Jueves. 24.05.2018 |
El tiempo
Jueves. 24.05.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Neve trala ventá

ESTABAMOS TAN alporizados pola trampa na que se converteu unha autoestrada de peaxe nun día de intensa nevarada que case esquecemos o marabillosa que pode ser a neve. Máis aínda se chega nos días de Nadal. A carraxe dos que quedaron atrapados entre o xeo e o asfalto, de madrugada, a temperaturas inferiores ós cinco graos baixo cero, para rematar as vacacións entre o susto e o esperpento, case nos fai esquecer os torrentes de auga xeada que se formarán en canto naza a primavera para engordar o cauce dos ríos, hoxe tan tristes. Os tellados de pizarra sosteñen de novo a beleza dunha postal de decembro ó tempo que os campos se cubren dun grande e espeso manto tan branco que se o miras fixamente case fai chorar os ollos. Medran pompóns de la de cores sobre enormes bolas de neve, como cabeciñas de divertidos bonecos, e agroman as imaxes dos monumentos agarimados por unha capa de tona. Poida que ata teña a neve un efecto terapéutico, un pouco máxico, máxime cando levamos meses retratando a terra agretada e árida dos meses de seca, e cando veñen de pasar por aquí diante os Reis Magos cos seus camelos e os cofres cheos de ilusión e tanto doce. Poucas cousas me parecen máis divertidas que deslizarse nunha zorra por un outeiro branqueado, facer batallas de bólas ou pisar o solo e escoitar a cada paso o renxer xordo da neve ó escachar. E a ver quen non probou a pescar as folerpas coa lingua algunha vez ou a morder un anaco de neve coas mans empapadas e os dedos ateridos de frío.

Os Campos de Castela que abeiran as lendas do Cid e ós que adicou Machado os versos máis fermosos tamén amenceron sen cor algunha. A muralla de Ávila, o acueduto de Segovia ou a fascinante Alhambra granadina amosan estes días unha estampa azucrada e case idílica para retratar o inverno. Pero é que hoxe temos neve ata na sopa. Nos titulares e no saco da avaricia. Ata o Congreso dos Deputados está de neve ata arriba. Nestes tempos nos que as altas temperaturas son noticia en outubro e a chuvia é un agasallo desexado de Noitevella, vai e cáenos unha boa nevada para cubrir a paisaxe da corrupción política e, xa de paso, afastar un pouco alomenos a complicada situación catalá.

Só unhas horas antes de que a neve se convertera en noticia, crucei a Meseta, coa lembranza dun paseo á beira do Duero, entre álamos que acubillaron o amor de Antonio e Leonor. Levaba a sospeita na punta do nariz, logo de contar catro, cinco, seis e ata sete quitaneves na beiravía das arterias que unen a nosa Galicia verde de Rosalía con Castela. Soria, Burgos, Valladolid, Palencia... tiñan avisos de ata menos nove graos para pasada a Noite de Reis. Non adiamos a volta.

Antes de albisar os cumes brancos dos Tres Bispos, e sentir a caloriña da casa e os pés xélidos, os meus pequenos tiveron tempo de botar unha pequena soneca. Ó espertar, a maior contou que soñara na véspera de Reis cunha árbore de Nadal ateigada de agasallos. Tantos había que non era quen de abrir a porta. Canda ela estabamos todos. Non faltaba ninguén. E ó mirar pola ventá descubriu que estaba nevando.

Neve trala ventá
Comentarios