A necesidade dun crime na cultura galega

Judit curta a cabeza de Holofernes. EP
A cultura galega é mortecina porque carecemos dun crime fundacional. Se o Crime en Compostela fose real isto tería outro xeito.

Conta disto acordei de que Caravaggio asasinou o proxeneta Ranuccio Tomassoni na primavera romana de 1606. Estaban xogando un partido de pallacorda –unha especie de tenis–. Discutiron. Empezaron a pelexar. Caravaggio feriu a Tomassoni na coxa. Curtoulle unha arteria. Causoulle a morte por desangramento. Algúns suxiren que o conflito puido estar relacionado cunha débeda doutro tipo de deportes, un xogo de azar. Caravaggio era afeccionado. Ten varios cadros no que hai personaxes botando a partida. En todos eles hai algún con naipes escondidos ou mirando os do rival. A morte de Tomassoni marcou un punto de inflexión na vida do pintor, quen fuxiu de Roma para evitar que lle fixesen o que Judit lle fixo a Holofernes.

O artista viviu fuxindo. Pasou por Nápoles, Malta e Sicilia, entre outros lugares, perseguido por un sentimento de culpa, o temor ao castigo e a dúbida sobre a posibilidade de redimirse. O asasinato consolidou a fama de Caravaggio como un xenio artístico, pero tamén como un home violento e temperamental. A súa tormenta interna, reforzada polo uso dramático do clarescuro nos óleos, permitiulle pintar as emocións como o sufrimento ou a desesperación con pulo exacerbado.

En Roma inaugurouse unha exposición dedicada a Caravaggio no Palacio Barberini. Lembro de cando visitei esa mansión hai unha década. Lembro que me impactaron as escaleiras. Eu son moi fan das escaleiras como categoría estética. Nese pazo hai arte nacida dunha loita. Encargaron as escaleiras a dous arquitectos,  Bernini e Borromini. Bernini creou unha escaleira solemne, ampla e luminosa; mentres que Borromini deseñou unha escaleira ovalada en espiral, máis introspectiva e complexa. Esta rivalidade deu un impulso ao barroco, como o crime de Caravaggio intensificara a súa expresividade pictórica.

A exposición de Caravaggio ten 24 obras. Está a miña favorita das que se poden ver é Judit e Holofernes. Na pasaxe bíblica, Judit emborracha ao xeneral Holofernes cando está rendido cúrtalle a cabeza cunha espada. Fascíname a cara de sorpresa e de noxo que pon Judit, e a expresión tensa da criada. A mostra pretende despregar a influencia do pintor na arte, a relixión e a sociedade.

Estes días andei lendo Y los hipopótamos ardieron en sus tanques (Anagrama) de Jack Kerouac e William Burroughs. Continúo lendo libros da Xeración Beat con vivacidade e desorde. Os autores recordan o seu amigo Lucien Carr. O texto parece unha secuencia de anécdotas de troulas con bebidas e sexo. Os narradores son William Burroughs, un camareiro dos peores bares de Nova York, e Kerouac, un universitario que aspira a ser mariñeiro.

Rapaces que queren embarcarse a unha Europa en guerra

Hai unha busca dun emprego por parte de Kerouac e de Carr, estudantes de Columbia que teñen 20 anos e queren embarcarse cara a Europa en 1944. A súa idea é chegar a Francia, onde desertarían para ir tras o exército aliado. Aspiran a entrar en París porque a guerra sempre foi fonte inspiradora da arte. Pero nada ten a mesma forza que un crime real.

Lucien Carr mantiña unha relación entre devota e obsesiva con David Kammemer, un home maior que el. Kammemer fora instrutor de Carr nos Boy Scouts, e Lucien acusouno de abusos cando el tiña soiamente 13 anos. Sen embargo, en todo o que lin sobre o caso hai un balanceo continuo entre o odio e a aceptación por parte do asasino. Recordoume o tormento entre o novo Rimbaud e o maduro Verlaine.

Ao longo da crónica a tensión de Lucien Carr vai cocéndose ata a ebulición. Segundo os relatos, Carr apuñalouno dúas veces no peito a Kammemer, lastrou o corpo con pedras e botouno no río Hudson. Posteriormente, buscou a Burroughs e Kerouac para pedirlles consello antes de entregarse ás autoridades. Alegou defensa propia porque Kammemer o acosaba sexualmente. Foi condenado a vinte anos por homicidio en segundo grao, pero acabou por cumprir unicamente dous de prisión.

En 1946, tras saír do cárcere, Lucien Carr foi contratado para sacar fotocopias na axencia United Press. Máis tarde empezou a traballar como xornalista. En 1956 converteuse no editor das noticias nocturnas e seguiu avanzando na súa carreira ata converterse en presidente da axencia de prensa. Xubilouse en 1993.

Ao tempo casou e tivo tres fillos. Un deles, Caleb Carr, tamén foi escritor. Sobre os amigos do seu pai (Kerouac, Burrgoughs, Ginsberg) opinaba que eran "uns borrachos que non había deus que aturase". Queixábase de que estaban continuamente na súa casa. Nas novelas de Caleb Carr hai figuras paternas que maltratan aos fillos, como sufrían a súa nai e eles.

O asasinato impactou na Xeración Beat

O asasinato que cometeu o seu amigo Lucien impactou na Xeración Beat. Inspirou a Burroughs e Kerouac. Tamén marcou nas obras posteriores dos Beat, determinando o ton escuro e transgresor da súa literatura

Kerouac volve sobre o asunto en La pequeña ciudad, la gran ciudad (Anagrama). Debeu de quedar impresionado, non soamente polo feito brutal, senón tamén porque un amigo lles viñese coa revelación a Burroughs, Gingsberg e el mesmo. Nesa novela Lucien Carr aparece como personaxe, pero ten máis presenza en La vanidad de los Dauluz (Anagrama), unha obra que teño na columna de libros por ler. Ginsberg dedicou o espectacular poemario Ouveo (Positivas) ao seu amigo criminal. 

Resulta curioso que todos estes libros dos que lles falei se publicaron en tempo, pero o dos hipopótamos foi rexeitado polos editores ata que Grove Press se atreveu xa moi tarde, en 2008. O temor era lóxico porque Kerouac e Burroughs escriben a medias un libro en que conta un crime con detalle. O suceso non só afectou ás vidas dos involucrados, que eran uns críos. Foi a derradeira fronteira da inocencia deste grupo de mozos escritores.