Críticas a Irene Montero por denunciar con nome e apelido un caso de desafiuzamento

A número dous de Unidas Podemos ao Congreso por Madrid, Irene Montero, durante unha intervención deste domingo en Alacante. MANUEL LORENZO (EFE)
A campaña de Unidas Podemos, baixo a imaxe do seu portavoz, xera enfado nas redes sociais

A última campaña de Unidas Podemos en contra dos desafiuzamentos levantou un mar de críticas por revelar o nome e apelido da propietaria dun piso que, segundo denuncia o partido, "impón unha subida abusiva de 300 euros" aos seus arrendatarios, que ata agora pagaban 1.000 por residir na vivenda.

"Livia, Juan e os seus tres fillos poden ser desafiuzados por non poder afrontar a subida abusiva do seu aluguer. Pedimos á propietaria da casa, Esther Argerich, que negocie unha solución para que poidan seguir no barrio no que levan vivindo 12 anos", escribiu en Twitter a portavoz do partido, Irene Montero, cara visible do vídeo de denuncia.

Montero insta á caseira a que "negocie con Livia e con Juan un aluguer xusto para que poidan seguir vivindo cos seus tres fillos no barrio no que levan facéndoo 12 anos".

CRÍTICAS E APOIOS. Máis aló da campaña, as redes sociais enchéronse rapidamente de mensaxes en contra do vídeo e a mensaxe de denuncia por dar o nome e apelido da propietaria do piso.

A pesar desta corrente maioritaria, tanto Montero como Unidas Podemos tamén recibiron numerosas mensaxes de apoio pola campaña e de solidariedade coa familia que agora perderá a súa vivenda, que era o obxectivo principal da campaña –deslucida pola polémica do nome da caseira–.