Condenado un tuiteiro que chamou "cocainómano" a Albert Rivera e lle desexou un infarto

Albert Rivera. ARQUIVO
Terá que pagar unha indemnización de 2.000 euros ao expresidente de Ciudadanos por un delito de inxurias

Un home que a través dun tuit chamou "cocainómano" ao expresidente de Ciudadanos Albert Rivera e lle desexou un infarto foi condenado por inxurias e deberá pagarlle 2.000 euros, un diñeiro que o exdeputado dixo que doará ás vítimas do terrorismo. Rivera, que este mércores acudiu ao Xulgado do Penal número 11 de Madrid, celebrou a pena imposta: condena de prisión substituída por 9 meses de multa con cota de tres euros e pago de 2.000 euros pola comisión dun delito de inxurias. 

"Recoñeceu que a súa acusación de 'cocainómano' era falsa e tivo que desculparse por desexarme un infarto. Ao final vence a verdade. Doarei o diñeiro ás vítimas do terrorismo", escribiu logo nunha mensaxe na súa conta de Twitter. 

As dúas partes chegaron a un acordo de conformidade e o condenado deberá publicar un texto nas súas redes sociais no que recoñeza que non é certo o que afirmou nun tuit do 25 de marzo de 2018. Deberá retractarse das súas palabras e pedir "desculpas expresas por todos os danos e prexuízos causados a Albert Rivera e á súa contorna familiar".