Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Mallo/Seoane vía Bos Aires

Dúas das nosas figuras da plástica máis sobranceiras compartiron territorio físico tras a súa fuxida de Galicia pola sublevación militar do 36 en Bos Aires. Alí, nun ambiente cultural cheo de inspiracións, xeraron unha serie de obras que hoxe se mesturan na recuperación daquel tempo.
51752

O LALINENSE Museo Ramón María Aller convértese ata o 13 de marzo nun anaquiño daquel ambiente galego que inzou en Bos Aires cando moitos dos nosos marcharon alí obrigados pola nova situación social e política que se vivía en España. Dous deses nomes foron os dos pintores Maruja Mallo e Luis Seoane. Dous trasantlánticos da nosa cultura que coincidiron naquel porto seguro nas súas vidas. Un Bos Aires que era un bulideiro de actividade cultural, de nomes e accións que converteron aquel espazo, afastado das tensións militares doutras zonas no mundo, nun envexable lugar dende o que proxectar unha traxectoria artística.

Baixo o intelixente traballo de comisariado de Xosé Antón Castro a mostra Creacións máxicas de medidas exactas. Maruja Mallo e Luis Seoane en Bos Aires 1936-1965, propón un percorrido a través dunha serie de obras que amosan o que alí aconteceu dende a mirada destes dous pintores, dous dos máis valiosos, xa non só da nosa plástica, senón das vangardas en España e cuxa arte desenvolveuse nas décadas seguintes. Seoane chegará a Bos Aires, a cidade na que nacera, en outubro de 1936, mentres que Maruja Mallo o fará en xaneiro do ano seguinte. Os faladoiros, o compartir experiencias nas publicacións da época foron achegando os seus respectivos talentos, chegando a compartir espazos expositivos nas décadas dos 40 e 50, como recolle o comisario nun catálogo cheo de datos e referencias sobre esa relación e as pezas que compoñen a mostra.

E é que esas obras son as que lle dan corpo á exposición e tamén a esa relación entre dous rebeldes da vida e da pintura. Comúns no seu pensamento de esquerdas e republicano, terán tamén na compoñente popular da súa pintura un xeito de expresión a compartir. A nosa sensombreiro farao dun xeito más lúdico, na procura dunha pintura más sensual e vencellada á recepción da vida por parte dos nosos sentidos. No caso de Luis Seoane, esta expresión será contida, vencellada ao seu carácter máis introspectivo e ás lembranzas daquela Galicia que a represión franquista lle obrigou a deixar atrás. A obra do construtivista Torres García marcou moita da plástica dese momento no Cono Sur e os nosos protagonistas non foron alleos a esa pegada.

Outra realidade que os emparenta é facer da muller o seu tema. A muller como gran iconografía. En Maruja Mallo nos remite á liberdade, ao gozo dunha muller que fai deporte, que se exhibe na praia, que se libera das miradas miopes da sociedade machista. En Luis Seoane será a muller traballadora a que reivindica a súa concepción case de tótem dunha terra, como xa fixeran os pintores da vangarda histórica galega, en especial Colmeiro ou Maside.

A importancia das pezas nesta exposición vai máis alá da mera exhibición fronte ao público. Lévanos á propia historia dunhas obras que saen de mans privadas para amosarse case por vez primeira, ou despois de moito tempo sen saír deses domicilios particulares e cuxo rastro ao longo do tempo fálanos das vidas que teñen os cadros unha vez que abandonan o acubillo do taller do artista.

Por iso é importante o catálogo que acompaña á exposición é máxima, polo atinado dos textos nos que se fala da presenza dos dous artistas en Bos Aires ou de cadansúa pintura ao longo do tempo. Tamén temos sinalado ese percorrido de cada unha das obras da exposición, podendo saber así dos coleccionistas -sobre todo da obra de Maruja Mallo, moito máis descoñecidos e variados na súa estadía arxentina- e que nos vén tamén a falar da gran produción de obra nestes anos, para afastar así certas ideas establecidas sobre que a súa obra non fora demasiado abondosa neste tempo. No caso de Luis Seoane as pezas amósanse moito máis concentradas, ao coidado da súa viúva Maruxa e a súa familia.

Agora, todas elas reunidas no museo dezano, fálannos dos seus creadores, pero tamén dun tempo creativo, de vidas e experiencias. Viviuse lonxe de nós, mais sempre tivo Galicia na súa cerna. Unha exposición que non só é visión de pezas, senón que tamén é tese dunha relación abraiante e que nos deixa abertos moitos camiños para seguir sabendo de dous dos nosos xenios máximos, dunha muller e dun home que dende o popular crearon toda unha maxia pictórica.

Comentarios