Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Virtudes literarias da emigración

Todos podemos lembrar nas nosas familias a presenza da emigración. Nun grado maior ou menor nas nosas casas acubíllanse historias dalgún familiar que marchou cara un sitio ou cara outro á procura dun futuro mellor do que albiscaba na terra propia
imgData

Esas historias convertéronse co paso do tempo en parte de cada un dos nosos relatos como clan, volvéndose co paso do anos en historias case lendarias que falan de idas a aquela Suramérica exótica e chea de atractivos para os ollos dos que aquí quedaron, pero tamén de marchas a unha Europa e ás súas capitais, símbolos da modernidade e o progreso fronte a unha Galicia varada na escuridade da navegación polas augas do franquismo.

Xesús Fraga constrúe a súa historia familiar a partir da emigración que coñeceu a protagonista do libro, a súa avoa Virtudes, que fixo de Londres un ámbito e unha realidade ben distinta da nosa, e á que estaría unida ao longo da súa vida. Esa dualidade sobrevoa todo o relato, aquel mundo exterior e o noso tan pechado nas vidas de vilas e aldeas, que tiñan nos que viñan daqueles territorios da esperanza e a bonanza económica unha sorte de heroes que refrescaban, non só co envío de cartos ou agasallos, senón con historias e narracións deses mundos extraordinarios aos ollos da maioría dos galegos, o ambiente enrarecido e pesado que se pousou na nosa deprimida terra durante demasiadas décadas.

A naturalidade con que nos conta todo isto o autor de ‘Virtudes (e misterios)’, editada por Galaxia, e que no vindeiro mes publicarase en castelán na aragonesa editorial Xórdica, é o gran valor deste texto que explica, como poucos manuais de historia ou socioloxía, o que se agochaba tras todas esas vidas do exilio económico e vital sufrido por milleiros de galegos, servindo a novela como radiografía dunha sociedade e a súa relación co fenómeno migratorio e o que significaba, tanto nas familias como no conxunto da sociedade.

A correspondencia, a chegada de regalos, os novos idiomas e os novos territorios xeográficos, as compras de produtos inimaxinables en Galicia, concédenlle a esta historia esa inmediatez e proximidade ao que todos temos visto nas nosas familias, en vivendas que estaban cheas de fotografías tomadas nas cidades máis inesperadas do planeta, así como de obxectos que convertían eses fogares en fiestras abertas a eses procesos migratorios e a un tempo que definiu a nosa sociedade.

O relato vai fiado todo cunha serie de fotografías xurdidas deses álbumes familiares que dende os nosos caixóns falan de vidas e tempos case de película

Xesús Fraga condúcenos pola historia de Virtudes situándonos no lugar dun neto cos ollos abertos como pratos ante unha vida abofé que inesperada, como o puido ser para moitos de nós as dos nosos país ou avós. Fiado todo cunha serie de fotografías xurdidas deses álbumes familiares que dende os nosos caixóns falan de vidas e tempos case de película, senón fose polo que tamén agochan de comezos complexos, de marchas lonxes dos seres queridos, de familias que se dividían e de moita miseria como houbo nas décadas posteriores ao remate da Guerra Civil. Virtudes é un tótem desa emigración e coa que o autor sabe presentar, dende as súas bondades literarias, ese proceso de chegada a Londres, o descubrimento dunha capital europea marcada por un novo tempo exemplificado neses mozos de pelos longos de Liverpool que puxeron patas arriba moito máis ca música. Un ámbito de liberdade, de coñecemento para quen tiña inquedanzas moito máis alá do traballo.

O interese por coñecer ben o idioma, pola lectura, polas persoas que se movían por unha cidade multiétnica, sorprendente para quen miraba cos ollos afeitos a outra néboa, a das mariñas coruñesas. Virtudes e a súa historia, tamén ligada a do seu home que marchou cara a outro destino habitual da nosa emigración como foi Venezuela, define tamén unha situación que non era estraña de atopar, como é a de persoas que marchaban e que se desligaban por completo da súa familia. Xesús Fraga pode poñer así un pé en cada orela do Atlántico amosando un amplo abano de todo o que supoñía a emigración para unha familia, pero tamén para unha sociedade como a nosa.

Unha historia de familia que, como tantas outras, en realidade son as que vertebran a nosa sociedade, as que permiten dende o anonimato entender moitos dos nosos comportamentos colectivos. A base dunha pirámide chea de circunstancias coñecidas e descoñecidas que se pousan como sedimentos nas nosas propias historias e ás que tan ben honra Xesús Fraga cunha enorme novela.

Comentarios