Blog | O Cabaret Voltaire

A festa na que Pío IX paseaba por Londres

O día 5 de novembro gustaríame estar en Londres, pero tócame izar estas velas do periodismo local, o que máis acerta nos cambios de vento. O martes estiven en Ribadeo. Recuperei na casa Apuntaciones sueltas de Inglaterra, onde o xornalista ilustrado Leandro Fernández de Moratín  fai crónica dunha viaxe a Londres no ano 1867.
BAROJA
photo_camera BAROJA

OS LONDINENSES celebraban a Conspiración da Pólvora de 1605. Fora un conciliábulo católico —entre eles, Guy Fawkes—, unha maquinación confesional para matar a Xacobe I e toda aristocracia protestante que deixara de rezar cara a Roma. A idea era meter uns barrís de pólvora nos baixos do parlamento na apertura do ano político para rebentar aquel rabaño de impíos. Os intrigadores foron detidos. As súas cabezas foron consecuentemente separadas dos respectivos corpos por baixada de machado. Dous séculos máis tarde, Moratín negaría a maior sen unha única proba: "La Conspiración de la Pólvora fue una maldad atribuida a los papistas".

O ilustrado madrileño conta que o preparativo da festa do 5 de novembro comezaba "con algunos muchachos pidiendo dinero por las calles para quemar al Papa". Pío IX era quen poñía firme á Garda Suíza na altura, despois de que os franceses tiveran que repoñelo no trono porque se refuxiara no Reino das Dúas Sicilias atemorizado pola furia revolucionaria de 1848. Tras ter superado ese pánico, o pontífice non debía de sentirse impresionado polo costume londinense de que os ricos brindasen por ver pasar o seu cadáver, as beatas anglicanas rezasen pola súa alma negra e os rapaces paseasen figuras de palla con báculo pastoral, solideo e cruz pectoral. O meco papal era sometido ao vía crucis: "Es insultado, silbado, escupido, manchado de lama y arrastrado; al fin y a la postre, muere quemado por la noche, con grande satisfacción pública", describe Moratín.

A cara de Guy Hawkes ha quererlles soar porque a inventou o debuxante David Lloyd para un cómic escrito por Alan Moore. Agora é un símbolo mundial do movemento anarcoide Anonymus. O curioso é que cada ano se venden 100.000 máscaras revolucionarias cuns beneficios que engrosan a ortodoxia capitalista de Warner Bros.

Nos anos en que Moratín —escribe Julián Marías— "moja la pluma en tantos tinteros y nos va dejando a lo largo de los caminos de Europa algunas de las páginas más vivaces inteligentes y divertidas que podemos leer en castellano", o poeta de Celanova Manuel Curros Enríquez escapara da casa por practicar o lanzamento de braseiro na cabeza paterna. Contaba con quince anos, «cuando la niñez acaba y la juventud principia». Debateuse en Madrid nunha "lucha contra el hambre, el frío o la miseria, contra todas las necesidades inherentes a la carencia de un oficio o de una profesión que le produjese lo más indispensable para vivir", como dramatizaba o seu biógrafo Luciano Cid Hermida en 1908. Cando volva ver a Manuel Jabois comentareille esta pasaxe para que perciba a dimensión da súa conquista pagana na capital do xa reducido imperio español.

Curros salvouse non pola fe, ou si, en certo modo, porque sabía latín grazas aos estudos bíblicos e puido comunicarse co crego


O dramaturgo Manuel Linares Rivas afirmaba en 1921 que o escritor de Celanova tivera que escapar de Madrid en 1872 cara a Cartaxena para embarcarse na bodega dun mercante que arribou na capital británica, "donde vagó como un perro sin amo y famélico hasta que fuese a quedar dormido en una iglesia protestante". Un pastor protestante espertouno. Outro biógrafo, Benito Fernández Alonso, conta que "tanta era la debilidad y el aturdimiento" do noso poeta "que aquel pastor protestante le ayudó a caminar y atendió sus necesidades". Curros salvouse non pola fe, ou si, en certo modo, porque sabía latín grazas aos estudos bíblicos e puido comunicarse co crego. Curros recuperou a dignidade dando clases de español a unha familia, aínda que non deixa de plasmar nunha carta familiar "los doce años de soledades y extrañezas pasados lonxe d'a miña casa".


A morriña é unha doenza espiritual na que os fármacos con litio pouco teñen que dicir. El Progreso concedeu o Premio Puro Cora deste ano a Manuel Jabois, así que veu a Lugo recollelo. O meu compañeiro Adrián López Portomeñe fíxolle ver que merecería o galardón, "aínda que soamente fose por escribir o himno da Décima". A letra de Hala Madrid... y nada más paréceme un artefacto, por moito que queira atoparlle o ánimo encendido da "cima sagrada e victoriosa" de Curros Enríquez. Cando lle brindei a miña opinión, sendo consciente de que non lle interesaba, contestoume:
—A ver, Jaure, non se trataba de escibir un soneto, senón unha letra que  puidesen cantar os afeccionados.

O xornalista de Sanxenxo sorprendeume coa súa timidez. Faloume co cariño explícito e habitual, e comportouse na entrega cun retraimento que non esperaba dalguén que se dirixe cada noite a millóns de radioíntes. Tratou cunha deliciosa amabilidade con todas os admiradores que se lle achegaron, que máis que persoas foron lexións no sentido do verso de Walt Withman: "Eu son inmenso e conteño multitudes". Pero a sensación do seu corpo, tímido e desubicado, era unha ansiedade por volver á casa:
—Son un neno sen destetar —contoume para definir a harmoniosa relación coa nai.

Ese amor levouno Proust ao extremo. En Cartas escogidas. 1888-1922, que publica Acantilado, escribe en 1902 dende o hotel L’Europe de Ámsterdam á mamá: "Crín quince veces abrazarte ao día seguinte. Nunca pensara que podería botar quince días sen abrazarte".

Perón cancelou o edificio literario e puxo un lobo do servizo secreto a vixilar a Borges día e noite

Logo de acabar esta longa carta que lles estou redactando seguirei o consello do filósofo Julián Marías no prólogo de Apuntaciones sobre Inglaterra.  Anota que esas crónicas europeas «son la ocasión en que Moratín llega a ser plenamente escritor: olvidado de las censuras, de los ojos suspicaces, de la mojigatería y la malevolencia». O libro é cativo, así que terei monodose de Moratín esta tarde.

Jorge Luis Borges non podía ver, unicamente sentía un ruído e un medo ás feras troskistas que el imaxinaba axeixando o seu apartamento. Ao primeiro foille grata a rixidez peronista, despois volveuselle amarga. Durante a segunda entrega da ditadura importa polo auriga nacido en Lobos e morto en Olivos—acertou na toponimia— o escritor negouse a colgar os retratos de don Juan Domingo e de Santa Evita na Sociedade Argentina de Escritores. Perón cancelou o edificio literario e puxo un lobo do servizo secreto a vixilar a Borges día e noite. Cando Julián Marías visitou Buenos Aires, Jorge Luis Borges, que era consciente da dimensión do filósofo español, quixo homenaxealo en proporción. Todo o que puido conseguir é que un socio se fixese cunhas chuletiñas de cordeiro no mercado onde traballara o propio Borges contando galiñas, porcos e castañas cando caera en pecado ideolóxico e houbera de descender do ceo de dirixir a Biblioteca Nacional ao Inferno dos Abastos.

O dono dun café da avenida de Corrientes aceptou asar o año e mesmo convidou aos licores daquel banquete para pobres dionisos do ostracismo ilustrado. Na sobremesa, Borges animou a Marías a visitar a Sociedad de Escritores. El era cego, pero pediu unha vela para que o visitante non se sentise coma un espectro.

Moratín e Curros, Marías e Borges, eran urbanos e ateos. A escrita é un asunto que circula mellor por rúas asfaltadas e descreídas. Cátedra reedita agora en luxo etrusco Familia, infancia y juventud de Pío Baroja, tan afastado espiritualmente do seu homónimo Pío IX. Baroja desfrutaba coa conversa de Galdós, pero molestáballe o seu fanatismo urbano. Conta que, en canto lonxeaban un pouco do centro de Madrid, logo de albiscar os primeiros matos silvestres, Benito quedaba parado,en posición de revista.
—¡Baroja, media vuelta! ¡El campo!

A Pío gustáballe pasear. Iso que sufrira un intento de ser paseado a causa de ser librepensador.  Detíverano uns carlistas despois do golpe africano de Franco e os seus secuaces de camisas verdes e azuis. Un ano despois, na Salamanca liberada para Deus e a Patria, tivo que prometer lealdade á ditadura que lle envelenaba o fígado.
—Jura por el Ángel Custodio?
—Juro por lo que sea costumbre.

Comentarios