A campaña máis curta chega ao seu fin baixo a sombra do bloqueo
Os candidatos apuraron este venres as últimas horas de campaña con chamadas á mobilización e apelando en moitos casos ao medo —aínda que en distintas direccións— para rabuñar todos os apoios posibles na incerta cita coas urnas deste domingo.
O medo ao ascenso de Vox é ao que recorre o PSOE para mobilizar aos votantes de esquerda pero tamén o PP, que insiste en pedir que todo o voto se una en torno ao partido de Pablo Casado como a única opción útil da dereita para sacar da Moncloa a Pedro Sánchez.
O temor a unha gran coalición PSOE-PP é ao que apela Unidas Podemos para resistir, e o medo propio, a un desastre como a que lle auguran as enquisas, é o que move a Cs para presentarse como o partido disposto a desbloquear a formación de goberno.
Madrid e Barcelona foron os escenarios elixidos polos principais partidos para despedir a campaña electoral, a máis curta da democracia.
PSOE. Antes do peche, deixaron as súas últimas mensaxes. Como Pedro Sánchez, que volveu prometer que en 48 horas fará unha proposta de desbloqueo a PP, Cs e Podemos, e que a trasladará tamén a rexionalistas e nacionalistas dispostos a buscar a gobernabilidade, entre os que non conta ao independentismo catalán.
A iniciativa de Vox que se aprobou o xoves na Asemblea de Madrid cos apoios de PP e Cs e que aposta pola ilegalización de partidos independentistas que atenten contra a unidade de España, serviu ao líder socialista para criticar ese partido e acusar a populares e Cs de darlle ás.
"Se non hai valentía por parte do PP e de Cs de contrapoñer un proxecto alternativo á ultradereita, os votantes progresistas debemos mobilizarnos o próximo 10 de novembro e freala co noso voto", dixo.
Incluso, nunha entrevista na cadea Cope considerou que o partido de Abascal e Rivera o imitan e pretenden facer política desde o sofá, cando é o PP o que ten experiencia e xa que logo o único que pode ser alternativa de Goberno.
Do mesmo xeito que Pedro Sánchez, Rivera pechou en Barcelona unha campaña na que o líder de Cs insistiu en subliñar que pode ser unha peza decisiva para desbloquear a lexislatura e permitir a formación de Goberno.
"A xente non é idiota e estase dando conta de que vostede mira á dereita", dixo Iglesias dirixíndose a Sánchez. E insistiu en que non pensa dar "gratis" o seu voto ao líder socialista.
VOX. En Madrid pechou a súa campaña a extrema dereita, o partido ao que todas as sondaxes auguran a maior subida de todas. Santiago Abascal, que se deu un baño de masas na madrileña praza de Colón, acusou o resto de partidos políticos de "criminalizar" ao unísono e de forma coordinada á súa formación.