –anotou sobre o pasamento inesperado ao que asistira.

Maeve Brennan acabou rendéndose á soedade. Ela, cruel, esmagoulle a mente. Nos últimos anos non saía da redacción do The New Yorker, onde os periodistas, as secretarias e os conserxes facían o que podían para axudala. Nos últimos meses pechouse no cuarto de baño. Se alguén se achegaba para ofrecerlle comida era recibido con berros e rabuñaduras. Soamente a deron quitado para levala á residencia na que morreu, pouco depois, en 1993. Pero a escritora sabía o que era unha casa.

—O fogar é un lugar na mente. Cando está baleiro, vibra. Vibra cos recordos, rostros, lugares e épocas pasadas.

O cuarto de baño de Carlos Valcárcel
Comentarios