China pecha todos os transportes na cidade onde comezou o brote de pneumonía

Unha pasaxeira chinesa en Londres. EFE
Ata agora contabilízanse 17 mortes

As autoridades chinesas decidiron este mércores pechar todos os transportes en Wuhan, cidade de 11 millóns de habitantes onde comezou o brote de pneumonía que ata o momento deixou polo menos 17 mortos, e impedir calquera saída da cidade "sen razóns especiais".

Nunha concisa circular publicada polo novo posto de mando para o control e prevención da pneumonía da cidade pasadas as 03.00 hora local (19.00 GMT do martes) establécese que a partir das 10.00 hora local (02.00 GMT) deste mércores, suspéndense o "transporte público urbano, o metro, o ferry e os transportes de pasaxeiros de longa distancia".

Así pois, o aeroporto e a estación de tren quedarán "temporalmente pechados" para saír da cidade e, de feito, prohíbese que ningún cidadán "saia de Wuhan sen razóns especiais" ata novo aviso.

A prohibición chega tan só un día antes do equivalente no calendario lunar chinés á Noitevella, xa que o vindeiro sábado celébrase o Ano Novo chinés, a principal época festiva do ano no país, na que millóns de persoas viaxan para reunirse coas súas familias.

Esta drástica medida ten como obxectivo, segundo o comunicado, "cortar de forma efectiva a transmisión do virus, conter con determinación a inercia da propagación da epidemia e garantir a seguridade das vidas e a saúde da xente".

O Goberno da cidade tamén emitiu un bando na que establece a obrigación de levar máscara en lugares públicos; o persoal das institucións públicas tamén deberá levala durante as súas horas de traballo.

Esta mesmo mesmo mércores, as autoridades da provincia centro-oriental de Hubei, da que Wuhan é capital, elevaran o número de casos confirmados na rexión a 444, e o de mortes a 17 -polo momento non se confirmaron falecementos noutras provincias-.

Estas cifras, que soamente corresponden á citada provincia, xa son superiores ao balance a nivel nacional que ofrecera a Comisión Nacional de Sanidade o martes pola mañá.

Na páxina oficial da citada Comisión aínda non se actualizou o balance nacional, aínda que un conteo levado a cabo polo diario estatal Global Times fala dun total de 544 casos en toda China. Tamén se detectaron casos ata agora en Tailandia, Xapón, Taiwan, Corea do Sur e Estados Unidos.

Na popular rede social Weibo, o equivalente chinés de Twitter, a etiqueta máis comentada era "Wuhan, cidade pechada", e a maioría de tendencias versaban sobre a xa coñecida como pneumonía de Wuhan, provocada por un novo tipo de coronavirus similar ao da síndrome respiratoria agudo e grave (SARS), enfermidade que deixou máis de 600 mortes en 2003.

Horas antes de que se anunciase a prohibición sobre o transporte en Wuhan, o diario estatal China Daily publicara un editorial no que aseguraba que "se é necesario, as viaxes desde a cidade han de ser prohibidos" para tratar de conter a propagación do virus.