Unha cadea humana une as tres capitais vascas para reclamar o dereito a decidir

Parte da cadea humana en San Sebastián. GORKA ESTRADA

Segundo os organizadores participaron máis de 175.000 persoas, entre eles dirixentes do PNV e EH Bildu

Decenas de miles de persoas, máis de 175.000 segundo os organizadores, participaron este domingo na cadea humana que partiu de San Sebastián e acabou en Vitoria logo de pasar por Bilbao en favor do dereito a decidir en Euskadi.

Os organizadores deste evento, a plataforma Gure Esku Dago (Está nas nosas mans), xa anunciaron o sábado que lograran as 100.000 adhesións que necesitaban para unir as tres capitais vascas nunha cadea na que participaron dirixentes dos partidos e sindicatos nacionalistas.

A mobilización acabou fronte ao Parlamento Vasco e alí apoiouna coa súa presenza a súa presidenta, Bakartxo Tejeria, e varios cargos e parlamentarios do seu partido, o PNV, e de EH Bildu.

Entre o percorrido de 202 quilómetros houbo puntos dedicados ao apoio a Cataluña, con participación de membros da ANC, Òmnium Cultural, ERC e a CUP, e aos condenados por agresión a dous gardas civís e as súas parellas en Alsasua (Navarra).

Ademais de Tejeria secundaron o chamamento en favor do dereito de autodeterminación os alcaldes das tres capitais e os deputados xerais de Álava, Bizkaia e Gipuzkoa, todos eles do PNV. Tamén anunciaron a súa presenza os exlehendakaris Juan José Ibarretxe e Carlos Garaikoetxea. 

Ao finalizar a cadea, Angel Oiarbide, portavoz de Gure Esku Dago, leu un manifesto no que sostivo que o "exercicio do dereito a decidir será clave no próximo ciclo porque é un instrumento fundamental para garantir a convivencia a longo prazo e porque, tendo como único límite a vontade democrática da cidadanía, permite defender todos os proxectos políticos en igualdade, sen exclusións".

"Só queremos tomar a palabra, profundando na democracia, para decidir de forma soberana", engadiu Oiarbide quen afirmou que "este pobo deixou moi claro que non está disposto a dar pasos atrás nos seus obxectivos".

A cadea comezou a conformarse pasadas as 11.00 horas no Boulevard de San Sebastián. No quilómetro un da iniciativa estivo o portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, quen considerou "moi positivo" que "ao final" dous procesos de emancipación "ou de autodeterminación" como o de Euskal "Herria" e o de Cataluña "atopen puntos de conexión e de colaboración".

OTEGI E ORTUZAR. O coordinador xeral de EH Bidu, Arnaldo Otegi, indicou nunha mensaxe que colgou nas redes sociais desde Elgoibar, onde participou na cadea, que esta iniciativa "manda unha mensaxe á Unión Europea e aos Gobernos de España e Francia" de que "esta vella nación quere decidir libre e democraticamente o seu futuro e vaino facer".

No centro de Bilbao tomaron parte na mobilización o presidente do PNV, Andoni Ortuzar; a presidenta da formación en Bizkaia, Itxaso Atutxa; e o alcalde da Vila, Juan Mari Aburto, entre outros representantes políticos e institucionais dese partido.