Detido o rapeiro Pablo Hasel cando ía a actuar na homenaxe ao grapo Paco Cela

Pesaba a orde sobre el ao non presentarse a un xuízo

O rapeiro Pablo Hasel foi detido pola Garda Civil nun control de tráfico na provincia de Castelló tras comprobarse que pesaba sobre el unha orde de procura e captura por non terse presentado a un xuízo, segundo recoñeceu ante os axentes.

Fontes da Delegación do Goberno explicaron a EFE que a detención do rapeiro catalán, condenado por enaltecemento do terrorismo, produciuse ás 18.30 horas en Benicarló.

Ao parecer, Hasel recoñeceu ante os axentes que non se presentou a un xuízo onde estaba citado e agora a Garda Civil está a intentar atopar ao xuíz para comprobar se esa orde de busca e captura segue en vigor.

Segundo publicaron varios medios, esta tarde ía ter lugar un concerto de homenaxe ao preso do Grapo Paco Cela no que precisamente ía actuar Pablo Hasel.

O pasado mes de setembro, a Sala de Apelación da Audiencia Nacional rebaixou a 9 meses e un día a condena de dous anos e un día de cárcere ao rapero por encomiar en Twitter a ETA e ao Grapo, ao non estar xa activas estas organizacións, o que lle evitaba ir a prisión por esta causa ao non superar os dous anos, aínda que ten pendente outra de dous anos de cárcere polo mesmo delito.

Ao revisar a sentenza que lle impuxo a sección primeira do Penal, cun voto particular discrepante dunha maxistrada que considerou que lle amparaba a liberdade de expresión, a Sala de Apelación advertiu de que os tuits analizados "non encaixan dentro da liberdade de expresión", xa que rezuman "violencia" e unha "banalización do terrorismo".

Con todo, e á luz da doutrina do Supremo, do Tribunal Constitucional e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), os maxistrados que revisaron a sentenza consideraron que concorren certas causas que "atenúan a responsabilidade penal" do rapero e por iso acordaron rebaixarlle a pena.