jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

O segredo dunha escrita

Un título xa clásico da literatura, O amante de Marguerite Duras é a nova incorporación da editorial Kalandraka ao seu catálogo. Aparece dentro da colección Faktoría K Narrativa, na que se pasan ao galego textos que son unha referencia da literatura mundial, fornecendo con eles o noso sistema literario

O LABOR editorial de Kalandraka está cheo de calificativos positivos hai un deles que, pese a súa importancia, quizais non ten o recoñecemento que xa teñen outras das súas coleccións, como poden ser as adicadas ao público infantil e xuvenil. Así e como dentro das súas liñas de traballo atopamos a coñecida como Faktoría K de narrativa a través da cal títulos que xa teñen un recoñecemento na literatura mundial tradúcense ao galego, incorporándoos así ao noso sistema narrativo. Un labor dunha enorme importancia para fornecer a nosa literatura que precisa tamén destes textos alleos para acoller a novos lectores, así como para ofrecerlle lecturas a quen está interesado en sentir eses títulos, moitos deles xa lidos, na nosa lingua.

Nesta colección xa se acubillaron libros como O diario de Ana Frank, 1984, Pastoral americana, O curioso mundo de Calpurnia Tate, Soñan os androides con ovellas eléctricas ou A batalla de Occidente, só por citar algúns dos títulos publicados ao longo da súa existencia. Nestes días estraños chegou a nós O amante de Marguerite Duras (Saigón, 1914; París, 1996), baixo a tradución de Oriana Méndez e cunha fermosa capa asinada por Sonia Pulido. A novela publicouse no ano 1984 acadando o prestixioso premio Goncourt. A obra foi traducida a máis de 45 idiomas, aos que temos que sumarlle unha lingua máis, grazas a aposta de Kalandraka.

O texto lévanos ás lembranzas da autora da súa mocidade, movéndonos no Vietnam natal e no París que a acollería no futuro, así como entre a súa familia e a súa relación cun amante asiático, revelando toda unha serie de detalles que foron claves na súa vida e tamén nas súas novelas, asomándonos a segredos que explican moito do seu traballo anterior á publicación desta novela nos últimos anos da súa vida. Así é como nos achegamos a unha atmosfera chea de intimidade ao vencellarnos ás vivencias de descubrimento da vida por unha muller marcada pola súa familia e pola apaixoada relación co seu amante.

En poucos relatos se atopa esta intensidade, a capacidade de condensar sensacións dende unha fonda emoción

Un desacougo existencial fíase ao longo de todo o relato dende a forza literaria que lle presta a autora. Frases curtas, convertidas nun xeito de boquear, de coller aire ante os acontecementos que se suceden nas dúas xeografías protagonistas do relato. Respiracións, medos, latexos, espantos, revólvense a medida que imos pasando as páxinas, e esa rapaza contempla cos seus ollos e a súa pel todo o que acontece ao seu arredor. En poucos relatos se atopa esta intensidade, a capacidade de condensar sensacións dende unha fonda emoción, que son moitas, sentíndose a protagonista parte de todo o que se move en torno á persoa. Isto é, precisamente, o nuclear nesta obra, a conciencia da persoa como ser e en relación coa súa contorna, e a asimilación dese existencialismo do que Duras formou parte xa dende os seus primeiros relatos na revista Les Temps Modernes. A súa primeira novela, Os impúdicos, é de 1943 cunha guerra mundial mallando nun ser humano á deriva da súa propia loucura. Nos anos cincuenta converteuse nunha referencia da nova novela francesa, traballando, tamén, en numerosos guións de cinema, dos que o máis salientable é o da famosa película dirixida por Alain Resnais Hiroshima mon amour en 1958.

Ao longo do seu traballo esas experiencias da xuventude, amparadas na súa memoria, foron as que serviron de reactivo para a súa producción, así é como unha e outra vez se experimenta con temas como o amor, a destrución, propia e colectiva, e a relación coa nai, moi ausente na súa vida e da que, como cos outros temas, comprobamos esa importancia neste libro, convertido no segredo da súa escrita anterior, e que dende estes días forma parte xa da capacidade da nosa lingua para xerar emocións, para provocar a viaxe a tempos e mundos distantes a nós e cunha fonda capacidade para riscar na pel do lector.

O segredo dunha escrita
Comentarios