Imprimir

Dime o que soñas e direiche quen es

Marica Campo |

Galiciae | 01 de junio de 2018

COMO VOU falar de menores, débome á discreción e tomo en préstamo o comezo de El Quijote. Así, pois, velaí: Nun lugar de Galiza de cuxo nome non quero acordarme, impartía aulas quen isto escribe. Sempre que tiña programada unha redacción, conversabamos sobre o tema para crear o clima e suscitar ideas. Doutra maneira, sería abocar aos rapaces e rapazas a un parto seco, que iso semella en moitas ocasións o exercicio de compoñer un texto escrito.

Non fixen a tan socorrida pregunta: Que queredes ser de maiores? Púxenlles unha música de fondo e convideinos a cerrar os ollos e soñarse adultos, exercendo un oficio ou profesión, con familia ou sen ela, etc. Cando supuxen que xa todos se soñaran, pedinlles que, espontaneamente, fosen contando os puntos principais do que habían escribir. Non levei grandes sorpresas. Os nomes son falsos, mais non as respostas varias.

Eu —dixo Pedro, as hormonas precozmente alborotadas— quero ter moitos cartos, ter un cochazo, ter un chalé e ter "tías boas". Por suposto que lle fixen notar que pronunciara varias veces o verbo ter e ningunha o ser e, ademais, que as "tías" non eran unha propiedade. Sobre a maneira de conseguir tales cousas non achou outro xeito que o de gañar unha primitiva.

Ramón planificábao mellor. Sería futbolista nun club de primeira división e, dese xeito, podería ter o que quixera e mesmo casar cunha modelo.

María pensaba ser enfermeira, gustáballe coidar e aseguraba que xa facía prácticas coa súa avoa. Luís, médico. Rosa, farmacéutica. Iria, taxista. Alberte, enxeñeiro. Susana, cantante ...

Pasaron os anos e poucos se desviaron daquel soño. Tampouco Pedro, que segue a agardar pola quiniela.

De certo que educar fillas e fillos é vixiarlles os soños. Porén, á vista de tanta corrupción, semella que foron moitas as nais e os pais que ou lles induciron soños equivocados ou simplemente non se ocuparon dese asunto. É posíbel que os animasen a triunfar sen lles explicar que o éxito non radica na posesión de moitos bens materiais, senón na felicidade. Que, como escribiu Rosalía, "causa inquietude o moito desexar". Que a mellor almofada para durmir ben é a honradez e o deber cumprido. Que non é doado ser feliz vivindo na insolidariedade.

Por iso me pregunto, cada vez que alguén é declarado ou declarada culpábel de suborno ou de espoliar as arcas públicas, se esqueceron o aprendido ou se endexamais lles impartiron a lección. Isto último é posíbel. Posíbel mesmo para os que estudaron en colexios relixiosos. Porque, xa se sabe, até hai poucos anos, roubar no comunal non era grave. O grave era todo o que tivese a ver co sex(t)o.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/marica-campo/dime-sonas-direiche-quen-es/20180601121840033699.html


© 2019 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)