Blog | O Cabaret Voltaire

Dous bañistas sen ningún pudor téxtil

Manuel Gago conta que na súa infancia na Pobra do Caramiñal daban por certa a historia de que o párroco se presentara cunha gran cruz de prata na praia de Baroña, secundado por toda a parroquia. Acudiu exorcizar uns rapaces que estaban en roupa de Adán e Eva, pero sen folla de parra
Manuel Gago.EP
photo_camera Manuel Gago.EP

MANUEL recoñecíame onte que a santa compaña local non chegara á praia nin houbera parroquia nin cruz nin sacerdote, pero que fora un convencemento colectivo. "Na miña mitoloxía os nudistas eran igual que os mouros", un seres estranos e fascinantes, pertencentes a outras voces e a outros ámbitos. Si que había rapaces que se bañaban, tomaban o sol ou xogaban ás pás cruamente espidos.

—As reaccións sobre eles na vila eran encontradas. Uns dicían que era unha porcallada e outros parecíalles ben. Sabiamos que pasaba algo estrano en Baroña, que para uns era escuro e para outros divertido.

Os pioneiros do nudismo en Galicia foron Manuel Fraga e Pío Cabanillas nos anos 60. Fraga era ministro de Información e Turismo e Pío Cabanillas, o seu subsecretario e delfín. Aquel verán do amor en Europa os dous aproveitaran a cercanía das vacacións para inaugurar un teleclub nunha vila da costa. Despois un marcharía a Perbes e outro a Pompeán. Cabanillas comentou que lles viría ben darse un baño para poder soportar a calor. "Non temos bañador, Pío". O subsecretario coñecía a zona. Deu unhas indicacións ao chófer ata unha cala. Mandárono tomar un albariño e regresar unha hora despois. Manuel e Pío poderían quitar a gravata, o traxe, os zapatos e mesmo a roupa interior. Quen precisa de bañador nun país de praias deshabitadas e recunchos discretos? Quitaron ata a roupa de alivio. Metéronse na auga e empezaron a nadar.

Cando levaban dez minutos na auga sentiron un autobús, que se detivo sobre o areal. Empezaron a baixar monxas en branco e negro. Pensaran tamén que aquela praia agochada lles permitiría gozar dun lecer con algunhas prendas menos das habituais. Fraga mirou cara á costa. O horizonte converteuse nunha ringleira de relixiosas horrorizadas de atopar dous homes bañándose sen pudor téxtil.

O ministro levou as mans ao centro do corpo para botarse a correr cara á praia. Pensou que o coñecerían polo televisión, pero non que era improbable que aquelas mulleres consagradas aos sinais de Deus tivesen televisor. Menos acordou de que o chófer tardaría cincuenta minutos en regresar. Pío Cabanillas estaba cuberto ata o bandullo pola auga do mar. Observaba o escándalo das monxas e a carreira de Fraga, que era torpe porque ía agarrándose o pendente. —Manolo! A cara, Manolo, tapa a cara! Manuel Gago vén de publicar Nús (Xerais), onde conta a historia de Toño Figueroa, nacido nunha estirpe de aristócratas galegos. Ao longo da novela vai descubrir a liberdade sexual e o poder políticos que amenceron de vez na Galicia dos anos 80. Nas prímeiros páxinas conta como saben do nudismo seis anos despois do pasamento de Franco. "Nós , pudibundos señoritos, corruptos a moita honta, crápulas de devoción e católicos de educación, vimos como todo o grupo de alemáns quitou a roupa coa naturalidade de quen tira os zapatos, e deixárona pendurada das cordas de tender que tiñan prendidas entre os piñeiros para logo se ir á praia".

O profesor de Psicoloxía na USC Miguel Cancio foi un dos promotores da Coordenadora Nudista Ecolóxica Radical (CNER), xunto co tamén profesor Pedro Arias e varios médicos. Ao igual que Toño Figueroa eles empezan a ir a Baroña, que era unha praia inhóspita de Porto do Son, tras o rastro duns alemáns que se viñan espindo na praia dende primeiros dos anos 70. —"Sabíamos que en las playas de Las Teresitas, en Tenerife, y de Chiclana, en Cádiz, había chicas que practicaban topless. Terminaron procesadas por el ‘corpus delicti’. Nada comparado con los cuíños, piroliñas, perrechiñas, carrachudiñas y ameixiñas ‘free’ que en Galicia se habían desnudado del hombre viejo, como mandaba San Pablo". Cancio, que non coñecía o episodio de Manuel Fraga coas mulleres de vida entregada ao Creador, animábao a quitar o traxe de baño no programa vespertino de Pepe Navarro en Televisión Española: —"Don Manuel que el culo al aire, en verano y para el baño, es muy sano y no hace daño". O profesor estaba espido e con paraugas porque chovía.

Os inicios do nudismo en Galicia foron arduos. Unha mañá un grupo de axentes da Garda Civil baixou á praia de Baroña para deter todos cantos alí estaban exentos de roupa. Catorce ‘coiristas’ foron levados ao cuartel por escándalo público . Botaron tres días, coas súas dúas noites, no calabozo.

As sospeitas de delación dirixíronse ao párroco de Baroña Sabino Lema. Pouco despois o cura foi convidado a un debate sobre naturismo no pazo de Xelmírez, en Santiago. Outro poñente, Miguel Cancio, prefería a presenza do arcebispo Rouco Varela para aumentar a dimensión da rifa.

—"Diplomacia vaticana de monseñor Rouco: Se autoriza a Sabino Lema para que intervenga en el debate, pero no se lo recomienda". O escritor Manuel Gago enmarca a loita polo pudor alleo no tránsito de gramáticos e xuristas entre a morte de Franco, a recuperación da democracia e a instauración do goberno autónomo. Xa nin nos acordaba un executivo de nós porque fora perdido nos tempos suevos, cando os países se organizaban en reinos.

O escritor fálame do seu protagonista:

—"Toño Figueroa é un dos vástagos dunha familia que pasou da fidalguía á burguesía coruñesa. Representa esas persoas que, sen estar interesadas na política, vense ensarilladas nunha batalla das máis excéntricas que houbo en Galicia, a do nudismo, que era diferente a todos os outros movementos sociais. Foi algo pioneiro, que singulariza o noso país no ámbito da Transición".

Para Gago hai unha contradición difícil de comprender entre a Galicia dos anos 80, con pneumáticos ardendo e vellas pegando cun paraugas á Garda Civil, e o que aconteceu nos procesos electorais deses anos. Os resultados dos referéndums sobre a Constitución o Estatuto foron pobres. "A sociedade parecía estar mobilizada, pero non se reflectiu nos resultados electorais". No medio aparece a estratexia nudista de evitar a violencia e o enfrontamento, "de ridiculizar". É inédita no ámbito politico español, onde se protesta coa gravidade dun enterro do Conde de Orgaz.

Outra singularidade galega é que "nas fotografías dos medios non aparecen todos os que mandan, soamente os políticos. Hai persoas que deciden mandar e calar, non estiveron nas mobilizacións, pero tomaron o poder". Engade o autor que "os cociñeiros cóntanche que os ricos non van comer nos seus restaurantes, comen na casa, e, se comen algunha vez, deixan o coche tres rúas máis aló para que non llelo vexan. En Madrid ou en Valencia o poder visibilízase; pero en Galicia, non. Para Manuel Gago esa conduta de manterse no segundo plano vén motivada por unha supervivencia. "Ostentar é dar información ao rival, así que o exceso faise na casa ou fóra de Galicia".

O protagonista de ‘Nús’ identifica eses ricos taimados como "as 300 familias galegas que pasan a fin da fidalguía a fins do século XIX a dominar a nova estrutur a que chega co estatuto de autonomía". Eles non acreditaban en que Galicia se xestionase per se, pero descubriron que era unha ferramenta para incrementar o seu poder. Non foron os únicos. A un nivel menor, laboral, "todos os que non foron votar para que Galicia tivese unha autonomía ocupáronse de intentar colocar os seus fillos na Xunta".

Comentarios