Os dedos de cirurxián de Deus

André Gide
Cando estiven na Uci e dei saído unha amiga sinaloume a man de Deus como explicación e solución.

O ARGUMENTO é absurdo, pero estiven xogando intelectualmente con el. Se Deus meteu os seus dedos misericordiosos no meu cerebro para tapar un burato nunha vea, ben podería ter apartado os dedos finos de Becelbú cando ma rompeu na véspera. Cando menos podería non terme deixado pasar tres días no hospital antes de reaccionar. Agora en serio, seguirei pagando impostos con fe. Os neurólogos do Sergas son máis eficaces. Mativéronme no mundo sen esixirme que lles  rezase a cambio.

Fascíname que haxa persoas intelixentes e con bagaxe de lecturas que viven convencidas de que existe un ser superior con superpoderes. Se Deus é totalidade debe abranguer o mal, o que contradice a natureza absoluta da súa bondade.

Pero, está ben, aceptarei que hai milleiros de persoas que teñen unha intelixencia e unhas lecturas respectables e, sen embargo, miran cara a arriba para falar a unha conciencia absoluta. Mesmo, entre eles, hai relixiosos que viven desa conversa e para esa conversa. De cando en vez, unha desas persoas chega a ser o interlocutor elixido por Deus, o Papa.

Estes días, coas fraquezas de Francisco I, ando vendo e lendo sobre pontífices. Recuperei a película Habemus Papa de Nani Moretti. A idea é interesante: elixen o cardeal Melville como papa. El non acaba de aceptar o cargo porque sente pánico. Daquela sae correndo e desaparece por Roma adiante. O papa electo quere ser actor. Nese momento torcéuseme o guión. Dei por suposto que esa vocación de Melville levaríao a reparar en que nunca haberá un escenario tan grande, coidado e complexo como o Vaticano. A ambientación é inmellorable. Hai un amplitude de espazos, un luxo elegantemente sinxelo e uns decorados deseñados polos artistas máis talentosos da historia. Todos os movementos que fan os actores implicados na Santa Sede están determinados y medidos porque responden a ritos, costumes e tradicións que soportaron o paso dos séculos. Pero Moretti non soubo velo. Pareceume unha pena porque amo fondamente o seu Caro diario.

Esta noite fun ao cine ver Cónclave. Había ben tempo que non via unha película tan ben construída e cunha mensaxe tan diafanamente contada. O papa morre, 108 cardenais péchanse na Capela Sixtina para escoller outro. Edward Berger, o director, explica a estrutura de poder da Igrexa e o seu mecanismo de funcionamento. Hai unha xerarquía vertical coroada por unha elite que se rixe por unha norma electoral democrática para escoller un líder con poderes amplos e vitalicios. O proceso é o mesmo que en calquera elección indirecta de carácter político: hai candidatos que recaba votos, mentindo, enganando, facéndose trampas e promesas. A salvedade é que cada aspirante debe finxir que non quere selo.

Unha tensión entre a reacción e a civilización

O debate de fondo que se propón é a tensión actual entre a reacción e a civilización. A dereita extrema denomínao Batalla Cultural e ten como diana as ideas woke, esas que falan de respectar que cada persoa sexa quen quere ser. Pero os melancólicos do pasado falan de batalla, para deixar claro que non buscan o intercambio de ideas nin a busca de acordos, senón a vitoria radical. Resulta lóxico desde o punto de vista bélico que teñen eles porque van gañando en todo o mundo.

Cónclave argumenta a favor da comprensión e da misericordia cos débiles con mestría por parte do guionista, Peter Straughan; pero o final deixoume confuso. O papa que acaba sendo elixido ten unhas virtudes que deberían representar á Igrexa, pertence a unha minoría social desprezada e humillada, pero a personaxe está introducida forzadamente na trama. Penso que se podería ter feito con máis naturalidade. Con todo, pídolles que acudan aos cines. Ver traballar Ralph Fiennes e a Stanley Tucci a dúo é admirable, e cada fotografía ten o sentido da color de Fra Angelico, o sumo sacerdote da tonalidade.

Vendo esta película acordei de Los dos papas de Fernando Meirelles. Ficciona os días de despedida de Ratzinger como pontífice e o traspaso a Bergoglio. Imaxina as conversas, as complicidades, as admiracións. Realmente non sabemos cómo foi esa relación, quero dicir, que eran dúas persoas empuxadas ao diálogo pola decisión inaudita do alemán de renunciar á súa dignidade vitalicia. O contido desa conversa é opaco. E debe continuar séndoo pola trascendencia do cargo papal. Meirelles optou por tinxir de caramelo o seu filme. Pareceume un agradable entretemento de sobremesa. 

Uns candidatos contra outros

Cónclave ten un punto de vista máis cru. Afronta os cálices da Igrexa: os abusos sexuais e os manexos financieiros escuros, pero non se dirixe a analizalos, senón que son temas que adquiren relevancia en tanto son ferramentas que usan uns candidatos a papa contra os outros.

Eses asuntos xa foran abordados por André Gide en Les caves du Vatican, que se traduciu en español como Los sótanos del Vaticano, aunque a palabra cave ten un sentido máis de adega, menos aséptico moralemente que soto.

A novela, de 1914, é unha provocación disparada coma un obús contra a Praza de San Pedro. Hai un fillo natural dun aristócrata que se rebela, un aspirante á Academia Francesa que se decata de que a súa obra é inane, un triángulo amoroso formado por burgueses con aspiracións, e ladróns e protitutas que cometen crimes. De todos os personaxes o meu preferido é un masón ateo que cura dunha reuma terrible. Pensa que foi a man de Deus e empeza a crer, ata que sufre unha recaída que lle fai asumir a realidade