lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Durmir coa man na fronte para reter os soños

Vivimos no románico. Estamos refuxiados no espazo escuro e recóndito das nosas casas, encollidos baixo un arco de medio punto, traumatizados por un ser poderoso, invisible e ommnipresente; confiando nun pantocrátor que nos salve.

EU SON DOS QUE visten como para ir traballar,pero non necesitan enganarme. Cada máñá atraveso o Cantón con pés de gato unxido pola ampla e negra sombra do confinamento. Trato de non pestanexar. William Blake advirte de que os anxos liscan cando senten o pecharse mudo das pálpebras. Nunca vin un anxo, soamente a Cristo; pero foi nunha solitaria e añorada ocasión. Por iso intento non ser aparatoso cando camiño neste Lugo que parece de estrea.

Levo uns días sentindo unha nostalxia desgarradora do século XX. Botei 35 anos nese fogar e todo o que me queda agora é a memoria da lixivia que botaba a miña nai para apagar a humidade. Visto con calzas "feitas da néboa de antaño", que protestaba o trobador Martín Eans ao seu señor. Nacín 16 días antes de que Bob Dylan publicase Highway 61 Revisited e dous anos despois de que Jacqueline Kennedy saltase nun coche en Dallas, antedecinme en catro veráns antes á pegada de Armstrong no secarral grisáceo da Lúa. Pero a memoria máis sobranceira que teño é estar durmindo na casa coruñesa do meu tío Juan, que había tempo volvera da División Azul e quedara transido polo socialismo escolástico de Tierno. El ocupaba a cama do lado.

Unha noite acordei do sono. Mirei cara ao armario. Vin un busto de Xesús flotando no aire maxenta da habitación. Souben que era el porque estaba trazado coas lóxicas pinceladas nórdicas dos palestinos no ano cero. Os ollos eran azuis coma fiordos e  a melena, longa e loira. Cruzara sobre o peito a man de trigo cunha mancha vermella no centro. Logo entendín que lle pasara como a Dani cando se disparara coa escopeta de balíns de Salvador sen apuntar.

Pechei os ollos e volvín durmir con tanta paz como Roosevelt na noite de asinar na Conferencia de Ialta. Non tardei en espertar porque o meu tío Juan erguérase na fronte rusa e nevada, e empezara a dar ordes en alemán dende o alto do cabalo branco que montaba en Novgorod. Levantei suavemente a cabeza. Xesús continuaba proxectado contra o armario, que era da madeira falsa das noces. A imaxe non se movera nin para rañar a orella, polo que supuxen que o Salvador estaría nun trance.

Dende aquel día, cando paso por diante da catedral, entro e deixo unhas moedas no peto de ánimas; aínda que desconfío de que os coengos acorden de servirlles un café con leite clarísimo e uns biscoitiños azucrados. Poida que a miña visión do Cristo fose un soño. Os soños son relatos que se conta a alma polas noites para escorrentar o aburrimento.

Este mes de marzo transcorre tan despacio que nos vai sorprender maio e aínda estaremos a mediados, sen ter gozado abril. Intento reter os soños pola noite para lembralos e distraerme durante o día. A técnica é sinxela, pero incerta  porque os soños son de auga e esvaran entre os dedos. A manobra consiste en deitarse coa palma da man esquerda cubrindo a fronte. Debe vostede tapala toda a xeito de ededrón sueco, sen deixar buratos polos que poidan escapar. A dificultade consiste en manter a man nesa posición durante a noite toda. É importante non despegala cando se erga e coller un papel e un bolígrafo para anotar coa man natural os ensoñamentos. Os que somos zurdos usaremos a dereita e escribiremos coa esquerda. Hai que deixalos reposar unhas horas e, daquela, xa estarán listos para ler. Pode sazoarse a gusto.

Cando saio da catedral tras atender as merendas do Purgatorio atraveso a Porta Miñá, o arco baixo o que pasou o xoglar Fernando Esquío ao chegar a Lugo dende Santiago para atender unha amada. "Que fixestes, amigo, alá en Lugo, onde andastes/ ou cal é esa fermosa da que vós vos namorastes?/ —Diréivolo eu, señora, por tan ben me preguntastes:/ o amor que eu levei de Santiago a Lugo/ foi quen me levou, e comigo o traio...", foi o que lle contou. Pero ese lirismo do trobador levaba un recendo a figo maduro se atendemos a outro seu poema. "A vós, Dona abadessa,/ de min, Don Fernand’ Esquyo,/ estas doas vos envyo,/ porque ssei que ssodes essa/ dona que as merecedes:/ quatro caralhos franceses/ e dous aa prioressa". O noso poeta era importador de entretementos galos xa no século XIII.

Carecemos de noticia de como recibiron abadessa e prioressa os agasallos de Esquío porque a obsesión do estamento católico co sexo non prendería co rigor preciso ata o 13 de decembro de 1545, cando empezou o concilio de Trento. Dous anos máis tarde o congreso moral trasladouse a Boloña por temor a algo tan moderno como unha praga. Parte dos bispos negouse a marchar. Eles non atendían a lerias sanitarias porque estaban certos de que os queixos provenzais que lles servían eran hixienicamente sagrados. Miraban cara ao ceo e descubrían que "o olor era o mesmo que os pés de Deus", concretaba Paul Lafargue.

O conflito rematou cando o avance sobre Trento das tropas do príncipe Mauricio, elector de Saxonia; quen obrigou os pais conciliares a fuxir da cidade en 1552. O noso reino galego estaba representado en Trento polos bispos de Astorga, Lugo e Tui; mansos os tres. 

Foi Juan Francisco Blanco, prelado de Ourense, quen advertiu que "non me gustan aquelas palabras Proponentibus Il. Et R.D.D.L." —eu tamén ignoro a que se refiren—, aínda que aceptou o peche conciliar. Cunqueiro consideraba que Ourense ten unha cor mordorée (cobriza) que definiu tras atopala en Proust, unha cor presente no propio nome de Guermantes e na coraza do rei galo Francisco I —tan receloso de Trento—.

A peste é tan antiga coma moderna. A xeración de mozos que a padece agora vaise guiar por esta barreira de lume que arrasa os nosos saúdos, as nosas caricias, os nosos bicos. Os nacidos na metade dos anos 60 —que é como nacer no medio dos Ancares— desenvolvemos un respecto á natureza ao concienciarnos coa crise do petróleo de 1973. Os pozos ardendo eran para nós imaxes de poetas simbolistas: viamos dólares ardendo nesas lapas, aínda que non sabiamos o que significaba iso porque falabamos en pesetas. Unha década máis tarde o furacán Hortensia varreunos a madrugada, unha mazaira a vinte metros da casa e dous cipreses. Aquelas árbores gardaban altas e dignas a entrada da horta coma se fose a Porta de Tannhäuser.

Agora, con 54 anos, podo presumir de que fun súbdito dun dictador, dous reis, seis papas e doce adestradores do Ribadeo. De todos eles, amárgame pensar en que pasou unha ducia de expertos polo banquiño da miña vila e nunca tiveron o detalle de facerme unha proba.

Todo o que agarda un das autoridades, mesmo das deportivas, é atención. Espero que tras cumprir anos no vindeiro ferragosto, se me considere para os descontos de Renfe e para os grupos de risco de todo virus transnacional. Confío manter a honra da fidalga María Balteira. Despois de cantar, bailar e arreconchegarse con soldados, cregos e xoglares na corte de Alfonso X, soamente se arrepentiu pola banda da idade: "Son vella, ai capelán".

Balteira disfrutou o que lle petou ata que a renderon os anos. Marchou desprenderse da vida onda o mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde erixiu unha cabana. O seu amigo Alfonso X mandou que lle enviasen "madeira certeira" para as trabes segundo "a medida de España/ que non de Lombardía ou de Alemaña/ e porque é grosa non vos sexa mal/ que delgada ben menos mal".

Como tiña propiedades maternas na zona cedeu unhas leiras ao mosteiro de Sobrado. A cambio pediu que á súa morte "os monxes a leven nun ataúde cuberto de tres varas de estanforte vermello, e lle dean dó cumprido de familiar". O perdón do pecado non depende da súa gravidade, senón do pecador. O mundo xira no mesmo sentido dende que é mundo.

Durmir coa man na fronte para reter os soños
Comentarios