Blog | O Cabaret Voltaire

Taxidermia para a morte dos artistas

O xeito máis eficaz de relaxarse do traballo é ver traballar ao outro. Non, Sartre, o Inferno non é o outro. O Inferno é esforzarse para facer pola vida e facer pola vida para poder esforzarse. Así que, cando dispoño dun día libre, visto unha camiseta pop e bonita, e vou visitar algún amigo artista.

COMO VIVO en Lugo teño unha idea panorámica da arte que se está facendo na cidade. O estudo de Quique Bordell atópase na altura antiga dun segundo andar nun barrio de singular nome francés, Le Champ Château. A casa, silenciosa e desapercibida, é de pedra do país e ventá francesa. De todas as cousas que se poden ser na vida a máis bonita é ser artista local: pasar apuros desde primeiro de mes e ter o recoñecemento dos teus amigos como todo horizonte.

Os pintores de Lugo viven do mesmo que vivían no Renacemento: de sobrevivir. Descubro en La muerte del artista (Capitán Swing) de William Deresiewicz que daquela os artistas traballaban coma unha empresa de pinturas que che deixa o piso bonito a brochazos nos lenzos das paredes. "Os contratos especificaban os pormenores de tema, tamaño, pigmento, enmarcado e tempo de entrega".

Había un rigor. A medida que a Ilustración se empeñou a deslumbrar coas súas luces a arte, esta acabou sacralizada. Os cadros pasaron ser altares nos salóns e as esculturas, santos que os burgueses descreídos vanagloriaban nas súas casas afrancesadas borrachísimos de nihilismo na fe e de crenza na técnica. A arte elevábaos uns metros sobre a vulgaridade e o mundo. Por iso Quique Bordell pinta nun segundo andar.

Ana de Matos xa non reside en Lugo. Marchou a Madrid no seu tempo. Agora ten unha nave para traballar en Barcelona e unha casa en Pontevedra para aprender o abecedario da felicidade.

Regresou á orixe do mundo hai unhas semanas. O museo catalán de Cervera contratouna para facer unha performance, ese xénero que se inventou Marcel Duchamp un día en que se aburría xogando ao xadrez. O xadrez é tan elegante que é o único deporte que se xoga movendo unha soa man. Duchamp cansara de rir de todos os afeccionados á arte cantos somos co seu urinario grafiteado e a pipa de fumar que se nega a si mesma. Deixou de crear obras, empezou co gambito de dama e volveu para facer a obra Étant donnés.

A ironía de Coubert sobre o órgano materno por onde saímos ao mundo é interpretada por Duchamp como un espazo de voyeurismo.

A proposta que desenvolveu Ana de Matos foi unha versión de Etant donnés.x fixera ao tempo unha versión de A orixe do mundo de Coubert. Imos ao cadro orixinal, onde Gustave Coubert pinta unha muller espida e deitada nunha cama tal vez relaxada, tal vez abandonada ao destino con indiferenza. O historiador francés Claude Schopp desvelou hai tres anos que o modelo era Constance Quéniaux, unha antiga bailarina que, cando o corpo cansou, reinventouse como cortesá. Gañou unha fortuna neste segundo oficio. Chamamos cortesá a unha muller que sofre a degradación por parte dun cliente, pero este quita unha carteira de coiro ao final. A denominación axuda pensar que a Bela Otero era unha cortesá e que as súas fantasías sobre ricos que se suicidaban polo seu desamor son escenas con rigor histórico.

A ironía de Coubert sobre o órgano materno por onde saímos ao mundo é interpretada por Duchamp como un espazo de voyeurismo. Na súa versión hai tamén unha rapaza coas pernas abertas e o sexo rasurado, pero ela fica lonxe. O artista non permite ver a obra de cerca, senón que antepón dúas portas e o obriga a mirar ao interior dunha habitación a través de senllos buratos polos que mirar.

Ana de Matos reproduce ese modelo. A súa versión mantén as miriñas polas que observar a través de portas, pero cambia a visión que aparece na habitación. No canto dunha rapaza que se abandona a un espido, aparece ela traballando. A representación está feita no despacho do procurador ao que pertenceu a casa do Museo de Cervera. Ana de Matos preséntase sentada á mesa de traballo. Como é artista, ocúpase na prepararación dunha exposición. "Levei parte da miña biblioteca feminista e a miña cadela".

Os artistas cazan e son cazados pola súa necesidade de cartos. Asómome ao estudo de Quique Bordell. É un gabinete de curiosidades cargado de mesas, camas, caixas rexistradoras, manequíns e sombreiros

A creadora pensou nos espazos da casa dese burgués catalán como relacións de poder que sitúa "o home no despacho e a muller, na cociña". Cando a creadora lucense era nena o normal nas casas "é que o teu pai e o teu irmán viran a televisión, e que a túa nai e ti traballárades na cociña". "O poder constitúenos. Na casa normalízanse condutas durante a infancia. A nai está na cociña; o pai, no despacho". 

A primeira exposición que fixo Ana de Matos en Viena levaba a marca de Unha habitación de seu de Virginia Woolf, estaba influída por ter vivido un safari en Suráfrica contemplando animais en liberdade. "Volvo á apropiación de espazos masculinos", advirte. Habitación apropiada (1999) foi un gabinete de marabillas como os que tiñan os reis e os nobles. Ten que ver con obxectos diferentes. Todo moi especial, nada que ver co normal. Tampouco está demasiado lonxe Banyoles, onde ata hai vinte anos expoñían no museo local un pigmeo que fora desecado en 1830.

A interpretación do corpo feminino que presenta Duchamp é, para Ana de Matos, "unha muller cazada como présa que queda exposta na cama", pero quen sabe que quería dicir o vello xadrecista. Na peza que montou en Viena ela definíase coma un dos "animales que vai a ser cazado".

Os artistas cazan e son cazados pola súa necesidade de cartos. Asómome ao estudo de Quique Bordell. É un gabinete de curiosidades cargado de mesas, camas, caixas rexistradoras, manequíns e sombreiros. Quique sempre espera visita. Nunca pecha a porta. Pinta nun cuarto que se ve dende a entrada.

Non deixou de pintar formatos amplos, pero nesta etapa ten que sentar ás veces porque xa non ten o corpo dos 30 anos. Miro ao lenzo no que traballa e vexo as súas pinturas de hai trinta anos, de cando deixou o cómic pola pintura: os mariñeiros tristes que beben e fuman, as sereas que bailan felices no mar,... Coñezo a Quique hai moito tempo. Agora interésanlle as colaxes cargadas, os personaxes extenuados, as revolucións expresionistas, as manchas circenses,... O pintor cazado. Non lle digo que entrei no estudo. El non se decatou. Dou a volta e baixo a escaleira en silencio.

William Deresiewicz advirte de que o asasinato do artista non é un problema de xénero, senón de facilidade de produción.

Ana de Matos conserva o poder de decidir o que fai como artista. Denuncia que nas obras de Coubert e Duchamp "hai unha mirada masculina na que o corpo da muller é violentado. Represéntasenos vitimizadas. Unha muller nunca representaría os homes como os hombres representaron ás mulleres.

A creadora alerta de que, cando padecemos unha desas hecatombes que nos sacuden cada certo tempo, o patriarcado conserva as súas obras porque esas obras conteñen os seus valores, porque a arte é a relixión baleirada de profundidade pola burguesía.

—O patriarcado borra de golpe toda a obra dunha muller. Mata á artista despois de morta. Eu non vou esperar a que o fagan; xa o vou facer eu, vou elexir unha das miñas mellores obras e cortarla a trozos —ameaza.

William Deresiewicz advirte de que o asasinato do artista non é un problema de xénero, senón de facilidade de produción. Ter un móbil ou unha tableta transforma a calquer voluntarioso nun pintor. "Os evanxelistas da tecnoloxía queren facernos pensar en que podemos vivir sen artistas profesionais, en que regresarmos á idade de ouro do amateur. Á produción popular, como nos vellos tempos". Pero desafía: "Canta da arte que consumimos foi creada por afeccionados?".

As pinturas e as esculturas dun amateur son marabillosas, pero soamente para quen as crea. Se aceptamos unha aprobación xeral podemos facer taxidermiacos artistas.

Comentarios