Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Negras e lingua baixo o agravio

O novo poemario de Daniel Asorey, Negras vén poñer voz a realidades que non adoitan ter unha canle de defensa fronte ao abuso e o desprezo. As mulleres negras dos Estados Unidos e a lingua galega atópanse nun proceso expresivo dunha poesía que excita á rebelión das acosadas.
EP
photo_camera EP

ADOITA artellar a súa obra literaria Daniel Asorey dende a reivindicación daquelas que adoitan quedar nas marxes da historia, tamén dos nosos días, xa que as máis das veces as inxustizas que se arrastran ao longo do tempo chegan ata hoxe. Así o vimos nas súas últimas propostas, tanto na poesía, Transmatria, como na narrativa, As mulleres da fin do mundo. E así o fai con Negras, un afouto poemario editado en Xerais que vén a sumar dúas realidades do noso tempo que viven nun espazo limiar, a carón dun cantil, aínda que ambas estean moi afastadas en canto á distancia física, pero non así nas súas circunstancias. Deste xeito enguedella a situación das mulleres negras que viven nos Estados Unidos baixo o permanente agravio dunha sociedade racista e violenta que as marxina, case sempre en función da súa condición económica máis que pola cor da súa pel, e a nosa lingua, en permanente estado de alerta fronte ao autoritarismo do castelán e as políticas que impiden o seu progreso na sociedade.

Enfrontámonos daquela a un dobre proceso de rebeldía, a un feito poético que  nos leva ata cidades como Ohio, Indiana ou Cleveland para amosar unha situación que nos chega por medio dos medios de comunicación cando a barbarie xa é delicto coa morte dalgunha persoa de raza negra por parte do home branco e a superioridade institucional. Máis Daniel Asorey quere que sexan as mulleres, un universo feminino, sempre moi presente na súa obra, as que protagonicen esa visibilidade do desprezo, do rancor e o maltrato, que sofren moitas, xa máis que pola súa raza, pola condición de pobreza nas que vive a maioría. Sometidas a unha sorte de cacería, moitas delas aparecen asasinadas en aparcamentos. "Nas rúas, a miña cor é unha bandeira,/a pegada dos seus crimes,/ o olor do alcol e a marihuana,/ a planificada falta de mañá", escribe Daniel Asorey, amosando como ese hábitats se enchen de pezas que cobrarse, de figuras escuras, cheas de quilogramos e miseria que moitos non poden aturar para manter as súas rúas limpas daquilo que non entenden nin fan nada por facelo dende a máis mínima humanidade.

Daniel Asorey emprega a palabra afiada, un gume co que converter os seus poemas en cirúrxicas análises da realidade, ou realidades, nas que pousa a súa mirada e posteriorme a súa escrita. Expresións breves nas que se subliña o importante, aquilo que é preciso que visualice o lector ao que non se distrae con outros elementos. Esa canle directa de expresión converte a mensaxe en máis clara, nun nídio percorrido por eses universos que tantas veces a propia sociedade nos achega chea de balbordo e procesos interesados de confusión que, normalmente, adoitan ser unha distración do relevante, neste caso das súas situacións de emerxencia.

Estamos, polo tanto, na reclamación desa dobre resistencia e mesmo de rebelión de quen tanto soportou sobre os seus ombreiros


A carón desas mulleres negras Daniel Asorey dá un chimpo xeográfico, do lago Eire ao río Ulla, para converter a nosa lingua en protagonista dun proceso de racismo e de exclusión do seu propio país e das súas xentes. Sen políticas enérxicas na súa defensa, cun papel subalterno no ensino, cun maior desapego nas familias e con moitas eivas na sociedade, a lingua galega tamén rematará baixo as balas nun sórdido aparcamento. "Argallaban que con eles/ se esluíse a nosa cor/ e o negro da lingua/ ficase branco".

"A morte é un proxecto político", esta frase de Lupe Gómez é a que antecede aos versos que se conteñen en Negras, e esa morte é a que ronda ámbalas dúas realidades enxeridas nun tempo de capitalismos e poderes que miran con desconfianza ao pequeno, a aquilo que é subalterno dos grandes sistemas. Estamos, polo tanto, na reclamación desa dobre resistencia e mesmo de rebelión de quen tanto soportou sobre os seus ombreiros. Toda unha herdanza que loan os que se manteñen firmes e que teñen nestas palabras que sinalan a louvanza precisa para continuarmos a admirar a unhas mulleres e a unha lingua. "Somos negras/ na pel e a lingua/ que aturramos".

Comentarios