Motivos para cambiar a bandeira
A BANDEIRA común ofrecéunola Sebastián Martínez Risco en 1972 como presidente da Real Academia. Incorporou no escudo a bandeira anterior, que era bonita e azulona. Non nos faltaron estandartes de cores máis vivas, como a vermella que levou a flota galega en 1571, cando foi loitar a Lepanto, ou mesmo ese mostaza tan atractivo da enseña sueva. Ao final, quedamos coa pavisosa bandeira branca. A culpa, como todo o turbulento que acontece no país, é da RAG.
Estiven falando co meu compañeiro Javier Rivera. Sabe todo sobre baleas na costa norte de Galicia. Despois de despedirnos reparei en que Herman Melville describe a Moby Dick como branca. Recordo a lectura da novela. Foi nun xuño de principios do milenio. Lembro que me levou varias sesións de doce horas sentado nun butacón amarelo. Recordo a bravura das partes narrativas e o fastío das partes enciclopédicas. Foi unha lectura de emocións e somnolencias ben repartidas.
Volvo á nosa color branca. Para min a branca é unha color inerte, anodina, sen unha opinión sobre os asuntos, apolítica, indiferente, monótona. Pero Moby Dick é un monstro sabio, vello, violento, cruel... e branco. Ao contrario do que pensaba ata que lin o libro, non é unha balea; senón un cachalote. Os cachalotes son grises. A literatura é unha cuestión de fe. Se Melville di que un cachalote é branco, pois é branco. Pero quero supoñer que se trata dunha animal con albinismo porque tranquiliza a miña racionalidade.
O uso da branca estaba xa presente en As aventuras de Gordon Pym, a única novela de Edgar Allan Poe. Publicouna en 1838, trece anos antes que Moby Dick. Na historia hai unha pantasma que se aparece á tripulación cando se está afudindo o seu barcos. É totalmente branca, claro. Igual que todos os espectros aos que nas ficcións cubrimos con sabas de cama —con dous buratos para os ollos— para dotalos de corporeidade. Pero esas pantasmas producían temor porque avanzaban cos brazos estendidos cara a nós, pero non necesariamente para mancarnos. Máis que golpearnos trataban de asustarnos. Pero en Gordon Pym a intención non era tan inocente. Poe presenta a color branca como un elemento perverso, de maldade buscada.
O título orixinal é As narracións de Arthur Gordon Pym de Nantucket. Nantucket é unha illa de Massachussets, nos Estados Unidos. No século XIX era unha base de barcos dedicados á caza da balea. O baleeiro Essex zarpou de Natucket en 1920 para unha travesía de tres meses polo Pacífico. Un cachalote xigantesco bateu dúas veces violentamente contra o navío abríndolle sendas vías de auga que o afundiron. Os 21 mariñeiros salváronse en botes. Chegaron a unha illa pequena. Foron comendo as aves e as plantas ata que acabaron con elas. A fame empezou a enlouquelos.A solución foi un sorteo. Quen perdese sería asasinado e devorado polos demáis. Salváronse dous. O Essex de Melville está inspirado neste e zarpa, tamén, de Nantucket. Curiosamente, Melville non coñecería Nantucket ata xullo de 1852, un ano despois de lanzar a súa novela. Cunqueiro tamén escribiu sobre Bretaña antes de visitala, ou iso afirmaba el.
O historiador francés Michel Pastoureau dedicou un ensaio ás cores, Breve historia de los colores (Paidós). Consagrou outros a algunhas concretas:a vermella, a azul, a negra e a branca. Este último libro non está traducido ao español. Eu falo un francés torpe e escuro, pero aínda dou comprendido un texto se fago unha lectura creativa.
A branca parecíame un fogonazo de luz máis que unha color, pero o mesmo me pasaba coa negra, na que pensaba coma un pozo sen agua conectado con Melbourne a través de tantos quilómetros que era imposible percibir a luminosidade austral. Tiven que ler a Pasterau en Blanc. Histoire d'une couleur (Seuil) para decatarme da orixe da miña negación da cor branca. "Para os nosos antepasados, non había ningunha dúbida: a branca era unha verdadeira cor. Na Idade Media engadíase branca sobre o pergamiño dos escritos iluminados —que de cor casca de ovo—. Nas sociedades antigas, definíase o incoloro como todo o que non contiña pigmentos. Ao converter o papel no principal soporte dos textos e imaxes, a imprenta introduciu unha equivalencia entre o incoloro e a branca, e este último pasou a ser considerado como o grao cero da cor ou como a súa ausencia. Tras moitas discusión, os físicos determinaron que era unha color". Sinceramente, fíome máis dos físicos que de Cunqueiro.
Engade o historiador galo que nesa altura da historia medieval "distinguían a branca mate da branca brillante: en latín, albus —a mate— e candilus —a brillante, que deu candidato, quen leva un atuendo claro para presentarse aos comicios—. Pese a Michel Pasterau e pese aos físicos, no meu subsconsciente a branca non é unha color, senón unha carencia, unha ausencia. Penso que é unha visión xeral. Falamos de páxina en branco —mesmo como un temor—, dunha voz branca —carente de timbre—, dunha noite branca por insomne, dunha bala branca —sen pólvora—, dun cheque en branco —por non ter de importe— ou, aínda peor, de quedar en branco cando estamos sen ideas ou perplexos. Por iso, defendo que a nosa bandeira materializase coa banda azul que a cruza, porque o resto da enseña está en branca, e, polo tanto, non existe.
Toda esta crítica violenta e inxuriosa contra as cores que forman nosa bandeira —se cedo á convención científica de que a branca é unha colorr— vén motivada porque ando lendo Gris. El color de la contemporaneidad (Siruela) de Peter Sloterdijk. Confeso que non recordo se xa citei o libro neste texto. Desculpen se chegaron a esta altura da miña reflexión sen que os tivese advertidos sobre esta lectura motivadora.
Pintar o gris
A pedra sobre a que Sloterdijk constrúe o seu ensaio é unha frase de Paul Cézanne: "Mentres non se pinte un gris non se é pintor". Sloterdijk vén afirmar que "mentres non se pensa sobre o gris non se é filósofo". A gris é unha color que percibimos como "o indiferente, o desolador, o incerto, o indeterminado, o sempre igual, o irrelevante, o amorfo,...", escribe o pensador en ton crítico. Pero de qué outro xeito poderíamos entender esa color se Carl Vogel describe en A derradeira enfermidade de Goethe (1833) a cor da cara do sabio durante a crise de ansiedade que padeceu dous días de morrer coma "gris cinza"?
Peter Sloterdijk sitúa a rehabilitación social do gris coma color digna de ser respectada "non antes dos anos 60". Cando acontecen o Maio do 68, o Concilio Vaticano II e o derrube das estruturas coloniais, que Europa crera sólidas, "pareceu evidente de repente que todas as cores son igual de boas e resultaba inútil establecer relacións de superioridade e inferioridade".
Gustaríame coñecer a opinión ao respecto de Yves Klein, o pintor que inventou o azul klein. Estaba tan convencido do poder da color que creara que se dirixiu ao Departamento Internacional para a Enerxía Atómica para que as armas nucleares se fabricasen de tal xeito que producisen columnas de fume de color International Kleint Blue (IKB), que el patentara en 1960. Para este artista a branca era a color do baleiro. Nunha exposición pintou completamente de branco a sala. A cada convidado que entraba na galería servíalle unha bebida tintada do seu azul IKB.
Se eu sinto respecto pola color branca é por outro pintor, Mark Rothko. O expresionista abstracto compoñía os seus cadros con campos de color que provocasen emocións e estados de ánimo no espectador. A branca representa a pureza, a trascendencia e a espiritualidade. Segundo Rothko, a cor branca tiña a capacidade de tocar as emocións humanas máis básicas, como a traxedia, o éxtase e a fatalidade.