jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Pinturas de guerra

Ángel de la Calle propón unha intensa novela gráfica na que, arredor da procura de documentación sobre a actriz Jean Seberg, artéllase unha paisaxe humana, política e histórica de feitos que tensionaron á sociedade das décadas centrais do século XX
Jean Seberg. EP
Jean Seberg. EP

"Quería escribir libro cheo de cultura cinéfila, novidades e engado, resaltando a suave beleza de Jean, o seu evasivo xeito de actuar, os amoríos sen futuro, o inestable compromiso coas causas xustas e, sen saber como, atópome metido nunha historia de guerra fría, de sucidade política". Deste xeito, o protagonista da novela, o propio Ángel de la Calle ubicado nun París cheo de enigmas do pasado, explica no texto cara a onde derivou esta extraordinaria novela gráfica editada por Retranca e que traduce ao galego o texto que xa publicara Reino de Cordelia.

Unha espléndida edición que dignifica a novela gráfica e dálle a honra precisa a esta mestura a partes iguais de relato e imaxe na que De la Calle afronta un tremendo esforzo para situar historias persoais que xorden dos numerosos procesos represores e de negación da liberdade a unha chea de vítimas en países latinoamericanos, en especial xente adicada ao mundo da creación, e que fixeron de París unha especie de oasis vital, aínda que as consecuencias físicas e mentais do sufrido xa serían irreversíbeis.

Varios elementos chaman a atención a medida que un pasa as páxinas e se deixa levar polo que lle están contando nesta Pinturas de guerra. Nun primeiro lugar o estilo gráfico, a ausencia de cores, o branco e negro, a contundencia do que alí se reflicte sen posibilidade de distracción. Tamén como o creador móvese cunha enorme liberdade á hora de empregar ou non a viñeta, de superar a tiranía do marco e espallar as imaxes, se é preciso, para unha mellor comprensión da narración. Xunto a iso, a estrutura é a outra grande achega dende o punto de vista técnico por cómo Ángel de la Calle propón unha serie de capítulos que se poden seguir lendo de xeito continuado, tal e como son presentados, ou segundo o noso criterio. Isto soaralles á brincadeira de Julio Cortázar con Rayuela, pois iso asúmeo o autor no capítulo final de aclaracións, no que esa novela, ese París do Cortázar, xunto a tantos emigrantes latinoamericanos que buscaban respirar o aire da bohemia, da liberdade, do existencialismo e da creación ás beiras do Sena, son tamén parte do relato, asomando esa rayuela debuxada en varios momentos da novela.

Pero a novela é tamén unha gran paisaxe dun tempo determinado daquelas décadas de mediados do século XX, coa Guerra Fría de pano de fondo, as accións do FBI e nas que Latinoamérica se desangraba co terror dos gobernos militares que afastaban calquera proxecto democrático. Uruguai, Chile e Arxentina foron algúns deles. Noutros esmagábase calquera xeito de revolta, como a dos estudantes universitarios en México do 68 antes dos Xogos Olímpicos e, por riba de todo, como estaba perfectamente artellado todo un sistema de terror e tortura que afectaba a todo aquel que sospeitoso ou non podía ofrecer algunha información sobre aqueles colegas que podían ser perigosos para os novos sistemas. En non poucos momentos o autor consegue o arreguizo ante as diferentes formas de tortura, e como iso formaba xa parte das persoas que lograban sobrevivir a aquel horror e que, ao tratarse dunha novela gráfica, acada un punto maior de arrepío que si se tratase dunha novela puramente literaria.

Todo iso é o que rodea a cerna da narración, a procura de información sobre Jean Seberg, un axeitado símbolo dunha época e do que amosa esta novela. Ela, a actriz dun novo tempo, a referencia feminina da Nouvelle Vague, despois da súa participación en À bout de souffle e cuxa prematura morte estivo vencellada ao misterio e a incertidume por si verdadeiramente foi un suicidio ou un asasinato do que o FBI puido formar parte polas conductas desafortunadas -dende o punto de vista norteamericano- e de alguén que formara parte de Hollywood, demasiado liberais en canto a súa sexualidade, así como de compromiso con diferentes movementos de igualdade racial ou dos máis desfavorecidos.

O certo é que esta novela gráfica propón un amplo abano de escenarios e personaxes amosando unha guerra latente en rúas e países no envés dun mundo que non sempre é o que parece por moi fermoso que sexa o cadro que se nos queira pintar.

Pinturas de guerra