martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

A dobre vida do primeiro supervendas

O fado daríalle a Charles Dickens unha prórroga de cinco anos cando zafou milagreiramente dun accidente ferroviario que aconteceu en Staplehurst, no condado de Kent. Viaxaba nunha máquina da South Eastern Railway Folkestone con dirección a Londres. O vagón de Dickens quedou suspendido e non chegou a caer ao leito do río. El saiu como puido, axudou a rescatar persoas magoadas; viu como algunhas delas morrían diante dos seus ollos; nos seus brazos.
Charles Dickens.
Charles Dickens.

LOGO DE asegurarse de que non podía facer nada máis, Charles Dickens recuperou de entre a ferralla o capítulo do libro que estaba a escribir, O noso común amigo, que se publicaría un par de meses despois. Foi dos poucos viaxeiros de primeira que saiu ileso. O case. Perdeu a voz durante dúas semanas. Colleulle un aquel de fobia aos camiños de ferro. E, o peor, a reputación do máis célebre escritor do seu tempo quedaría moi comprometida: viaxaba na compañía da súa amante, a actriz Ellen Ternan.

Ata o accidentado episodio que destapara a súa dobre vida, Dickens semellaba pasar pola Inglaterra vitoriana consonte ás fortes esixencias morais dalgúns dos seus heroes de folletín. Tense David Copperfield pola máis autobiográfica das novelas de Charles Dickens (Portsmouth, 1812 – Gads Hill Place, 1870). A do autor é a historia dun neno de familia de clase media vida a menos —moi a menos—, asentada no daquela suburbio de Candem Town e co pai preso no cárcere polas débedas que acumulara.

Considérase o autor de Oliver Twist ou A pequena Dorrit un pioneiro en situar a infancia no centro da literatura inglesa. No século XVIII case que non existiran os nenos de ficción, no XIX, Dickens amosará a súa vulnerabilidade. Quizais, porque el mesmo non puido ser escolarizado ata os nove anos. No entanto, lía con devoción contos de pícaros e novelas de aventuras. Aos doce foi empregado pola súa nai nunha fábrica de betún.

O teórico da literatura inglesa Terry Eagleton sinala que con Dickens nace unha narrativa "centrada por completo no cidadán"

Dickens nunca lle perdoaría á súa proxenitora —inspiradora da agre señora Joe de Grandes esperanzas— que dispuxese as 450 libras que recibira ela dunha herdanza para liberar o marido das reixas da prisión, pero non para salvar o fillo do traballo infantil na Warren’s Boot-Blacking Factory, o almacén de Charing Cross, a carón do río Támesis, onde lle pegaba etiquetas aos botes de betún por seis chelíns á semana.

De igual xeito ca Dickens, un de cada tres habitantes do Londres da primeira metade do século XIX era orixinario dalgún outro lugar do Reino Unido e as súas colonias de ultramar. A revolución industrial provocara un éxodo masivo de campesiñado das contornas rurais que comezaba a engrosar as filas do proletariado urbano.

O crítico e teórico da literatura inglesa Terry Eagleton sinala que con Dickens nace unha narrativa "centrada por completo no cidadán", que os seus retratos "en dúas dimensións e con catro trazos", son os máis acaídos para os xeitos do mundo urbano, que uns personaxes poliédricos non resultarían en absoluto máis realistas cás caricaturas dickensianas: mulleres pasivas que atesouran toda a virtude do mundo e "excéntricas ridículas" e tamén milhomes de clase media carentes de vigor e de integridade e varóns "estrafalarios e ruidosos" dos baixos fondos. Entre eles, orfos criados en hospicios (Oliver Twist) ou na forxa dun ferreiro (Pip, de Grandes esperanzas) que no canto de falar o dialecto londiniense cockney son quen de expresarse coma contables.

E isto é así porque, segundo Eagleton, Dickens é un "ignorante do industrialismo; do feito de que nos anos 40 do século XIX a idade media dun obreiro de Manchester ao morrer era de 17 anos". "Que se fabrica en Bounderby, a factoría de Tempos difíciles?", pregúntase o crítico. Pois non o sabemos nin a el lle amola non contalo, porque o Londres de Dickens non foi unha cidade obreira, senón "de oficinistas, avogados, tiralevitas e banqueiros".

Despois da fábrica de betún, un Charles Dickens de quince anos empregaríase no despacho de procuradores Ellis & Blackmore e como taquígrafo xudicial. As inquedanzas literarias revelaríanse axiña. Con 16 anos, acode a clases de interpretación teatral e exerce de reporteiro no Doctor’s Commons. De seguido, o True Star contrátao como cronista parlamentario, oficio no que brillará no Morning Chronicle, xa con 22 anos.

O xornalista dálle aparencia literaria ás notas que recollera nas súas viaxes por Inglaterra nas coberturas de campañas electorais e publica baixo o alcume de Boz Os papeis póstumos do Club Pickwick. É 1836, Dickens ten 24 anos, vén de nacer como autor e acaba de casar con Catherine Thompson Hogarth, filla do editor do Evening Chronicle no que Dickens tamén colabora. A relación de parella foi feliz. Alomenos, os primeiros anos.

Os obreiros analfabetos, as operarias das factorías, xuntaban como podían os chelíns que costaban as revistas nas que se publicaban entregas e mesmo lle pagaban a alguén por lelas

Entre 1836 e 1870, o ano do pasamento de Charles Dickens, a causa dunha apoplexía, en Gads Hill Place —no lugar do condado de Kent onde Shakepeare situara parte da trama de Henrique IV—, o escritor deulle ao prelo quince novelas e algún que outro conto. Foi máis famoso ca ninguén dos seus coetáneos. Era o favorito da raíña Vitoria. Os obreiros analfabetos, as operarias das factorías, xuntaban como podían os chelíns que costaban as revistas Master Humphrey’s Clock o Household Words, nas que se publicaban entregas semanais ou mensuais, e mesmo lle pagaban a alguén por lelas. A súa sona alcanzou Rusia, onde Tolstoi e Dostoievski tíñano como un «magnífico escritor cristián».

"Está viva a pequena Nell?". Ata o porto de Nova York no que arribaban os barcos do vello continente chegaba a anguria polo cliffhanger. A súa popularidade en Estados Unidos daríalle a Dickens moitas dores de cabeza. Como os dereitos de autor non tiñan validez ultramar, publicábanse os seus libros pirateados. El pelexou contra esta circunstancia e contra os modais da excolonia, que lle pareceran "propios de animais". As súas Notas americanas causaron semellante enfado que tivo que repetir visita transoceánica para aplacar os ánimos.

Contan de Dickens que camiñaba arredor de trinta quilómetros ao día, de xeito compulsivo. Que abrazaba as causas máis nobles e que estivo moi comprometido co teatro afeccionado. Así coñeceu a Ellen Ternan, unha actriz de 17 anos. El tiña fillas da idade de Ellen. Claire Tomalin sinala en The Invisible Woman: The Story of Nelly Ternan and Charles Dickens que ambos os dous viviron como parella durante máis dunha década e que mesmo concibiron unha criatura. A figura de Dickens é tan intocable no mundo das letras inglesas que hai biógrafos que insisten no carácter platónico da relación. Que non houbo nin a máis mínima aproximación sexual.

Nunca chegaron a divorciarse e manterían o secreto sobre a familia rota ata o día do accidente fatídico, en 1865.

Catherine soubo de que había alguén máis na vida do seu home cando un repartidor deixou equivocadamente no domicilio familiar un brazalete co que Dickens quería agasallar a Ellen, non a súa esposa. En 1858 o matrimonio separouse. Ela dera a luz dez fillos e fillas e tivera dez abortos. Sufría terribles depresións postparto. O escritor percibía máis doada a existencia cunha actriz adolescente que a carón dunha muller "gorda, nerviosa e doente".

Nunca chegaron a divorciarse e manterían o secreto sobre a familia rota ata o día do accidente fatídico, en 1865. Charles, o primoxénito, quedaría a vivir en Londres coa nai, pero as fillas e os fillos máis novos ficaron baixo custodia do pai. Robert Gottlieb, autor de Great Expectations: The Sons and Daughters os Charles Dickens, asegura que foi un pai dedicado, mais a presión de seren da proxenie dun home semellante evitou que tivesen vidas exitosas ou mesmo felices.

Eagleton está certo de que as familias que ficciona Dickens teñen algo perverso, como afirma que o autor tiña máis de romántico reformista que de revolucionario. O único elemento "verdadeiramente antisistema" das súas obras, unha mobilización sindical en Tempos difíciles, resulta caricaturizado. Malia desprezar a aristocracia por ser "unha casta parasita, repulsiva e criminal", albergaba unha "debilidade moi inglesa" polo "cabaleiro inglés" e polos "arribistas encantadores".

Á morte do escritor, Catherine Dickens deulle as súas cartas á súa filla Kate, para que as levase ao Museo Británico; quería que todo o mundo soubese que el a amara. Que ese amor foi de verdade. El agoiraba ser soterrado na catedral de Rochester, de onde era natural Ellen Ternan. Xace na abadía de Westminster. O seu epitafio reza: "Foi un simpatizante do pobre, do miserable e do oprimido, e coa súa morte o mundo perde un dos mellores escritores ingleses".

Canto de Nadal
"—E que lle queres —respondeu o tío— se vivo nun mundo de tolos coma este? Bo Nadal! Xa está ben de Nadal! Para ti que é o Nadal, á parte dunha época para pagar facturas sen ter cartos; unha época en que descobres que es un ano máis vello e nin sequera un chisco máis rico; unha época para facer balance da contabilidade e encontrar todos os gastos de doce meses a deber? Se aquí mandase eu —dixo Scrooge indignado—, a todos eses idiotas que andan por aí con iso de 'Bo Nadal' na boca habían de queimalos vivos e enterralos cunha estaca de acivro chantada no corazón. Ala!". A editorial Kalandraka conta cunha edición especial de Canto de Nadal, un dos máis célebres relatos de Dickens aínda que non o seu favorito, traducida ao galego por Carlos Azevedo e con ilustracións de Roberto Innocenti, dos máis prestixiosos do mundo.

A dobre vida do primeiro supervendas
Comentarios