Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Amor e pan

Pensando nunha receita de cara o 17 de maio

Os libros de María Victoria Moreno, no escaparate dunha librería. DAVID FREIRE
Os libros de María Victoria Moreno, no escaparate dunha librería. DAVID FREIRE

SENTADA NA mesa da cociña, cos ollos apuntando cara algún lugar a medio camiño entre Anagnórise e un debuxo de graxa que semella un cabalo ó galope no azulexo, pensaba na receita do día. Que levar á mesa na semana de María Victoria Moreno. Un prato especial para compartir cara o 17 maio, tan delicioso que os meus nenos non puideran resistir devoralo dun bocado. No que non faltase nin un só dos ingredientes desta terra con sabor a mar, e con sabor a amor. Para degustar devagariño sobre un mantel estampado de primavera, con vogais e flores abertas.

Pensei primeiro nun poema lixeiro de cenorias e tomates que saben a tomate e cebola camuflada, con xudías verdes maduradas ó sol e un anaco de cabaciña asonante. Versos saudables ben pasados polo batedor e cunha pinga bailadora de aceite de oliva. Vitaminas e rimas para un caldo galego. Pensei, de segundo, nunha novela guisada a lume maino, con arrecendo a herbas que invade todos os cuartos de misterio e aventuras, e acento da ría, húmido e amargo, tamén. E nunha sobremesa doce e cantada, de zume de amoras e rosca de Pascua con recheo de nata e alalás e cancións de berce para mollar no leite quente cando a neve agroma no mes da lingua.

Ao fin, decidinme por unha sopa de letras, ben ateigada de bolboretas e agarimos, como lle gustaban a ela, de alboradas e colos, de asubíos, de bicos e pingueiras... E de vinte mil maneiras de namorar, de palabras que xogan entre elas e que forman contos sobre cans de ollos de mel e cantan arredor de nenos que brincan de soño en soño.

Ela xa o sabía. Nas súas clases os almorzos eran versos en galego. Como entón, as cifras que falan da fala son tan tristes que fan enmudecer. Máis agora se cabe. Minguan de ano en ano os galegofalantes, como naquela película de hai vinte anos, na que os nenos encollían tanto que para velos cumpría unha lupa xigante. Madia leva! Pásalle á lingua como á poboación dos centos de aldeas e pobos nos que non nacen nenos desde 2012 ou máis. Tantos anos sen escoitar o pranto esperanzador dun pequeniño é un indicador de que nos estamos esvaecendo, como unha néboa salgada e fría. Os cativos entran na escola contando: un, dous, tres, catro... e perseguindo saltóns, e comendo bica e amorodos na merenda, e saen coa lingua atrapada nunha ensalada plurilingüe, aderezada con po de xiz de esquecemento, axitada nun cóctel de parvadas políticas e pudores alleos.

"A situación do galego non se pode ver con indiferenza", dixo a autora de Mar adiante. "Se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala", dixo a muller que foi galega por elección propia, e recolleron logo outras dúas donas das letras, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, na biografía que asinan na web da Real Academia da Lingua Galega.

Supoño que por iso, ós fogóns da miña cociña, hoxe penso en novos pratos que degustar ós pouquiños cada noite antes de durmir, á beira dos soños dos meus nenos. E penso en novos contos que poñer nesta mesa, con todo o sabor da casa, en mesturar as palabras precisas de camiño ó 17 de maio, e como a mestra, acompañalos de amor e pan.

Amor e pan
Comentarios