El tiempo
martes. 16.08.2022
El tiempo

Cando a neve cae en agosto

Nieves Neira converte Neve de agosto na esculca do insondable, ao facer do poema o sinal daquilo que semella inexplicable, pero que só a presenza da palabra é quen de materializar nunha nova paisaxe de memoria, natureza e lingua dende a que tensar a nosa relación con ela.
Nieves Neira. SEBAS SENANDE

UNHA antiga tradición cristiá fala de que as neves caídas fóra do seu tempo sinalan o lugar no que construír unha igrexa. Unha maneira de darlle presenza física a aquilo que non entendemos, a esa sensación de trascendencia que nos convoca ante o extraordinario e que debe manterse no tempo. Neve de agosto, sae do prelo de Chan da Pólvora, sendo o primeiro libro de Nieves Neira Roca, poeta de longo camiño xa no terreo da oralidade poética, que agora deixa en escrita esa mesma sensación da tradición cristiá, isto é, a de perpetuar esa capacidade da poesía para tentar descifrar o que semella non se pode explicar, pero que só a poesía é quen, cando menos, de plantexar ao seu arredor toda unha serie de circunstancias que nos levan a sentir como real iso que nos parece inexplicable.

 
"Todo o lonxe que fun quen de imaxinar, recollíao", escribe Nieves Neira nun dos poemas da primeira parte do libro, na que escintila a neve co seu branco que, como nun soño, lévanos a recuperar sensacións, espazos da historia e a facer da memoria un acubillo dende o que sentir esa presenza da natureza como algo extraordinario, dotada dunha compoñente telúrica que a converte en especial. Porque se algo imos a calibrar ao longo desta sucesión de poemas é a capacidade do medio natural para xerar en nós emocións e mesmo visións que modifican de xeito permanente a nosa relación coa contorna. Paisaxes, horizontes, fontes, montañas, árbores, sensacións físicas... sucédense nunha engaiolante camiñada que nos enche dunha percepción que tería que afundirnos nese elo entre ser humano e natureza como se fósemos unha mesma identidade da que nos fomos afastando ao longo do tempo, na nosa perversa lóxica de progreso e evolución que, finalmente, mirándolle aos ollos á natureza non é tal. "O río de pertencer", é como remata Nieves Neira un dos seus poemas, unha pertenza que tería que ser o noso maior orgullo e mesmo valor de quen se sente defensor dese ecosistema que, sin embargo, unha e outra vez adoitamos esnaquizar.

De novo a neve vén no remate do libro para deixar o seu pouso, esa luz inesgotable que foi presenza


A autora é quen de artellar, dende a expresividade e atinado manexo da linguaxe, toda unha sorte tamén de paisaxe na que conternos, da que formar parte envoltos por unha cadencia da palabra que un aínda entende máis afouta, pensándoa expresada dende a conmovedora voz de Nieves Neira. Unha paisaxe na que a medida que progresamos no texto o corpo, a pel, a nosa presenza física ocupa máis espazo, pero que deixaremos atrás no noso vagar para, de novo, enchouparnos nesa natureza. "Coma os froitos na seda/coma a neve no agosto", realidades inconexas que, cando xorden xeran o inesperado, o idefinible, o que só o amor e os fíos do tempo son quen de amosar dende o vencello coas formas que nos levan a un panteísmo que enfía moito o devir poético de Nieves Neira co dos seus paisanos Luis Pimentel e Uxío Novoneyra, nunha simbiose de trascendencia coa contorna natural que Nieves Neira asume como un chanzo máis nunha poesía de fondas emocións, de arreguizos nese contacto coas formas que emerxen ante nós polos vieiros do poema, os visibles, mais tamén os invisibles, os que se deixan ver despois dunha lectura chea de dúbidas e inquedanzas, fronte á que se precisan respostas para que todo acade o seu sentido. Nesas respostas é onde nos atopamos a nós mesmos, onde devalamos fronte a un potencial inmenso que nos fai ben pequenos pero que, cando menos, é quen de mobilizar en nós esa posibilidade de sermos conscientes do que facemos.


Do mesmo xeito que temos que ser conscientes de cómo ese camiño precisa dunha ponte, unha ponte que é unha lingua. "Lingua onde digo a neve". De novo a neve vén no remate do libro para deixar o seu pouso, esa luz inesgotable que foi presenza pero que, dende a ausencia da memoria, tamén serve para manter acesa a súa compoñente máxica, alí onde debemos chantar un símbolo para materializar o experimentado, o arreguizo do frío, o arreguizo do extraordinario.

Cando a neve cae en agosto
Comentarios