martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Joaquín Sabina asoma tras unha lúa negra

Bertín Osborne reveloume unha vez que Frank Sinatra gravaba dous discos por ano sendo novo. «Publicaba uno y guardaba el otro para cuando fuese un viejo de voz débil»

JOAQUÍN SABINA TEN UN COCO, que seguro que un virus cun nome garcilasiano acabado en -coco. Deixou de saír a escena para o resto da xira. Tampouco sairá para as 6.000 persoas que confiaran en escoitalo na Coruña en dúas ocasións. Colapsou. Botará  unha tempada no Inferno dos artistas porque lle marchou a voz un día de aí atrás nun concerto en Madrid. As voces e as sortes non teñen reposto. Ás veces acontece que a túa voz marcha e non volve. As voces non son amores queridos, amores reñidos; non dan portazos nin mandan ducias de whatsapp de reconciliación. Non, fuxen de nós en silencio. As voces son vellos que faltan da cama unha madrugada, que se converten en ausencia e aparecen boca abaixo no río.

O talento permítelle a Sabina pagarse todos os vicios e tamén as copas e os cigarros. O gintonic e o tabaco son gastos que o cantautor desgrava fiscalmente como vestiario. Xunto co bombín, forman parte da roupa coa que viste o personaxe. A estas alturas do seu éxito, pode comprar calquera capricho. Agora necesita unha voz, pero non as venden nas tendas de instrumentos.

A miña conversa con Bertín foi unha entrevista. Eu debía anunciar que actuaría con Arévalo en Lugo. Pregunteille en que consistía o seu espectáculo:

—Es un cachondeíto.

Pedínlle que me desenvolvese o concepto de cachondeíto. Intuín unha revolución escénica. Algo así como o que fai Voadora en cada montaxe.

—Consiste yo canto y Arévalo cuenta chistes. Después, Arévalo canta y yo cuento chistes.

Eu non podía dar noticia razoada do evento baixo o título de Bertín Osborne e Arévalo propoñen un cachondeíto en Lugo. Tardei uns días en decatarme de que aos espectadores do dó interpretativo Osborne/Arévalo lles daba igual quen facía de o pallaso serio e quen facía de pallaso gracioso. Comedia dell’arte.

Non ían escoitar a Borja Quiza nin ver a Mofa e Befa. Unicamente pretendían poder presumir de que estiveran vendo en directo dúas figuras da televisión: un xinete alto e guapo coma un anuncio de coñac taurino na estrada, e un señor baixiño e feo que lle daba a réplica burlándose dos gangosos. O meu erro foi supoñer que debería anunciar o contido dun espectáculo; cando o seu sentido para o espectador era ser contado, ser contabilizado:

—Fun ver a Bertín e Arévalo; os da televisión, xa sabes.

Sabina ten un repertorio con sustancia, aínda que soamente acertase de xeito global co disco 19 días y quinientas noches. Escribiu ese álbum sublime despois de anos buscándoo. Todos os ripios tremendos que cometera, os personaxes de amador en carne viva e alcohólico anónimo ao fondo da barra que fora construíndo desembocaron nese disco. Para chegar a escribir unha letra como De purísima y oro hai que ter escrito versos horrendos como «como un torero/ al otro lado del Telón de Acero/ Así estoy yo sin tí». Pero a frase «escoito a Sabina» xa se converteu en «fun ver a Sabina». Irreversiblemente.

Agora ten afasia, unha doenza bíblica, milenarista. Non hai problema técnico en que quedase mudo. Antón Reixa podería darlle un bo consello. Antón e máis eu botamos unha primavera recosendo un guión coxo ata a madrugada. Estabamos en Vigo e, pola mañá, el foi a Alvedro para voar a Madrid. Eran os 25 anos de El País e chamárono para un concerto coas grandes estrelas da música española; estrelas fundidas, a maioría. Reixa debía interpretar La Puerta de Alcalá. Levaba unha casette para escoitala e aprender a letra no avión, pero quedou durmido. Cando subiu ao escenario en Madrid, diante de 30.000 persoas, sabía o de Miralá/ Aí está/ La puerta de Alcalá e máis nada. Cando lle tocaba dicir as estrofas que non puidera memorizar, tendía o micrófono ao público e erguía a man con valentía para animalos a cantar. No retrouso, no seu terreo, recuperaba o micro e vibraba de emoción: «Aí está/ viendo pasar el tiempo/ La Puerta de Alcalá» e toda esa intranscendencia.

Joaquín Sabina actuou non hai moitos anos en Lugo. Parou no Gran Hotel; aquí, detrás da miña casa segundo se baixa. A luz e a calor eran brutais. Eu tiña sede. Baixei ao Gadis para comprarme un melón tardío ou unhas laranxas preventivas. Unha furgoneta negra cruzóuseme diante saíndo do garaxe do hotel. O vehículo tiña os cristais escuros, pero nin letras nin cruz de furgón funerario. Antes de que arrincase de novo, un cristal traseiro foi descendendo lentamente. Sabina apareceu tras a lúa negra. A súa cara non era de cachondeíto, era a cara de morte lavada con auga pálida. Era o conde Orgaz no seu enterro. O cantante mirou con medo o meu barrio, tan amable que ten verde de xardíns e verde de Garda Civil. Por iso miraba con pánico, porque Sabina teme á natureza pola súa saúde e á autoridade benemérita polo seu pasado.

Nos anos 70, o cantautor presentouse no contubernio intrigante que quentaban os comunistas de Londres. O seu aval era ser «perseguido por ser de la Eta de Jaen». Un amigo faloume do Sabina en flor, do Sabina con voz de rosa fresca naquel Londres de paraugas acolledor e conservador. O cantante debutou como tal nun acto do PCE na capital británica. Era igual de baixiño e de feo que agora que se lle perdoa; como Arévalo, pero en delgado. Parecía perplexo, como todas as persoas intelixentes. «Caéume simpático», di este camarada meu, que aínda saúda a Lenin cando entra na casa. Faino cinco veces ao día mirando cara á Praza Vermella de Moscova.

Sabina aínda non escribira El caso de la rubia platino. Hai que ter perdido o compás de moito verso malo para lograr esa novela negra estrofada.

—Daquela non cantaba nada seu. Eran cancións de Paco Ibáñez —contoume o meu leninista favorito.

—Nin esa de: «A los niños les da por perseguir el mar en un vaso de ginebra»?

—Nin esa, Jaure.

—Ah, pois é a mellor das súas mediocres.

Se Joaquín Sabina parece o conde Orgaz, Paco Ibáñez representaba o Greco en carne mortal. Imaxino que Sabina cantaba Palabras para Julia, a carta de José Agustín Goytisolo á filla: «Tú no puedes volver atrás/ porque la vida ya te empuja/ como un aullido interminable». Como poeta, é mellor Goytisolo; bebendo tamén era máis eficaz. Unha noite cruceino en Oviedo, na transición entre un bar e un pub, afirmando que outro poeta era un membro menor da súa xeración e remarcando «miembro menor en todos los sentidos».

A música de Sabina non me desagrada. Soamente quen ten unha personalidade delimitada pode conseguir que o siga unha lexión de persoas confusas e planas que lle copian os sombreiros e que cantan os seus éxitos. Naceume a esperanza de que, se os copistas entoaron ao Sabina cando tiña a voz de estropallo, volvan imitalo. O meu soño é que calen por unha tempada para deixarnos gozar co orixinal.

Joaquín Sabina asoma tras unha lúa negra
Comentarios