sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

O sufrir dos machos

Un grupo de afeccionados do Racing de Ferrol a pasada fin de semana en Pasarón. GONZALO GARCÍA
Un grupo de afeccionados do Racing de Ferrol a pasada fin de semana en Pasarón. GONZALO GARCÍA

OS HOMES tamén sofren. Existe unha teoría moi estendida entre os varóns que comprenden o feminismo, moitas veces con algún pero de apelido (todo hai que dicilo), de que os machos viven tamén encorsetados en modelos de masculinidade tóxica que lles fan moito mal. Eu concordo, pero permítanme pedirlles que se poñan nos zapatos de calquera muller e imaxinen o medo de quen non ten a seguridade de volver a casa sa e salva cando camiña de noite pola rúa. Que pensen tamén no terrible que é que aínda onte, dez anos despois da desaparición de Sonia Iglesias, a Policía estivera baleirando un pozo en Marcón para atopar un resto, unha pista, do paradoiro dunha muller desaparecida mentres percorría as rúas desta cidade.

Ningún varón pasea con medo a ser violado ou asasinado e que dez anos despois ninguén saiba nada del. Aos homes non os asasinan polo feito de ser homes. A nós si. Partindo desa base, e tendo en conta tamén o privilexio que supón que ninguén dea por feito que, por exemplo, tes que ter posta a lavadora antes de saír da casa, os homes sofren o patriarcado incluso sen ser conscientes. Mesmo os máis machos padecen.

Que coidar ou ter debilidades deixe de estar vetado para eles

Das moitas experiencias desagradables para unha muller que pasan desapercibidas por agruparse na lista de micromachismos, eses difíciles de detectar e aos que non lles damos importancia, está a experiencia de ir ao taller. Miradas condescentendes, risos vacilóns e explicacións pouco precisas. A unha pouco máis lle queda que asentir e pagar a conta sen preguntar demasiado porque, se non sabe de mecánica, só pode darlle a razón a quen repara a avaría. Ocorre tamén na estrada, cando unha dubida un segundo se ten tempo de incorporarse a unha vía por se aquel coche que vén a certa altura virá demasiado rápido como para estamparse. Sempre hai alguén que comente muller tiña que ser e prema a bocina durante uns segundos.

Hai unhas semanas fun ver un partido de fútbol e teño que confesar que reparei máis en todo o que rodea este deporte que no xogo en si. Nos nenos que insultaban ao árbitro exactamente igual que o facía o señor de mediana idade só uns banzos por detrás deles. Na postura dalgúns dos homes, sempre coas pernas escarrachadas, mentres comentaban a última xogada. Nos cánticos e no moito que algúns afeccionados esaxeraban a gravidade da súa voz para dicir "lololololó", unha escena que, sen ofender, me recordou a algún ritual de apareamento dalgún tipo de primate. Pouco deporte, demasiada testosterona.

A cuestión é que teño reparado tamén nos complexos do mecánico -e calquera outro home doutro perfil profesional- que ten que demostrar que sempre sabe máis. Na integridade do condutor obrigado a moverse áxil, agresivo, veloz e con pericia polas estradas. Na saúde mental do afeccionado de fútbol que insulta ao árbitro chamándolle maricón cando en realidade está furioso porque non é quen de cumprir coas expectativas impostas e, de cando en vez, ten ganas de chorar.

Ser macho tamén ten a súa carga. Saír dese mundo de agresividade no que non hai espazo para as emocións e no que amosarse vulnerable está prohibido non é fácil. Moitos non descubriron aínda no feminismo un aliado para vivir mellor con nós e consigo mesmos. No mundo que habitamos non se pode comparar o sufrimento que infrinxe o patriarcado a unhas e a outros. Pero si, os machos tamén sofren. Sábeno os que queren que coidar, expresar afecto ou amosar debilidades deixe de estar vetado para eles.

O sufrir dos machos
Comentarios