CSIC patenta unha bacteria intestinal para tratar a depresión e a ansiedade

"Demostrouse que o intestino afecta o cerebro, e viceversa, a través de rutas inmunolóxicas, endocrinas e neurais", explica a investigadora Yolanda Sanz

 Investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) patentaron unha bacteria intestinal (Christensenella minuta) con aplicacións terapéuticas para tratar os trastornos do estado de ánimo, como a depresión e a ansiedade. Esta tecnoloxía foi desenvolvida polo equipo da investigadora Yolanda Sanz, do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía dos Alimentos e xa foi licenciada á empresa biotecnolóxica francesa LNC Therapeutics, especializada na investigación e desenvolvemento de medicamentos na área do microbioma intestinal.

"A investigación sobre o sistema de comunicación bidireccional a través do coñecido como eixo intestino-cerebro é un campo de investigación en crecemento. Demostrouse que o intestino afecta o cerebro, e viceversa, a través de rutas inmunolóxicas, endocrinas e neurais", sinala Yolanda Sanz. 

Segundo a investigadora, numerosos estudos están a suxerir que a microbiota intestinal "participa na regulación deste eixo e podería exercer unha función importante en trastornos que afectan o cerebro como as enfermidades neurodexenerativas e psiquiátricas, incluíndo as alteracións do estado de ánimo".

A alianza do CSIC coa biotecnolóxica LNC permitirá avanzar no descubrimento dos mecanismos polos que a bacteria exerce un efecto antidepresivo e ansiolítico

Por iso, "esta evidencia ofrece novos e prometedores enfoques terapéuticos para fomentar a saúde mental", engade Yolanda Sanz, quen precisa que as bacterias da familia Christensenellaceae son "compoñentes relevantes da microbiota intestinal de individuos sans, e prometen ser unha importante fonte de tratamentos innovadores". O seu uso está a explorarse para o tratamento de enfermidades crónicas, como a obesidade e as súas comorbilidades metabólicas "e, como novidade, neste caso, para o tratamento dos trastornos do estado de ánimo", indica.

Este acordo permitirá a LNC Therapeutics continuar o avance na investigación, fabricación e comercialización en todo o mundo da terapia desenvolvida para o tratamento de trastornos como a depresión e a ansiedade. "A alianza con LNC Therapeutics permitiranos avanzar máis rapidamente no descubrimento dos mecanismos polos que a bacteria de Christensenella patentada exerce un efecto antidepresivo e ansiolítico por rutas endocrinas e neurais", afirma Sanz.

Esta patente é froito dos resultados do proxecto europeo MyNewGut, coordinado pola doutora Sanz, e no que colaboraron investigadores do equipo, como Ana Agustí, que foron claves no desenvolvemento da patente. O proxecto MyNewGut permitiu xerar un biobanco de bacterias intestinais humanas, que constitúe un valioso material biolóxico que están a explorar para a súa potencial aplicación para combater outras patoloxías, como a obesidade e as súas complicacións metabólicas, como a síndrome metabólico e a diabetes. 

Estes achados poderían ter unha relevancia importante no futuro da nutrición e a práctica clínica, segundo indica o CSIC.