Blog | O Cabaret Voltaire

Durmir cunha lanterna na mesa de noite

Xosé Cuíña caeu dunha Harley Davidson un día de 1993. Aprendeu "dúas leccións, unha física e outra moral". "A lección física é que mesmo o conselleiro de Política Territorial debe obedecer a lei da gravidade e a lección moral é que ten que estar preparado para caer". Aguantou unha década nas acrobacias sobre dúas rodas da política.
Xan López Domínguez.
photo_camera Xan López Domínguez.

ESTA NOITE andei lendo Bichería (Xerais). O novo libro infantil do ilustrador lucense Xan López Domínguez explica o comportamento de animais con textos de Carlos López. "O pequeno vagalume tenlle medo á escuridade" polo que "durme sempre coa luz acesa".

Lembrei que iso mesmo facía o acomodador do cinema de Ribadeo, Adolfo O Linterna. Compraba pilas por ducias na tenda de trangalladas que tiñan os Restrepo a cincuenta metros do Teatro Cine. Mantiña acesa a súa lanterna grosa e metálica durante toda a noite. Deitábase cedo, ás once. Axudaba pouco ao seu sono habitar a sala de autopsias do cemiterio municipal. O alcalde Pancho Maseda acondicionáralla. A Adolfo gustáballe o insomnio acompañado. O panorama de cruces e tumbas parecían revivir en cada luar. Metíanlle medo os perigos nocturnos, coma cando as sombras dos xabaríns correteaban polo cemiterio na busca de churros e chocolate. Os rapaces despedían as esmorgas nos panteóns máis adornados. Adolfo termaba das pálpebras ata a saída do sol.

A maiores do vagalume, Bichería inclúe no reino dos animais insomnes o can pastor. É tan responsable que "conta as ovellas que garda para quedar durmido". Unha noite "púxose a contalas e decatouse de que faltaban dúas, e coa preocupación non puido prender o sono".

Cuíña aconsellaba aos políticos durmir cunha lanterna na mesa de noite. Houbo unha cea de 1976 na que Fraga presumiu a Felipe González: "Recuerde que yo soy el Poder y usted es la Nada". O socialista tardou seis anos en contestarlle. Vitoria absoluta en 1982. Anos despois, en 1986, Manuel Fraga Iribarne estaba tan convencido de que gañaría a González que formou un shadow cabinet (goberno na sombra) da escola anglosaxoa á que asistira na embaixada de Londres. "Esta vez sí. Los sondeos indican que podemos", garantíalle a Pilar Cernuda. Tres sombras da súa Coalición Popular aparecíanselle sobre a cabeza da periodista. Óscar Alzaga, Alfonso Osorio e Miguel Herrero de Miñón eran almas simbolizando a santísima trinidade que quebraba o seu partido: conservadora, liberal e democristiá.

Bolton é un analista minucioso e intelixente. Tamén un contumaz defensor do bombardeo que deixa o terreo rozado á diplomacia

Donal Trump nunca temeu ás sombras porque a imaxe do seu equipo non lle provocaba insomnio. Tampouco a súa individual. O seu rexeitamento ao resultado electoral arrima un barril de pólvora aos piares que asentaron a democacia hai douscentos anos nos Estados Unidos.

En 2016 escollera a John Bolton para a carteira de Seguridade Nacional. Bolton é un analista minucioso e intelixente. Tamén un contumaz defensor do bombardeo que deixa o terreo rozado á diplomacia. Trump chamouno:

—Hey, John! Queres formar parte do meu goberno? Din que es un poli malo.

—Cando xogamos a poli malo e poli bo, o poli bo sempre é o presidente.

—Neste caso haberá dous polis malos —contestou Trump entre gargalladas.

Imaxino as reunións de Donald Trump co seu executivo cunha escea que me contara Alfredo Conde. Fraga rodeado dos seus doce apóstoles conselleiros. Quita da carteira seis periódicos. Empeza a pasar páxinas. Detense en cada folla durante o suspiro dun anxo. Arrinca unha páxina. Dalla ao conselleiro do ramo. "¡Ocúpese deste asunto!". Alfredo asegura que a penas pousaba os ollos no xornal, "pero nunca se equivocaba" no reparto dos seis xornais.

Iribane confundía a intelixencia coa astucia.Cada vez que formaba executivo, Cuíña avisabao:

—Don Manuel, as eleccións non se gañan con títulos universitarios, senón falando coa xente na rúa.
Fraga estaba tan convencido de que superaría os votos de Felipe González en 1986 que tapaba a marxe de incredulidade de Pilar Cernuda: "Nunca hemos estado mejor situados; mientras, los socialistas decaen". Volveu perder.

Tras impartir 23 mitins en oito días, a voz de Felipe González soaba como a voz do pai de Hamlet cando se aparece no venteado Elsinor

Xosé Cuíña foi destituído 2003 tras ser acusado de prevaricar con material de limpeza para o Prestige, aínda que non foi condenado por xuíz ningún. O César, como a súa muller, debe parecer honrado. John Bolton explica en La habitación donde sucedió (Espasa) o condicionante que houbo de superar para ser elexido secretario de Seguridade Nacional: "Era imprescindible superar o que os nacidos tras a Segunda Guerra Mudial chamábamos o cuestionario sobre sexo, drogas e rock and roll. A trampa non estaba nas parvadas que tiveses feito ao longo da vida, senón nas parvadas que tiveses recoñecido nalgunha entrevista".

Jordan Bonfante, que foi xefe de corresponsais europeos da revista Time, recoñece que a mellor entrevista dun político español concedeulla Felipe González en outubro de 1982. Faltaba unha semana para as primeiras eleccións xerais que o enfrontaban a Fraga. A Bonfante non lle resultara doado falar co socialista porque, tras impartir 23 mitins en oito días, a voz do candidato soaba como a voz do pai de Hamlet cando se aparece no venteado Elsinor.

Felipe González dera un mitin en Vigo en plena noite e tiña que marchar durmir en Ourense. O seu equipo propuxo a Bonfante que remitise un cuestionario; pero, bo periodista, este negouse a esa falta de respecto. Alegou que o Time non dedicaría a portada a unhas cuestións que podería contestar calquera asesor de prensa do candidato. Pactouse un encontro nun hotel ourensán. Felipe González quedou impresionado co xornalista norteamericano porque lle deu tempo a facer un varrido por todo o panorama do momento nos 16 minutos que lle concedeu.

Cando rematou o seguimento dos comicios, Jordan Bonfante recoñeceu ao seu editor que estaba exhausto.

—Os españois fan campañas políticas do mesmo xeito que educan aos nenos: todo o interesante comeza ás once da noite.

Adolfo era o correcán. Esa encarga consistía en vixiar que os cans sen dono non se entremetesen nas procesións e funerais

A esa hora Adolfo marchaba deitarse no cemiterio de Ribadeo. Prendía a lanterna, que era coma unha barra de salchichón en metal brillante. A maiores de ser o garda entre as sepulturas e de acomodar espectadores no cinema, Adolfo era o correcán. Esa encarga consistía en vixiar que os cans sen dono non se entremetesen nas procesións e funerais. Cantáballes: "Este pandeiro que toco,/ este que teño na man,/ este pandeiro que toco/ é de pelexo de can".

Non atopei un correcán no libro de Xan López Domínguez. Nin sequera se describe un animal político, polo que estou por pensar que é unha metáfora da prensa. Carlos López explica en Bichería que "o primeiro mapache que houbo dispúxose a lavar no río o seu alimento. Caeu ao río e a súa pel destinxiu. Roubou do arco da vella o marrón e o gris", o que xustifica que "non teña esas cores e que o mapache leve no seu rostro o antiface de ladrón". Demasiadas veces identificamos mapaches e políticos. Paréceme desmesurado e inxusto.

Cada politico é un animal da súa especie. John Bolton conta que as reunións con Trump era monólogos do presidente que remataban con este dicíndolle:

—Coinciden os nosos puntos de vista, estou de acordo en todo o que dis. John. Moi de acordo.

Felipe González empezou sendo un tigre. Agora trata de revivir no cemiterio dos elefantes

O exsecretario de Seguridade Nacional fai unha confesión nas memorias: "Ao final comprendín que Donald Trump estaba convencido de que podía dirixir o poder executivo e establecer unha política de seguridade para Estados Unidos guiándose polo seu insinto, confiando na relación persoal cos líderes estranxeiros e, sobre todo, na súa concepción da posta en escea".

Felipe González empezou sendo un tigre. Agora trata de revivir no cemiterio dos elefantes. Despediuse coma un alacrán no medio do río. Nun mitin do PSOE celebrado en outubro de 1997 no Pavillón de Expo Ourense falou en palabras de ouro sobre o candidato á Xunta Abel Caballero. Empezou a soar a sintonía de peche. Pétalos de rosa voaban felices sobre o patíbulo de oradores cando pediu que baixaran a música. González volveu ao micrófono.

—Voy a dar una alegría a la derecha. ¡No me voy a presentar a las próximas elecciones generales!
Nese momento, Fraga soubo que sentaría en San Caetano. O seu antigo rival cubrira a Caballero coa sombra do pai de Hamlet. Felipe montara a Abel na súa Harley Davidson para deixalo caer en menos dunha hora.

Comentarios