Brigitte Bardot, denunciada por insultos racistas
A lendaria actriz remitiu unha carta ao prefecto da illa francesa da Reunión denunciando "a barbarie" coa que se trata aos animais nese territorio galo de ultramar
Unhas palabras "inaceptables" e "condenables" para o máximo representante do Estado francés na illa, que as considera susceptibles de constituír un delito.
Na controvertida misiva, a exactriz, de 84 anos, denuncia o trato que reciben os animais na Reunión e sinala que nalgunhas prácticas rituais de sacrificios, como as practicadas pola minoría tamil, hai "reminiscencias de canibalismo dos séculos pasados e deberían prohibirse". "Avergóñome —di— desta illa, do salvaxismo que segue reinando, dos riscos que asumen os seres humanos que con risco para as súas vidas tratan de salvar a cans e gatos atacados por unha poboación dexenerada aínda impregnada por costumes ancestrais, tradicións bárbaras que son as súas raíces".
Pide ao prefecto que "demostre valor" e "devolva a esta illa demoníaca un pouco da humanidade que perdeu", logo de subliñar que "os autóctonos conservaron os seus xenes de salvaxes pero as leis francesas están para ser respectadas e a súa función é aplicalas". Conta que está "desbordada" polas cartas que recibe nas que se alerta da "barbarie" coa que se trata aos animais, e sostén que é os único departamentos e territorio francés de ultramar que "segue comportándose tan salvaxemente" con eles.