Imprimir

Moito máis que inocentes

Marica Campo |

Galiciae | 11 de mayo de 2018

MANUEL BLANCO, José Enrique Rodríguez e Julio Latorre, bombeiros e membros da ONG Proem-AID, acusados de tráfico de persoas, foron declarados inocentes por un tribunal de Mitilene, a capital de Lesbos. Lesbos forma, xunto con outras illas, o que chaman unha unidade periférica pertencente á República Helénica. Pola súa proximidade á costa de Turquía, recalan alí moitos refuxiados e folga dicir canta precariedade e desamparo atopan por acubillo.

Agora chámase tráfico de persoas acudir nunha lancha pneumática, ou outro tipo de embarcación, en auxilio de homes, mulleres e criaturiñas que, doutro xeito, serían engulidos polo mar. A Garda Costeira Grega pillou os devanditos imputados en tan reprobábel actividade. Facelo podía custar dez anos de cadea por persoa rescatada.

Malia todo, non sería xusto culpar a Grecia da situación. Necesitaría apoio económico porque, por riba da crise en que se encontra aquel país, a maior parte dos gobernos europeos incumpren os acordos sobre refuxiados, o de España entre eles.

O xurado, que os declarou inocentes, talvez non só cedeu á presión internacional e á diplomacia. É posíbel que considerase, sobre todo, unha lei anterior a todas as lexisladas: salvar vidas.

Chama a atención a indiferenza dun continente, Europa, que, laicismo á parte, reivindica decote as raíces cristiás da súa cultura.

É difícil, se se coñece o Novo Testamento, séxase ou non crente, non traer á memoria as benaventuranzas, nomeadamente neste caso a que di: "Felices os perseguidos por causa da xustiza". Felices, xa que logo, todos e todas os que arriscan a súa liberdade e mesmo a súa vida para rescataren outras.

Porén, lonxe deste pensamento, semella que a música de fondo da traxedia ten por leitmotiv o "sálvese quen poida". E semella tamén que lle queren encomendar aos mares a tarefa de eliminar o problema. Non se atreven, como case fan algúns, a declarar que esa é a súa política de Estado; mais, de feito, é a que practican.

Os tres bombeiros andaluces que renunciaron ás vacacións para axudar, cren nas utopías e por iso pertencen a unha organización sen ánimo de lucro que se dedica ao rescate de náufragos. Benia a eles e ás nais que os pariron.

Pola contra, todos os sodomitas que, como Trump e outros mandatarios, non queren ver alén do propio nariz, pechados a cal e canto na súa torre dourada, representan a distopía. Alguén llelo demandará.

Si, chameilles sodomitas porque, segundo expertos hermeneutas bíblicos, o suposto pecado de Sodoma e Gomorra non foi sexual, senón unha falta de solidariedade, a de non acoller aos estranxeiros. Cómpre, xa que logo, resemantizar este vocábulo.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/marica-campo/moito-mais-que-inocentes/20180511104500031866.html


© 2019 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)