Estados Unidos supera a China como o país con máis contaxios de coronavirus

Persoal dun hospital corre tras un paciente que foxe en Nova York. PETER FOLEYJPG
Nova York, ao bordo do colapso

Estados Unidos superou este xoves con máis de 85.000 casos de coronavirus a China e a Italia como o país do mundo con máis contaxios sendo o estado Nova York o seu gran foco, con case 39.000 positivos. 

Os mortos por covid-19 en Estados Unidos rozan os 1.300 tras o falecemento de polo menos 266 persoas este mércores, uns números que aínda lle sitúan poro detrás de Italia, España, China, Irán e Francia en canto a mortes se refire.

NOVA YORK, AO BORDO DO COLAPSO. Os hospitais de Nova York comezan a estar desbordados e con importantes carencias de equipamento no medio dun aluvión de pacientes durante os últimos días, segundo os testemuños de médicos e empregados en linea coas advertencias das autoridades. 

Ante un escenario que algúns describen como "apocalíptico", un buque hospital da Armada de Estados Unidos con capacidade para 1.000 pacientes chegará o luns ao porto de Nova York "cargado ata arriba", segundo dixo o presidente Donald Trump, de subministracións médicas. 

O USNS Comfort ten que servir para aliviar aos hospitais neoiorquinos, que teñen a máis de 5.000 pacientes ingresados por covid-19.  "En case todos os escenarios realistas, imos chegar a unha sobrecarga de capacidade do sistema sanitario", recoñeceu este xoves o gobernador de Nova York, Andrew Cuomo. 

Ao estado de Nova York e as súas 39.000 positivos, séguenlle de lonxe o veciño Nova Jersey con 6.900, California con 4.000, o estado de Washington (3.200), Michigan (2.850) e Illinois (2.500). 

DESEMPREGO SEN PRECEDENTES. O desemprego disparouse en marzo en Estados Unidos debido ao parón económico provocado polo covid-19 cun incremento sen precedentes de 3,28 millóns de persoas que solicitaron a semana pasada prestacións pola perda do traballo. A semana anterior as solicitudes foran 282.000. 

O incremento superou a marca histórica de 695.000 solicitudes que se alcanzou durante a recesión de 1982.

TRUMP E XI. O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou este venres que "China desenvolveu unha sólida comprensión do virus", tras falar por teléfono co seu homólogo chinés, Xi Jinping, sobre a pandemia do covid-19, que ata agora se cobrou a vida de máis de 24.000 persoas en todo o mundo.

"Estamos a traballar estreitamente xuntos", dixo Trump en Twitter, ao anunciar a súa conversación telefónica co mandatario chinés, sen dar detalles concretos sobre o contido da mesma.