Bescansa: "Nin se me pasa pola cabeza deixar o escano. É un disparate"
A deputada de Podemos admite que o documento obxecto da polémica saíu do seu computador e asume por iso "toda a responsabilidade", aínda que considera que "non é motivo" para abandonar a súa acta
A deputada e exdirixente de Podemos Carolina Bescansa asegurou este luns que non estudia deixar o seu escano no Congreso por mor da polémica suscitada no partido pola difusión dun documento interno no que ela se postulaba para relevar a Pablo Iglesias na Secretaria Xeral. "Nin se me pasa pola cabeza deixar o escano. É un disparate", sentenciou.
En declaracións a La Sexta recollida por Europa Press, Bescansa admitiu que o documento obxecto da polémica saíu do seu computador e o seu despacho e asumiu por iso "toda a responsabilidade", aínda que considera que "non é motivo" para abandonar a súa acta de deputada.
"Se dimitise por algo así sería dicirlle á interna de Podemos que se unha persoa se quixese postular á dirección rexional, autonómica ou nacional podería carrexarlle problemas ou ter que saír da organización. Paréceme un disparate", sinalou.
SEN SANCIÓN. A dirección de Podemos decidiu non adoptar ningunha sanción contra Bescansa. En rolda de prensa tras o consello de coordinación, o portavoz Pablo Echenique afirmou que a formación non sancionará á deputada e considerou que a súa continuidade no escano que ocupa no Congreso depende da propia deputada.
"A pregunta haberá que facerlla a ela, con respecto á súa opción persoal non teño que valorala nin solicitar nada, senón ela terá que facelo", sinalou.
O secretario da formación morada pechou filas e defendeu a xestión desta crise por parte da dirección de Podemos, asegurando que "a mellor forma de facer autocrítica consiste en achegar solucións".
"Valoramos positivamente que, a diferenza doutros partidos, a semana pasado finalizou con acordo de unidade que pon as necesidades da xente en primeiro lugar e aposta por saír a gañar na Comunidade de Madrid", analizou Echenique, pondo en valor que o partido atallase a situación e se chegara a un acordo para presentar unhas listas conxuntas entre o candidato, Errejón, e o secretario de Podemos en Madrid, Ramón Espinar.
"A mellor autocrítica é achegar solucións, é o que se fixo desde a dirección estatal e en particular o secretario xeral, Pablo Iglesias", reiterou.