Venus e cantigas de amigo
ESTE VERÁN de 2018 déixanos dous estudos científicos, ao meu ver, revolucionarios. Pola banda de Laíño, a monumental investigación médica de Atención Primaria na área sanitaria de Vigo que recomenda, entre outras cousas, tomar a pílula da tensión antes de nos deitar e non co almorzo. Imprescindible neste país no que hipertensas somos, ou seremos, todas. Pola banda de Lestrove está a pescuda sobre a venus de Willendorf e todas as súas irmás, deusas pétreas da fertilidade máis primitivas, segundo nos contaba o libro de Historia da Arte de COU, o curso agora coñecido como segundo de Bacharelato.
Durante anos, relatárannos que os peitos avultados, as tripas mantidas e as vulvas desafiantes eran unha sorte de representación aspiracional, de esconxuro para chamar á proxenie e para garantir a supervivencia da tribo. Xa saben, a maternidade como alfa e omega nas vidas das mulleres. Nestas últimas semanas esparexeuse a teoría de Elizabeth W. Barber, unha investigadora que se basea nunha aproximación anterior de Catherine Hodge y LeRoy McDermott. Nun artigo académico de 1996 —hai máis de vinte anos— ambos os dous sinalaban que estas peciñas xinemorfas non son se non autorretratos de como unha muller cisxénero se ve a si propia, desde unha perspectiva cenital, cando se mira cara aos pés: un entreteto ben abondoso, a liña de flotación en todo o seu esplendor e as pernas, desproporcionadamente curtas.
Unha reportaxe de Germam Ermida no portal do Consello da Cultura Galega púxome hai uns anos na pista de Ria Lemaire, filóloga holandesa e profesora de linguas romances na universidade de Poitiers. Durante décadas, ao explicar a lírica galegoportuguesa, repetíannos que os autores, como recurso poético, travestían a súa personalidade e compoñían as cantigas de amigo poñéndose na pel dunha moza que agarda polo seu amante.
Como teremos de incrustado o binarismo. Canto teremos devaluado a capacidade literaria das mulleres. Que pouquiño se lle pasa a navalla de Ockham a segundo que cousas —se parece escrito por unha muller ao mellor resulta que o escribiu unha muller—. E así, semellaba máis lóxico isto do ‘gender bender’ trobaderesco cá explicación de Lemaire, quen defende que, como sucede en boa parte da lírica indoeuropea, a medieval galegoportuguesa é unha produción anónima e da tradición oral en feminino plural, transmitida por uns señores dos que si chegamos a coñecer os nomes: Airas Nunes, Johan de Cangas, Martin Codax, Meendinho...
Pois iso. Bailemos nós já todas trés, ai amigas, sô aquestas avelaneiras frolidas.