martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Todos os Snob Megalove

A primavera empeza cando lle peta a Meteogalicia. Soberanamente.Oficialmente faltan unhas semanas. Para min a primavera empezaba cando florecía as mazairas de detrás de casa e cando as gatas empezaban a berrar nocturnamente os desgarros. No xardín de agora non teño mazairas e as michas xa non me espertan bañado en terror

ESTES DÍAS de primavera clandestina marchou Snob Megalove, A.K.A. Esteban Yáñez. Argallaba tantas propostas musicais, humorísticas, televisivas, escénicas e cibernéticas que sabía de moitos Snob, pero nunca os relacionei. O mesmo anunciaba o ensaio O atraso gastronómico de Galicia, actuaba en Pratos combinados, aconsellaba sobre cómic no Xabarín e tuiteaba unha ducia de fotos de Ferrín —entre o queixo soberbio e o sorriso de apertar— preguntando: "Que Ferrín es hoxe?".

Eu non fun amigo de Esteban. Nin sequera coñecido. Nunca tiven conciencia de que todos aqueles destellos de vangarda e mordacidade eran disparados co mesmo arco. Mirabamos o un para o outro en Twitter. Non sei que parvada me dixo unha vez, non sei que tontada lle contestei. Deixei de seguilo. A Santísima Trinidade deume unha paciencia de microondas. Snob localizoume por whatsapp:

—Son Snob Megalove. Volve seguerme. Pídocho por favor.

Foi tan tenro que dobrou este corazón de sarxento de ferro. Aí continúo, aínda que xa non ten valor nin importancia. Manteño viva a miña atención ao seu Twitter, malia que tiven que ler a María Yáñez para armar unha visión global de Esteban Yáñez. Descubro que nos unían teorías como a que el formulou como Galician Bizarre: "Podes sentirte galego aínda que non che gusten as orquestras nin as gaitas". Hai xente que se reivindica galega mesmo evitando o contacto coa doce pel da lingua.

Collín cariño a todos os Esteban Yáñez que coñecín baixo diversos alcumes a pesar de que el reinvidicaba a San Martiño de Dumio como apóstolo a celebrarmos no canto do Patricio irlandés. Eu nunca puxen altar a ese proselitista da Padania que convenceu o noso rei Teodomiro para acabar coa festa priscialianista. Pola súa teima convertémonos en ríxidos e tristes cristiáns obedentes do pontificado. Comprobo desalentado que rexorde a teima de abandonar os bieitos e alegres nomes pagáns dos días (Lunae dies, Martis dies, Mercurii dies, Jovis dies, Veneris dies, Saturni dies e Solis dies) para someternos ao calendario eclesiático que impuxo San Martiño (Segunda feira, Terza feira,...).

Esteban Yáñez tería sido un Antón Reixa, unha desas cabezas que xeran ideas luminosas continuamente. Neste tempo claustral, Reixa non pode desenvolver proxectos, soamente idealos por estar pechado na casa. Chameino o outro día.

—Antón, que?

—Estou na bici estática, Jaure.

Logo colguei. Non sei se lle pasa a Reixa, pero eu non pedalexado e falado de vez. Ou perdo o cadencia das pernas ou perdo o ritmo das palabras.

O fío de Rompente devólveme a Ferrín, o pantocrator da nosas letras. O escritor foi quen paganizou moitos alumnos no Santa Irene vigués

Reixa foi fundador do movemento Rompente hai 50 anos, no que tamén debutou Antón Patiño, o pintor. Telefoneino para felicitalo, con meses de atraso.

—Antón, que? —preguntei cruzando os dedos para non sorprendelo nunha bici parada.

Pedinlle que me falase de Rompente. Patiño é sistemático e estruturalista. Remontouse ás xuntanzas "para escoitar jazz ruturista" con outros futuros membros de Atlántica na casa de Guillermo Monroy, na Navia de Vigo, ata desembocar no movemento polo que lle preguntara.

O fío de Rompente devólveme a Ferrín, o pantocrator da nosas letras. O escritor foi quen paganizou moitos alumnos no Santa Irene vigués. Verqueu sobre as ­súas cabezas as augas bautismais do marxismo nacionalista coa aura de Brais Pinto. Rompente acabou inclinándose ao artístico impulsado polos Tres Tristes Tigres (Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Romón).

Comezaron editando follas de resistencia poética coa axuda estética de Patiño e Menchu Lamas; entre outros. Eran plaquetes que repartían nos encontros proletarios. Imprimíanas nas Artes Gráficas Galicia, no Calvario; onde traballaban supernumerarios do galeguismo. Patiño e Lamas editaban alí baixo a sombra perplexa e comprensiva de Francisco Fernández del Riego. Desas fornadas sae en 1979 Fóra as vosas sucias mans de Manoel Antonio, que distribúen nese ano porque lle dedican as Letras Galegas ao poeta.

O Politburó recibiu aquela disidencia viguesa con desconfianza. Mesmo o káiser Carlos Casares puxo a feder os libros que Rompente publicou no 79 (As ladillas do travesti, Galletas Kokoscha non e Facer Pulgarcitos tres), aínda que recoñece o pulso. Casares adoitaba nadar cun brazo en alto para manter a roupa seca.

Paco del Riego, en cambio, deixaba claro de que bando estaba; aínda que ás veces o sentaban a remar contra a súa corrente. Traducira en 1969 Os corvos, a figueira e a fouce de ouro por esixencia do Tribunal da Orde Pública. Esa novela encarcerou a Ferrín. Os sabios da literatura afirman que as 42 páxinas mecanografadas foron o sustrato argumentario para confinalo dous anos en El Dueso, pero debeu de axudar a sentida dedicatoria "ao Piloto, último guerrilleiro de Galicia, abatido a tiros en Belesar en 1964" e que a peza fose escrita "en memoria de Foucellas, Bailarín, Ponte, Raúl, Curuxás e de todos os xefes guerrilleiros que defenderon o honor, a liberdade e a democracia na Nación galega, e morreron". Pouco axudou o resto da biblioteca que a secreta lle atopou na casa: un libro sobre Ho Chi Minh, outros tres de Mao Tse Tung e el poemario Os nenos do Vietnam, de Farruco.

Luz Pozo Garza tamén deu clase no Santa Irene, un instituto determinante na nosa historia máis cercana

Baseándose na versión que leu o tribunal franquista e dous orixinais malconservados, o investigador Fernando Ramallo vén de refacer a novela, Os folios teñen o aspecto mesiánico dos papeis de Qunram: amarelecidos e comestos por vermes librepensadores. Estaban no Centro Documental de la Memoria Histórica, en Salamanca. Precisaban dunha autorización concreta para seren manipulados. A fin de conseguila, Ramallo puxo de relevo a relevancia do autor ourensán, "cunha explícita referencia á súa candidatura ao Premio Nobel de Literatura en numerosas convocatorias". O líder que degradou Ciudadanos a sexta forza parlamentaria, Albert Rivera, é anunciado nun manifesto recente contra o peche polo virus como "excandidato a la presidencia del Gobierno".

Luz Pozo Garza tamén deu clase no Santa Irene, un instituto determinante na nosa historia máis cercana. Co gallo do seu pasamento, descubro que foi docente en Corcubión e lembro que o meu avó Rufino botou un tempo alí para facer o porto local. Chegara nos anos 40 dende Bermeo con varias contratas portuarias, polo que estableceu a muller e os oito fillos na Algalia de Arriba compostelá e marchou a Corcubión. Levou canda si unha filla, Feli, para lle gobernar a casa.

Unha mañá de xoves entrou unha treboaba pola costa de Estorde cara ao mar e subiu A Fenlla en dirección á montaña. Un lóstrego atravesou a vila tan veloz coma un cabalo dos que se criaban na Moa para Octavio Augusto. O raio foi enganchar nos pináculos da igrexa de San Marcos dándolle dúas voltas. Saíu lanzado contra a casa que alugara Rufino Jaureguizar. Cargaba tanta carraxe que quebrou o cristal e foi buscar á miña tía, que estaba pasando o ferro pacificamente a unhas camisas brancas. O cuspido eléctrico atravesouna dende a crisma aos pés e abriu unha corredoira no chan de madeira coma un regueiro de pólvora incendiada. Feli quedou paralizada uns minutos, todos os que tardou o meu avó en conseguir volvela ao ser.

O demo Acham conxúrase os xoves e gusta do pan. Acham conxúrase os xoves e gusta do pan.

Ao día seguinte Feli foi comprar ao ultramarinos atendido polos herdeiros de Joseph Roura i Sala, que andara ao corso no século XIX. O atranco veu cando empezou a pedir o cuarto de touciño, o queixo e aquelas guindillas picantes que Rufino levaba sempre no peto. Merche era incapaz de comprender o que lle dicía e ela houbo de voler a casa.

Os feligreses de maior entendemento decidiron que o lóstrego lle metera un demo menor no corpo. Acham conxúrase os xoves e gusta do pan. Cando lle foron co conto ao cura, deuse a sorte de que don Gerardo se formara na universidade vasca de Oñati. Se ben non daba entendido o que lle xplicaba Feli nerviosamente, recoñececeu as formas ásperas da lingua na que a miña tía se comunicaba con Rufino.

Todos os Snob Megalove
Comentarios