lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Dalí ten dúas mans; Disney, milleiros

Salvador Dalí. EP
Salvador Dalí. EP

HABÍA MOITOS anos que Pacho sabía que volvería ser novo. A esa hora na que as panadarías empezan o reparto, Pacho achegouse á Atalaia. Dobrou coidadosamente o seu traxe negro de neopreno xunto a un canón do século XVI que apunta a Figueras e arrimoulle un misto. A fogueira alumeou unha ceremonia intensa de emoción e voluptuosa de lume. O vurullo, escuro coma un niño de corvos, quedou abandonado.

Pacho pechouse na casa. Non volveu saír. Vivía cunha irmá. Foi ela quen o atopou pálido mentres miraba unhas imaxes de Candem tiradas cun tomavistas. Un inverno da vellez Josep Pla meteuse na cama cunha foto e un whiskey para lembrar unha noiva que tivera, Aurora.

—Afectoulle le retour de l’âge —comentara Daniel, un topógrafo culto. Tomaba un cortado contra o escaparate do Cantón de Nemesio.

Dende outra mesa do café téñolle escoitado que Josep Pla se embarcara nun petroleiro lentísimo para ir visitar en Bos Aires a Aurora. O escritor debeu pensar en abandonarse na Arxentina porque os petroleiros nunca volven a porto. Son barcos máis grandes que os portos e máis soberbios que as baleas. Hai un día no que as baleas se renden e se deixan arrastar pola corrente a unha praia. Pacho varou na casa. Le retour de l’âge. Cando estás canso da vida resucitar a inocencia axúdache a sobrelevar os días.

Pero estoulles contando a historia polo revés. Pacho levaba uns días xubilado cando queimou o traxe de neopreno. Andara emigrado en Gran Bretaña, sei que atendendo acorazados como mecánico na base naval de Plymouth. O caso é que botara unha moza francesa, que é de onde son as mulleres que nos marcan o corazón. Queríanse confortablemente e tentoulles probar o destino, deixar que el os unise para sempre se así estaba escrito. Nun momento dado, ambos decidiron cargar o seu amor nunha pistola e xogar á ruleta rusa: Pacho volvería a Ribadeo; Brigitte, a Fleury sur Orne, un sitio cunha ponte de ferro preciosa, dez quilómetros ao sur de Caen.

Cincuenta anos máis tarde, aquel tempo volveu á cabeza de Pacho e estendeuse dentro ata ocupala por completo, como se lle estoupara un airbag no interior do cranio. Unha tarde comprou un traxe de bucear no Eroski —o grande, o que está nas aforas de Ribadeo— e foi en bici ata a praia de Rochas Brancas. Empezou a adestrarse, nas tardes coas súas mañás, para nadar quilómetros e quilómetros. Foron meses ata que se considerou preparado.

Unha mañá, segundo a amencida rompía augas, botouse ao Atlántico dende aquel areal e nadou e nadou. Non foi lonxe. A garda costeira, que volvía a porto tras patrullar furtivos, detívoo a media milla da boca da ría e obrigouno a subir a bordo. Os vixilantes preguntáronlle a onde se dirixía. Quería bordear a costa ata chegar á Canle da Mancha para ver a Brigitte en Fleury. O destino esquecera do seu amor, pero el non. Que por que ía nadando?

—O amor precisa de heroes para ser íntegro.

Ninguén en Ribadeo ten constancia de que Pacho morrese. Soamente de que desapareceu, que é o xeito de morrer dos heroes

Acordei de Pacho nun avión que se dirixía a Boston. En Boston a xente morre e desaparece; coa excepción dos policías, que caen tiroteados. A cidade ten farolas nas que medran pracas que lembran axentes mortos en acto de servizo como se fosen estranos froitos negros, que cantaría Sés. Estaba no South Central. Agora é un barrio de señores que baixan unhas escaleiras vermellas entre reixas negras de ferro para rescoller o Boston Global envolto nun plástico co coidado co que se conxela un cadáver.

Ninguén en Ribadeo ten constancia de que Pacho morrese. Soamente de que desapareceu, que é o xeito de morrer dos heroes: o seu corpo queda intacto, como o dun resucitado ao terceiro día.

Sobre Boston fala Michel Houellebecq, que afirma en Serotonina (Anagrama), que a casa consistorial de Boston é o edificio máis feo do mundo. É un exemplo de brutalismo arquitéctonico, que, psa!, un debe mirar coma unha beleza distinta, extraviada dos canons, do mesmo xeito que miraría unha nave invasora de Star Wars.

Pacho tampouco era concretamente guapo. Era atractivo dun xeito difuso. Máis forte e máis moreno que todos os socorristas que eu teño coñecido na miña curta e despectiva vida praieria. Lendo a Capote no voo a Boston acordei del, dicía antes. O norteamericano conta unha historia semellante en Los perros ladran (Anagrama), aínda que a súa historia é ben máis incrible. Nuns apuntamentos sobre o Nova York de 1946 fala dun comerciante italiano que vendía radios na vida actual, pero que fora o mellor salvavidas da praia de Rockaway nunha vida anterior. O problema é que esa encarnación de vésperas era un negro de ollóns saltóns nada ‘patrone’. Vitale coñecía ben a árbore xenealóxica dos corpos que ocupara a súa alma. Unha mañá de verán apartou os bañistas contumaces de Rockaway para lanzarse a auga cun destino secreto. Os socorrristas de verdade non tardaron en quitalo do mar.

Josep Pla soubo manter sen mancha de realidade a lembranza da súa fazaña nas tardes de Tramontana nas que lía o New Yorker deitado na cama dende as tres da tarde.

Nova York tamén ten o seu heroísmo porque é unha cidade erixida por profetas, poetas e pola sagacidade cruel de Donald Trump. Nunha viaxe recente pareime diante da Torre Trump. Lembroume esas duchas de aluminio dourado que se montaron nos chalés dos enriquecidos na primeira década deste milenio.

Henry Miller durmiu unha vez na casa dun amigo. Cando foi ao excusado, que era grande coma un campo de badminton, descubriu que a porta de saída estaba chea de sinaturas de músicos, actores, escritores e estrelas fulgurantes da radio. Miller non era, digamos, coidadoso coas vivendas. O seu caos puido ser a última nota que decidiu ao seu amigo rico a ordenar ao servizo que a mansión quedase limpa coma un quirófano para parturientas. Á mañá seguinte, o mordomo xefe —un mexicano que tiña os beizos finos e os ollos luminosos de Jorge Negrete— anuncioulle que a casa estaba en disposición de revista. O propietario sentíu un salto no corazón e saíu correndo cara ao baño.Como temía, os criados limparan a porta ata deixala branca como unha novicia.

Non padeceu medo nin reflexión. Mandou á ama de chaves facerlle as maletas para unha longa viaxe e ao chófer atar fortemente a porta danada ao teito do Impala do 37. Durante 43 días percorreu o país, de Hollywood a Broadway, pedindo a cada amigo famoso que convidara a durmir na súa mansión, a que asinase novamente. Esa é a linguaxe da eternidade, a koiné dos heroes.

Norteamérica multiplica o heroísmo. Miller conta que Dalí «era moi aburrido, botaba todo o día traballando mentres nós estabamos bebendo cervexa ao sol». ‘Nós’ eran Anaïs Nin, Gala e máis el. Compartiron casa en Birmingham.

O pintor de Figueres descubriu en Nova York a natureza dos heroes no tempo moderno, en 1939. Unha tenda da Quinta Avenida encargoulle unha instalación para un escaparate. A obra, A noite e o día, consistiu en vestir maniquís con traxes e con copas de licor de menta rodeados por moscas, teléfonos en forma de langostas e unha bañeira peluda. "Quedé contento con el resultado, pero al día seguinte vi que me habían cambiado todo el escaparate", denunciara Dalí. "Entonces entré a los dos escaparates y a patadas rompí todos los maniquíes. Y después volteé la bañera peluda para dejar inutilizable el escaparate por regar toda el agua que había, pero la bañera rompió el cristal".

A partir desa quebra do cristal, Henry Miller definiu o que sería o novo xeito de ser heroe: "Dalí ten dúas mans, Disney ten milleiros".

Dalí ten dúas mans; Disney, milleiros
Comentarios