jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Unha necesaria vindicación

Regreso á Illa de San Simón é unha banda deseñada que presenta un formato atractivo para darlle a coñecer á xente nova os acontecementos que a Guerra Civil deixou na nosa terra e, desta vez, nesa Illa de San Simón que tería que converterse na illa da memoria.

A ILLA DE San Simón é un deses espazos que teríamos que lexitimar como o reduto da nosa memoria, como unha reserva da dignidade e orgullo colectivo fronte ao que nela aconteceu como espazo de cautiverio e represesión daqueles que os sublevados o 18 de xullo de 1936 consideraban que debían servir de escarmento e lección para o resto da poboación. Aquela xente, alí pechada, xente sufrinte no medio dunha ría entre chuvias, ventos e néboas, converteuse nun dos símbolos dos castigados empregados para que a cidadanía entendese quen tiña o poder e nas mans de quen estaba a decisión de manexar as vidas dos demais.

Realmente bótase en falla dende as nosas institucións unha maior aposta por facer deste espazo un lugar de coñecemento, de lembranza e homenaxe do que alí aconteceu. Estamos ante unha contorna privilexiada que demasiadas se perverteu con festas e a celebración de actividades que estaban ben lonxe do respecto debido a este espazo. Alguén imaxina unha festa ou un concerto en espazos de Europa vencellados á represión do ser humano como o son os campos de concentración e exterminio dos nazis?

Nesa aposta por facer dese lugar unha ensinanza permanente para a cidadanía, e máis en concreto para as xeracións máis novas, desapegadas destas cuestións que se atopan ausentes tamén do ámbito do ensino, máis alá das obrigadas xeneralidades dos plans de estudio, a Deputación de Pontevedra plantexa unha serie de accións para reivindicar esa memoria colectiva que non debería caer nunca no esquecemento para seguir sendo semente de mellores cidadáns, como son aqueles que coñecen a fondo a súa historia. Unha desas iniciativas que se propoñen dende o emprego de linguaxes máis próximas a eles é a publicación dunha banda deseñada baixo a coordinación de Kiko da Silva e coa participación de diferentes fornadas de alumnos que sairon do Garaxe Hermético, a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración que, dende fai uns cantos anos, non deixa de suministrar talento e creatividade ao noso sistema cultural.

Así é como nomes como os de Fernando Llor e Ana Pumares, Fonso Barreiro e Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón e Damián Gómez Figueiras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Olalla González, Lorena Nikoli plantexan toda unha serie de historias curtas de persoas que estiveron alí pasando o sufrimento da lonxanía dos seus, as inclemencias do tempo e as accións dos seus gardiáns así como o permanente medo a saber que as súas horas podían rematar en calquera momento. A todas historias dalles un contexto xeral o guión de Miguel Rojo e os debuxos de Pablo Prado, abrindo e pechando o relato dende unha óptica actual.

Ademais de todo o vencellado á memoria e a recuperación da Illa de San Simón como un espazo de lembranza e dignidade, esta conxunción de propostas tamén serve para calibrar as bondades de moitos creadores de banda deseñada que teñen aínda un longo camiño por percorrer, pero que con iniciativas como esta comezan a medirse coa realidade que hai detrás dunha proposta profesional. Atopamos así diferentes maneiras de plantexar as historias, con variadas propostas visuais e mesmo narrativas, un elemento que vén moi delimitado pola extensión de cada unha delas, botándose en falla algunha maior profundidade nos relatos para ter non só un maior coñecemento dos seus protagonistas senón tamén para medir de xeito máis preciso as intencións dos diferentes creadores convocados.

O certo é que Regreso a Illa de San Simón é unha magnífica ponte para que os mozos e mozas deste país coñezan parte da nosa historia, para que entendan que darlle ás costas a certos acontecementos non significa pechar feridas, senón permitir que estas sigan abertas e que só o coñecemento será a súa sutura definitiva, ao tempo que nos converte nunha sociedade mellor. Tamén que comecemos a gabar a toda unha serie de presenzas creativas que, como as de todos estes debuxantes, amosan infindas posibilidades para que a arte e a emoción nos expliquen o mundo.

Unha necesaria vindicación
Comentarios