Blog | O Cabaret Voltaire

Xancín canta o himno de Riego

Este Nadal non puiden ir a Expoconvento, na Coruña. En Lugo estamos presos dun virus. Pero, polo demáis, sinto a alegría de que volverán as tradicións destas datas: o calendario de Advento, a árbore adornada de luces chillonas, os patinadores austríacos na sala e militares cantando ás montañas nevadas.
 
corneta-de-laton-de-estilo-antiguo

COMO librepensador insensible ao sopro divino vexo esta orquestación do Nadal como unha bonita e emotiva posta en escena. Non me gustaría ser tan materialista como aquel funcionario do aeroporto de Nova York que tiña diante cinco monxas españolas. Elas insitíanlle en pasar pola aduana o brazo dunha muller morta cinco séculos antes. O garda era un fillo de daneses longo de fémur, ancho de caixa e rubio de pelo curtísimo. Indicoulles que non podía entrar no país con aquela reliquia. As carmelitas reiteraron que debían amosar aquel brazo a unhas irmás da mesma orde que vivían nos Estados Unidos.

O funcionario aburriu de intentar persuadilas. Anotou nun documento: Brazo de Teresa Sánchez de Cepeda Dávila y Ahumada. Elas afeáronlle que non escribise Santa Teresa de Jesús. O vixilante ignorounas. Marcou unha cruz no apartado de Salgaduras e pesca salgada con permiso de importación temporal.

Fascíname o xeito no que os funcionarios de calquera parte do mundo aíllan as súas obrigas dos seus intereses, crenzas ou ambicións. A lei manda. O aduaneiro non considerou que tiña diante un brazo dunha santa cercenado en 1582 polo padre Gracián, senón que se concentrou en clasificar corretamente o producto que ía entrar no seu país.

Escribe Cristian Campos en El Español, valla a redundancia, sobre por que un ano despois de vivir penosamente baixo o sanchismo o voto non se moveu uns milímetros. Comentaba unha serie de enquisas que confirmaban a solidez socialcomunista. Logo, contadecíndose sen rubor, concluía que había cambios de voto que non detectaban as empresas de sondaxes.  Supoño que el sabía dese maremoto calado e futuro que lle devoverá o poder á dereita porque llo comentan todas as súas parellas de squash. Dinlle que nunca máis votarán socialista, cando menos a este PSOE que renega das verdadeiras esencias do partido, que siguen remansadas no socioliberalismo de Felipe González e Solchaga, e no patriotismo de Alfonso Guerra —"Nos hemos cepillado el Estatut como lo hace un carpintero"—.

A única forza parlamentaria que pode acadar o poder, o Partido Popular, cometeu dous erros de estratexia

Cristian Campos asume que "la izquierda preferirá siempre una España en crisis gobernada por los suyos que una España próspera gobernada por la derecha". Da súa tese dedúcese a maioría dos españois son uns perversos que votan por incomodar.

Eu contestaría que o problema non está desa banda, senon da outra. A única forza parlamentaria que pode acadar o poder, o Partido Popular, cometeu dous erros de estratexia. O primeiro é que ligou a súa sorte nos comicios á ortodoxia de Santiago Abascal. A segunda é que estendeu unha fronte ampla contra o nacionalismo catalán sen reservarse ningunha alianza. O PP debería saber que España unicamente pode gobernarse logrando unha maioría absoluta no centro ideolóxico ou con apoio catalán.

Lendo teorías tan singulares como as que expón Cristián Campos non me sorprende que haxa militares rosmando en círculos secretos de Wathsapp, como La XIX del Aire. Ese politburó de reservistas entregouse ao xénero epistolar para explicarlle ao Rei os perigos da democracia cando o electorado se desvía. Duns xenerais e coroneis de inspiración franquista esperaba que sentisen orgullo dos Terzos de Flandres, abrisen dunha caixa de montecristos o 18 de xullo ou folleasen con nostalxia o álbum de fotografías da Barcelona bombardeada.

Nunca unha advocación a Montesquieu: "El acoso al Poder Judicial, el cual mantiene el equilibrio necesario con el resto de poderes en nuestra Monarquía Parlamentaria, es otro motivo de alarma", sinalan nunha misiva a Felipe IV.

Josep Pla deixounos aviso de que "la corrupción judicial es peor que la política"

Nese asunto, concordo co que afirma Daniel Bernabé: "Las leyes y su interpretación por parte de los tribunales son mucho menos neutras y estables de lo que a los juristas les gustaría reconocer". Josep Pla deixounos aviso de que "la corrupción judicial es peor que la política" Bernabé fai unha crónica do marasmo político desta década en La distancia del presente. Publica Akal, do coruñés Ramón Acal.

Pouco sei da milicia e a honra porque o máis parecido a un xeneral que tivemos en Ribadeo foi Xancín. Vestía un gorro de revolucionario parisino, unha pelliza que lle obrigaba a dobrar as mangas, non sempre estaba calzado. Vivía de anunciar a chegada do correo pola estrada de Baamonde e de coidar porcos. Xancín sentaba cada mediodia na escaleira da mansión onde vivían os banqueiros Casas para que as criadas lle servisen o caldo. Pousaba o prato e o chusco de pan nas escaleiras.

Usaba a culler para ir quitando os cachelos un a un. Pousábaos formando unha ringleira. As patacas desfilaban mentres el tocaba a corneta do corrreo e cantaba o himno de Riego: "La trompa guerrera/ sus ecos da al viento, horror al sediento,/ ya ruge el cañon". Todas as súas posesións eran a corneta e o cuspe co que a limpaba.

Presumía de que a corna lla regalara Daniel Cornejo, o xefe da partida carlista de Mondoñedo. Cornejo era coronel dende 1876, pero se lle traspapelara a acreditación cando estaba cargando o mosquetón na batalla de Montejurra contra os liberais.  Ferido en África, marchara asentarse en Mondoñedo, onde casara cunha tía de Noriega Varela. Acabou sendo consexe do Círculo de Recreo ata que, como escribe El Eco Mindoniense en 1883, os seu rivais políticos exísíronlle que renunciase ao cargo "a pesar del rigor con el que lo persigue su suerte adversa".

Se volven contraprogramarnos a democracia non soará a corneta de Xancín para avisarnos de que os bárbaros asaltan a cidade. Recoñeceremos a perda polo ruído que vai facer ao marchar.

Bernabé non considera a habilidade de Aznar para tocar á vez o piano liberal, o violín conservador e a corneta reaccionaria


Daniel Bernabé non acerta disimular o pouco que lle gusta José María Aznar. "Aznar fue nuestro Nixon, no logró quitarse nunca esa tacha de hombre antipático al que ponían nervioso las cámaras, dando la sensación de que, más que ganar a González en 1996, fue el presidente saliente el que perdió, un poco harto ya de un Parlamento que se le había quedado pequeño". O ensaísta sinala que o maior legado simbólico que deixou Aznar foi a bandeira de 294 metros cuadrados que ondea ao vento na praza madrileña de Colón. "Es gigantomaquia nacionalista".

Bernabé non considera a habilidade de Aznar para tocar á vez o piano liberal, o violín conservador e a corneta reaccionaria. Nunca tanta calma e satisfacción coñeceu a dereita española que baixo o seu mandato. Ignoro se os vellos soldadiños de Pavía do chat botan en falta o seu César visionario, pero daquela non trascendían conversas de militares retirados  nas que se afirmase que "ya solo falta Armada", como acontece agora.

O xeneral e marqués de Santa Cruz de Rivadulla viviu unha decadencia curiosa no seu pazo de sesenta habitacións en Vedra. A maiores de cultivar camelias, o militar que quixo ser De Gaulle dedicábase a exportar leite a Madrid, vender queixos e viaxar unha vez ao mes a Santiago para tomar un viño e cobrar a contribución en man. No cadro de Alfonso Armada soamente me falta Xancín desfilando á fronte da comitiva do seu enterro cun estandarte e cantando o himno de Riego.

O meu pai, admirador de Cunqueiro, coñeceuno en Barreiros. Apartara dunha verbena cunha mesa, unha cadeira e un coñac. Sentara fronte ao Cantábrico.

—Que fai aquí, don Álvaro?
—Estou intentando lembrar o retrouso que cantaban os liberais que atacaron a Cornejo en Mondoñedo. Ah! Xa me veu: Liberal, liberal, liberal. Más liberal que Dios!.