Camiñar co vento da poesía
Somos camiño porque cos nosos pasos identificámonos cun territorio. Sobre el deixamos a nosa pegada, a do rastro dunhas pisadas que nos conectan cunha identidade, ao tempo que as nosas miradas ás diferentes paisaxes configuran cada unha das nosas esferas íntimas. Terra de camiñantes, de almas alleas que converten Galicia nun itinerario exterior, mais tamén interior, que logo se leva a un sinfín de identidades que non deixan de ser parte dun proceso de vertebración dunha Europa secularmente construída dende ese camiñar por diferentes territorios.
O rumor do distante, que vén de saír do prelo de Laiovento, é a materialización poética desas sensacións que asaltan a Cesáreo Sánchez Iglesias no seu devir por distintos itinerarios da nosa xeografía. Unha inmersión na natureza, na nosa construción cultural, algo que vai moito máis alá dunha morea de coñecementos senón que o sentir cultural dunha nación ten moito que ver co que emerxe dun patrimonio natural que conflúe nun espazo humanizado. De vidas en común, de resistencias fronte á incomprensión dos que procuran a súa aniquilación en base a espurios intereses que entenden máis relevantes unhas economías que outras que aportan dun xeito máis sostible fronte á exponencial xeración de réditos.
Hai moito na poética de Cesáreo Sánchez de valorar esa firme mirada ao noso contexto, á defensa dunha realidade que moitas veces damos por gañada, pero que en calquera momento se pode estragar pola permanente banalización da nosa sociedade, por ese mirar sobre o efémero máis que sobre o eterno, que adoita ser o que nos reflicte a nós mesmos cunha maior sinceridade.
O Camiño primitivo, o Camiño do Norte, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, o Camiño Meridional, o Camiño Francés e o Camiño de Fisterra, tecen esa rede xeográfica dende a palabra, dende o respecto a un longo pasado que configurou a identidade de cada un deses espazos de tránsito, máis tamén de vida. "Na encrucillada os camiños perplexos veñen do outro lado da Historia e as súas reencarnacións".
Cesáreo Sánchez asume toda esa espiritualidade trascendental do espazo para calibrala a xeito de palabra, conformando así todo un novo itinerario que, como marcos, xorde de cada unha desas pequenas latitudes. Pobos nos que leveda a poesía, emocións que entre o ceo e a terra supoñen unha singularidade que rexistra o poeta como o apuntamento nun diario emocional. O tránsito de vagar polo que somos, vieiros que escintilan e anuncian ese rumor do que vén. Unha intuición que o escritor transforma en experiencia: "Comprendo a vida que por min pasa e regresa ao ser e só é memoria/ que xa ten andada grande parte do camiño".
Inmersos como estamos no que o propio autor no limiar do poemario califica como o "decurso dunha invisible aculturación" este devir poético temos que entendelo como un acto de resistencia cívica, como un poñer ante nós unha mirada que non debería permanecer ausente do que somos, debendo entender como a contorna, máis ou menos próxima a nós, define en boa medida o que somos, converténdose calquera proceso de agresión noutro proceso de destrución, pero desta vez de nós mesmos. Así é como asistimos nestes tempos ao debate entre a política e o territorio sobre a implantación dunha fábrica que asolaga de dúbidas unha paisaxe chea de potenciais valores, si, tamén económicos, e non só paisaxísticos ou culturais, que semellan sempre ser desprezados por la apoteose capitalista depredadora. Estas palabras son bálsamo ante as impúdicas pretensións dos que non ven máis alá dunha conta de resultados.
A nosa complicidade, aínda que sexa silente, é un dos grandes perigos do éxito desa aculturación da que fala o poeta. Sábeo ben Cesáreo Sánchez, camiñante por outros territorios afastados de nós, especialmente nun Oriente, que tamén converteu en poesía. Esa comuñón co espazo físico, e co latexo que todo territorio contén, agroma nestes poemas con maior intensidade polo que ten de afinidade co propio poeta coñecedor da relevancia do contexto de cada un de nós, mesmo dende a oficialidade que o levou a ser director do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta na Coruña. Sabe ben o que temos e o que podemos perder.