martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Sentidos adeuses aos estudantes da década

Cando era adolescente o corpo esixíame dous bisontes asados por xantar. O meu pai reprimíame. Exaltaba a milagre dos pans e os peixes na pensión de Madrid onde paraba nos 50. «A cociñeira abría dous ovos. Ía restando xema e clara a cada un cunha culleriña de café. Botaba aos poucos nun prato ata que tiña tres».

O MEU PAI foi un dos estudantes da década. As familias mandábannos con 18 anos dende as vilas galegas a Madrid facer unha carreira. Volvían á mesma dársena do autobús o mesmo día á mesma hora, pero dez anos máis tarde. Regresaban con dición de locutor, licencia da mili e un cativo de 5 anos —que se chamaba coma eles con diminutivo: se o pai era Pablo, Pablito era o fillo—. Ás veces, coa carreira rematada.

Aqueles rapaces recibían durante o éxodo remesas de cartos e embutidos dende a casa. Ambas as cantidades eran insuficientes de necesidade. O primeiro que fixo o meu pai ao chegar a Madrid foi comprar un traxe. Os venres lía o ABC no café Lyon D'Or. Pasaba rapidamente as páxinas, veloz cara a Ecos de Sociedad, onde sempre brillaba «bellísima señorita» que había casar cun «distinguido joven» dunha familia Grande de España aquel mesmo domingo. Pola tarde, o meu pai entraba na Biblioteca Nacional para pesquisar nos xornais de quen viña sendo o noivo; é dicir, en que batalla librada por uns remotos ascendentes con penacho de plumas balsonaran a súa familia.

Aquel estudante de Fïsicas que daría en terme como fillo presentábase no banquete do Ritz. Diante do mantel de liño, entre as lagostas de Corme e as carnes que remitía Frigsa dende Lugo, facíase pasar por un curmán de póla nacida a contramán na árbore xenealóxica.

Outro buscavidas foi Francisco Braña. Entrara na boca do lobo con 12 anos. Era un neno cando se meteu nun daqueles ascensores negros que baixaban ao inferno frío e tenebroso das minas asturianas. Aguantou seis anos ata que marchou nos 60 a Madrid; «ámbito de oportunidades e foco de mercés», que se dicía na Contrarreforma. Conseguiu traballar como chófer dunha persoa tan rica que nin tiña que atender aos cambios de semáforo.

Braña quería ser coma o seu patrón, polo que se preparou para traballar nun banco. Un día faláronlle do cine, onde gañaría setenta veces sete máis de cartos que vestindo viseira e manguitos nunha sucursal de Chamberí. Francisco exhibía un físico de xogador de waterpolo, reforzado polo boxeo e o karate. Non tardou en incorporarse ao recén cociñado spagetthi wenstern. Ennio Morricone vén de morrer sen saber que musicara algunhas das 170 películas nas que participou aquel rapaz con ollos de Groenlandia que facía de foraxido.

—Uns amigos e máis eu presentámonos a unhas probas. Éramos trescentos e elixiron a cinco. Preguntáronme se sabía montar a cabalo. Sabía montar con corda, que era como facía na Fonsagrada cando era neno. Dixen que si. Dixen que si a todo.

O meu sogro tamén zafou algunhas semanas do menú do día formando como soldado romano en La caída del Imperio Romano


Houbo de capar o nome para ser Frank e aprender monta con brida a cambio de lograr traballar para Sergio Leone en La muerte tenía un precio ou Por un puñado de dólares.

—Era un director estrano. Nunca berraba. Tiña claras as cousas. Facíache repetir a escena ata que conseguía o que quería.

O meu sogro tamén zafou algunhas semanas do menú do día formando como soldado romano en La caída del Imperio Romano (1964).
—Non dei coñecido a Sofía Loren, pero si á súa dobre, que era unha rapaza encantadora chamada Mari Carmen.


A necesidade provoca vocacións inesperadas. «Galicia solamente da ministros y aguadores» burlábanse na Restauración,pero iso servía para atopar a escaleira mecánica do ascenso social. Na Restauración as escaleiras adoitaban ser de madeira ou pedra. Manuel Veiga explica en Galicia contada aos non galeguistas (Xerais) a orixe da caracterización dos galegos como habitantes da escaleira nun edificio oficial madrileño.

—Ao encontrarse con outra persoa na escaleira, ás veces mesmo outro paisano, o noso protagonista preguntaba pola consulta ou petición que o outro fixera ou pretendía realizar. Podía coincidir ou non coa súa, podía interesarlle ou, simplemente, podía ser unha oportunidade para informarse mellor.

Laxeiro non empezou como pintor, senón como barbeiro polas feiras de Lalín. Lembraba con dor no lombo a malleira que lle deron na primeira vez que curtou o pelo a un labrego. Acabou nas augas do Deza, de onde o rescatou O Naranxo, un pescador que tocaba a frauta polo marquesado de Romea adiante. O Naranxo bautizou a aquel rapaz que prefería pintar feirantes a barbealos. O Naranxo colleu o mozo pola cabeza, mergullouno e anunciolle:

—A partires de agora chamaraste Laxeiro e terás os dons de soñar e de pintar o mundo. Como prezo verás cousas terribles que che farán sufrir porque non poderás remediar.

. Frank Braña definía a interpretación como «a arte de mirar», pero o actor Chartlon Heston non aprezaba esa cualidade nel.

Ás veces son outros quen deciden o destino profesional. Frank Braña definía a interpretación como «a arte de mirar», pero o actor Chartlon Heston non aprezaba esa cualidade nel.

—Unha vez estiven falando con Charlton Heston durante unha hora. El quería que fixese un papel importante. Tocábame os bíceps e aprobaba. «Perfect, perfect». Despois deulle o papel a outro.

Cando llo contaron, Francisco Braña lembrou os seus días na Trousa fonsagradina, o refuxio emocional dos 11 anos. «Coidaba de cen ovellas. No tempo dos partos volvía para a casa con catro ou cinco años nos brazos. Nunca perdín unha ovella». A Semana de Cine de Lugo recoñeceu a súa responsabilidade no traballo cunha homenaxe en 2007.

Noutras ocasións un sabe quen é, pero non o aparenta. No verán do propio 2007, un día en que o sol quentaba a mala idea para bater récords, podía verse a Calvo Sotelo camiñando por Ribadeo. Andaba pola rúa San Francisco a modo, como se respondese a un plan que podería fallar nun mal paso. Achegábase á igrexa do Campo. Formando unha diagonal con expresidente do Goberno no centro, avanzaban, separados dous metros, dous homes. Eran morenos, retacos, tripóns e cuspidiños entre eles, como feitos a molde nun laboratorio xenético. Daquela entendín a opinión que o daquela presidente Zapatero tiña sobre as necesidades de seguridade do seu antecesor.

Acordo dun sábado de Ribadeo no que eu tiña 8 anos. Estaba facendo recados co meu pai. Facer recados parecíame un labor trascendental, como ascender na burocracia prusiana. O verán facía o seu agosto, ía unha calorísima que pesaba toneladas. Na contorna que rodea o campo de San Francisco apareceu un home en traxe, gravata, zapatillas, un gorro ruso e unha manchea de periódicos baixo o brazo.

—Aita, por que ese señor leva tanta roupa? —preguntei torcendo a boca.

—Ese señor, meu fillo, é un sabio. Nunca valores a ninguén polo seu aspecto.

Daquela, contoume que aquel home entrara no portal número 4 da rúa de Felipe IV de Madrid. Levaba o seus papeis e a súa aura de atención extraviada. Un conserxe saiulle ao paso.

—Disculpe, señor. No puede entrar en zapatillas en la Real Academia Española.

Cela baixaba polas escaleiras para marchar.

—Mire, señor ujier, a lo mejor es usted quien no puede entrar en esta casa por ignorar la importancia del académico Dionisio Gamallo Fierros, el mayor experto mundial en Rosalía y Bécquer.

Sentidos adeuses aos estudantes da década
Comentarios