Blog |

O rei dos ignorantes

Adriano Celentano, o gran showman italiano do século XX, vén de cumprir 80 anos. Fíxoo cunha antoloxía conxunta con Mina ('Tutte le migliore') e co trailer dunha serie de animación da que é protagonista. Eterno provocador do país transalpino, que atende cada vez que abre a boca; antes, foi un pioneiro do rock en Europa

Adriano Celentano
photo_camera Adriano Celentano

A XORNALISTA Lucia Magi fala dun "polemista case profesional". Umberto Eco definíao como "qualunquista", un representante do movemento negador da política que derivou do fascismo e floreceu na Italia da posguerra. Diego Manrique reivindícao como unha figura capital da música pop europea. "O rock foi latinizado en Milán, con el como ariete", asegura o crítico. Shasha Frere Jones, de The New Yorker, considera que é "un cómico cun don para o físico e o parvo" e que ninguén no mundo contemporáneo se sinte "tan cómodo coas parvadas extáticas". "¿Quién conoce Italia como él?", pregúntase Enric González.

Todas estas citas remiten á mesma persoa: Adriano Celentano. Cómico e cineasta —mediocre—, introdutor do rock en Europa —un titán—, o presentador —ou mellor dito, predicador— de televisión máis exitoso de Italia. Un tipo libertario e reaccionario, se iso é posible. Un artista de variedades que turrou pola liberación sexual e pontifica contra o aborto. Un votante da democraciacristiá que saca de quicio á curia episcopal. Un showman capaz de crispar a Berlusconi e aos sindicatos, de alterar referendos e de provocar unha caída dramática da audiencia ao pedirlle aos italianos que apagaran o televisor. Un influencer antes dos influencers, lexitimado —con formación ou sen ela— para opinar sobre calquera cousa, divina ou terrea. Un provocador dotado para expresar unha idea polémica da forma máis efectista posible e poñer a Italia no diván. Un home íntegro ou un demagogo. O caso é que, con Celentano, á bota nunca lle adormecen os pés.

Comecemos pola estrela do pop. Celentano, que deixou o colexio aos cinco anos e traballou de afiador e reloxeiro, iniciou a súa carreira musical como imitador de Jerry Lee Lewis e, a nos albores dos 60, converteuse nun pioneiro do rock e da loita pola liberación sexual en Italia. "O teu beixo é como un rock/ que te traba co seu swing/ que te tomba sen esforzo/ que te fulmina no ring", cantaba no seu primeiro éxito. Il tuo bacio è come un rock valeulle aparecer na película La dolce vita de Fellini, na que axitaba a Anita Ekberg. No 1961 participou no festival de Sanremo cunha canción rompedora, 24.000 baci. Dous anos antes, a vocalista de jazz Jula de Palma padecera a censura con Tua, unha peza que cantou "coma unha amante luxuriosa nunha cama". A interpretación de Celentano comezou con aire de estándar romántico, un espellismo que durou uns segundos. Entón, o cantante deulle as costas ao público do Teatro Ariston —un pecado— e arrincou a primeira canción de rock and roll da historia do certame. O músico axitouse coma un Elvis Presley febril para reivindicar o sexo urxente, "sen mentiras marabillosas/ nin frases de amor apaixonado". Non gañou, pero ameazou con cambiar o país transalpino, e acusárono de incitar á violencia. Un de cada dous italianos vía daquela o evento, e os conservadores —tamén o Vaticano— presionaron para suavizalo. A súa influencia deu resultado: no 1964 triunfou no concurso Gigliola Cinquetti que, con 16 anos, advertía de que "non teño idade para amarte".

O músico milanés non tiña a voz de Ben E. King, pero contaba cun par de ases da manga. Primeiro: cantou no seu idioma. Segundo: un italiano non acepta leccións de romanticismo


O seguinte éxito foi unha versión dun —hoxe— clásico do soul. En Italia, Stand by me é Pregherò (1963). O triunfo da súa adaptación mostra a habilidade de Celentano para facer súas cancións doutros. O músico milanés non tiña a voz de Ben E. King, pero contaba cun par de ases da manga. Primeiro: cantou no seu idioma —non hai cor—. Segundo: un italiano non acepta leccións de romanticismo. Coa axuda do letrista Aldo Caponi, Celentano converteu a promesa e súplica de solidaridade da peza orixinal na historia dunha rapaza cega que se apartou de Deus. "Rezarei por ti/ que tés a noite no teu corazón/ e se ti queres, verás", entoa.

O golpe que valeu punto, set, partido e grand slam foi Azzurro (1968). Composta por Paolo Conte, que intercalou unha melodía pegañenta cunha marcha militar, a canción —na que a nostálxica letra contrasta coa ledicia da música— fala dun verán solitario na cidade —"Ela marchou á praia"—. Algo hai na mestura, nesa agridoce e aceptada melancolía, que converteu a peza no himno non oficial de Italia. No 1970 acadaría outra fazaña. "Ese ano, un italiano gravou un tema moito antes da música disco e do rap que está preto de ambos", escribiu Frere Jones. Refírese a Prisencolinensinainciusol, un single cun texto que non está en ningún idioma coñecido. Según parece, os fonemas elixidos polo cantante simbolizan "o amor universal". Que máis dá: a peza é "puro algodón de azucre", afirmou o crítico.

O atrevemento e mais o olfacto de Celentano para a música pop convertírono nun mito, en Italia e máis alá. Vicente Fabuel sinala que o seu repertorio foi precursor "do rock español, con Bruno Lomas á cabeza". Emir Kusturica lembra que "foi esencial para a descuberta do rock nos países do Este, onde os discos dos Estados Unidos estaban prohibidos". No 1982, o correspondente de El País en Moscú flipou. "Celentano é o cantante occidental máis famoso na Unión Soviética", asegurou o xornalista. "Os seus discos páganse no mercado negro moscovita a 5.000 pesetas, a metade do salario mínimo, e fálase de que hai persoas dispostas a pagar 25.000 pesetas, máis do soldo medio mensual, por asistir a un dos seus concertos", precisou. As cifras adquiren unha maior dimensión ao saber que, no mes de xuño dese ano, o artista deu sete recitais só na capital do país.

No 1968, con Italia inmersa nun arduo debate sobre o divorcio, quitou o single 'La coppia piu bella del mondo': "Somos a parella máis fermosa do mundo/ (...) Sempre unidos polo Ceo/ ninguén na terra pode separalo"


Desde o inicio, Celentano utilizou o seu éxito na música popular como altofalante para as súas ideas, máis ben conservadoras. No 1968, con Italia inmersa nun arduo debate sobre o divorcio, quitou o single La coppia piu bella del mondo: "Somos a parella máis fermosa do mundo/ (...) Sempre unidos polo Ceo/ ninguén na terra pode separalo", cantaba. A lei que permitiu a separación no país transalpino saíu dunha odisea: foi aprobada no 1970, con Pablo VI en Australia. O papa moveu fíos e convocouse un referendo para anulala. En maio do 1974, o 58% dos votantes dixo si á ruptura legal do matrimonio. 

No 1970 axitaría de novo a bota. Na primavera do 1969, nun clima de crispación social que foi a tradución italiana do maio francés, uns 120.000 traballadores das fábricas da Fiat convocaron folgas. Daquela, o músico italiano levou a Sanremo a canción Chi non lavora non fa l’amore, que —cun dubidoso sentido do humor— conta a historia dun obreiro ameazado pola súa esposa: "O que non choia/ non fai o amor". A peza toleou aos sindicatos, pois crían que negaba o dereito dos folguistas. As mulleres protestaron pola imaxe que se daba delas. Tiñan razóns para facelo: en Una carezza in un pugno amezaba á súa namorada coa violencia. No disco Quel punto (1994), o músico atacou a homosexualidade.

O negocio da música ficaba pequeno para el e na segunda metade dos 60 deu o salto ao cinema. Actuou en 16 películas e dirixiu dúas. Con Serafino, o personaxe dun pastor inxenuo que chega á cidade —e que encaixaba coa súa cara de púxil—, atopou unha veta. Pero o provocador que levaba dentro non estourou ata 1987, cando tomou a televisión italiana por asalto. Na pantalla pequena mesturou o banal co transcendente. Foi quen de conmocionar o país ao levar ao seu programa a Darío Fo, que recitou un evanxeo co símbolo comunista no escenario, ou a Franca Rame, que interpretou Le stupro, o monólogo que contaba a violación que a actriz padeceu por un grupo de fascistas. Denunciou sen pelos na lingua a corrupción política e a dobre vara de medir dos xuíces. Predicou contra a caza e a enerxía nuclear, contra a pena de morte, contra o matrimonio homosexual. Despachou noites cunha audiencia do 70 por cento.

"Cuando Celentano habla, Italia escucha", apunta Enric González. Con ton burlesco, o músico titulou un dos seus discos Il re degli ignoranti (1991), o rei dos ignorantes. "Camiñas polas nubes/ manipulas ás masas/ dáslle a volta aos soños", canta Bob Dylan en Jokerman, de Infidels. "Miras no forno ardente/ e ves os ricos sen nome", prosegue. Está a falar do demo, ese gran provocador. Ou iso creo; podería falar de Adriano.

Cinco años de rock y amore
Neste recopilatorio doble dos inicios (1957-1961) atopamos o Celentano que facía hula hop, o pastor que abriu camiños ao rock europeo. Aquí está Il tuo bacio è come un rock, 24.000 baci, Tutti frutti de Little Richard ou de Jailhouse rock de Elvis Presley, e Pitagora, onde o músico insta ao matemático a resolver o problema do amor. E tamén hai baladas como Nata per me. Acababa de nacer unha estrela. Ou un camaleón: despois viría o Adriano namorado do soul nos 60; o sibarita da música disco e do funk, nos 70; o galán do pop oitenteiro de Susanna; o crooner dos anos 90.

Comentarios