Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

A morte en vida de Egon Schiele

A celebración do centenario do pasamento do pintor austríaco Egon Schiele trae ao noso tempo o seu. Trae un principio de século marcado por unha crise de valores que, xunto co seu especial ámbito afectivo e familiar, marcou a súa curta vida e tamén a súa obra. Apenas 28 anos que nos deixaron un traballo dunha singular potencia no que o debuxo é a base para construír un universo plástico que agora ponse de novo en valor con diferentes mostras e publicacións.

Egon Schiele. EP
photo_camera Egon Schiele. EP

SENTIMENTOS de carácter universal como a angustia, a soidade ou o sufrimento son os que propón o expresionismo plástico de Egon Schiele (1890-1918). Unha liña súa era quen de inxerir no seu trazo todas esas compoñentes, dando como resultado unhas figuras dunha tremenda capacidade para impactar ao espectador, e para transmitir todo ese tempo convulso que se vivía na Europa central nos primeiros anos do século XX.

"Todo está morto en vida" era a súa propia reflexión sobre a existencia do ser humano. Sumábase así Egon Shielle a visións como as doutros creadores e pensadores do momento, como Münch, Kierkegaard ou Freud. Un pesimismo co que cargou na súa existencia, tamén na súa pintura, que amosaba unha especie de incapacidade comunicativa entre os corpos que foron o motivo principal de representación no que fundamentaba a súa arte.

Algunhas paisaxes, algúns retratos; pero a súa maior capacidade pictórica vén dada por como trataba o corpo humano espido, a anguria e o desacougo que se percibe nesas liñas, nesas poses que eluden calquera concesión á fermosura ou ao engano do corpo. Mulleres turbadoras, ausentes de pudor, que se dirixen directamente ao espectador reclamando a súa atención.

A súa liña salvaxe e chea de liberdade non encaixaba co clasicismo da Academia, chegando a ser expulsado

Unha especie de ferida aberta nunha sociedade chea de dúbidas e desesperanzas ante o que acontecía nela, ante esa Primeira Gran Guerra Mundial que esnaquizou as ilusións dun novo tempo, de avances e pasos adiante, que non tiveron reflexo na propia vontade de aniquilación do ser humano. Corpos tristes, ás veces sórdidos, afastados de alegorías e ata as parellas semellan ser presenzas inconexas entre si e que só ao final da súa curta vida tendería cara unha certa carnalidade e acougo.

A relación coa nai foi complexa ao non aprobar esa paixón polo debuxo que daquel rapaz que só tiña boas calificacións na escola nesa materia

Egon Schiele foi o sexto fillo dun matrimonio cuxo pai, o seu grande apoio no ámbito creativo, faleceu cando el tiña quince anos. A relación coa nai foi complexa ao non aprobar esa paixón polo debuxo que dende ben cedo amosou aquel rapaz que só tiña boas calificacións na escola nesa materia. O pasamento do pai tamén deixou á familia nunha mala situación económica dependendo dun tío de Egon Schiele que tampouco vía con bos ollos aquela teima do mozo.

Un dos seus profesores consegue convencer á nai para que o rapaz acceda á Academia de Arte de Viena. Alí coñece en 1907 a Gustav Klimt con que compartirá amizade e recoñecemento mutuo. A súa pintura será tamén motivo de leas cos seus profesores, aquela liña salvaxe e chea de liberdade non encaixaba co clasicismo da Academia, chegando a ser expulsado da mesma.
Un feito que leva ao seu titor a retirarlle a súa asignación económica quedando nunha situación moi complicada que grazas aos contactos de Gustav Klimt solucionouse dalgunha maneira xa que permitiu a Egon Schielle acadar algúns traballos de deseños de postais ou traxes. En 1909 coñece a un influente crítico que lle dará o seu apoio comezando a participar en exposicións que foron do agrado da elite cultural vienesa. Fará retratos dalgúns deles, e a súa economía mellora notablemente.

Esa liberdade fará evoluír a súa pintura que tamén se irá paseniñamente desprendendo do influxo do gran pintor Klimt para que o noso protagonista atope o seu propio camiño. Pero a súa obra entra tamén no terreo da polémica, a súa relación con Valerie Neuzil, compañeira ata 1915 e principal modelo, e a súa estadía na pequena vila de Krumau, onde todo estaba en boca de todos, incluíndo a ‘desordeada’ vida da parella e o contido sexual das súas obras, para o que non dubidaba en empregar a nenas como modelos. Escándalos que se repiten na estadía noutra vila á que decidiu marchar: acusacións de inmoralidade e rapto e corrupción de menores lévanno ao cárcere durante varias semanas, quedando libre desa acusación.

Egon Schiele viuse moi afectado por esa persecución, entendeuno como un ataque á súa liberdade como artista, tamén a unha incomprensión por parte da súa propia sociedade. Rompe coa súa moza e ao pouco tempo casa con Edith Harms. Tres días despois da voda é mobilizado polo exército sendo destinado a Praga. Morre Klimt e Egon Schiele ocupa o seu lugar como gran artista de Viena consolidándose esa situación ao participar na 49ª Exposición da Secession Vienesa en 1918. Só uns poucos meses despois morre pola epidemia de gripe española que asolou Viena e que tres días antes causara a morte da súa muller.

Arredor de cen autorretratos falan da súa consciencia de artista de referencia. Poses teatrais que amosan a súa autosuficiencia e ata soberbia ao considerarse un renovador da arte. Egon Schiele sempre tivo esa sensación de ser diferente, de sentirse incomprendido pola sociedade do seu tempo o que lle daba aínda máis pulos como artista que se consideraba xenial.

O retrato foi o seu xeito de acceso á burguesía vienesa, os seus principais clientes. Neles rebaixaba a tensión evidente do resto da súa obra, aínda así os retratos non deixan de impactar ao espectador e son quen non só de reflectir ao protagonista senón de amosar algún elemento da súa condición persoal. Tamén a familia é obxecto da súa análise, sendo a maternidade un tubo de ensaio do seu desacougo vital nese aspecto. Un simbolismo de tipo tráxico semella envolver esas presenzas corpóreas. Nenos tristes, aillados do que lles rodea e cunha fonda melancolía na mirada. Pero Egon Schiele tamén se achega á paisaxe, case sempre reflectido dende a mirada, non co apunte do natural. Unha paisaxe con moito de caducidade como a vida humana, de feito mimetizaba esas representacións da natureza como unha evocación da propia humanidade tinxida de alegrías e mágoas.

Aquelas figuras de ollos desorbitados, de posturas retorcidas, algunhas inconexas, dunha extrema fraxilidade, osos coa pel pegada foron mudando dende o seu matrimonio. Unha especie de esperanza vital alumeou nos últimos meses da súa vida. As figuras recuperaron volume incorporándolles a cor e acadando un maior realismo. O dramatismo esvaécese e a muller gaña en erotismo e plasticidade. Unha sorte de reconciliación coa vida que terá un abrupto final coa morte de Egon Schiele e a súa muller con tan só tres meses de diferenza.

Viena, a súa cidade, réndelle un século despois unha homenaxe a través da mostra Egon Schiele. Exposición de aniversario no Museo Leopold na que 65 pinturas e 70 debuxos en papel, xunto a diversos materiais, como fotografías, documentos e manuscritos, axudan á comprensión do artista e da persoa amosan unha contundente actualidade pero tamén como aínda a nosa sociedade repite os mesmos síntomas da súa. Así a promoción desta mostra, inaugurada no mes de febreiro e renovada durante outros catro meses a partir da data da súa morte, o 31 de outubro, tamén foi polémica, debéndose retirar do metro de Londres e de varias vilas alemanas os carteis que anunciaban a súa exposición con dous dos seus desnudos máis coñecidos. Viena reaccionou colocando un texto sobre os xenitais deses cadros nos que se podía ler: "Cen anos xa, pero aínda demasiado atrevido".

Unha arte libre foi a gran preocupación de Egon Schiele, unha arte sen miradas que a limitasen, lonxe de dixomedíxomes e de medos sobre o que se pecha no complexo interior do ser humano.

Cen anos despois, e grazas a Egon Schiele, semella que aínda é moito o que temos que aprender sobre o valor dunha liña.

Comentarios