Unha explosión no centro de Lyon causa polo menos trece feridos

Lugar da explosión. PRÉFECTURE DU RHÔNE

Segundo a canle de televisión BFM TV, o suceso débese a un paquete bomba 

Unha explosión de orixe aínda descoñecida causou polo menos trece feridos leves en pleno centro da cidade de Lyon, no leste de Francia, informaron a Efe fontes da Prefectura (delegación do Goberno). Os feitos tiveron lugar moi preto da praza Bellecour, considerada o corazón da cidade.

Un portavoz da Prefectura sinalou que a situación se atopa "baixo control" e que a policía estableceu un perímetro de seguridade ao redor das rúas afectadas.

Agregou que se investiga a causa do estalido, que se produciu ao redor da 17.30 hora local (15.30 GMT). Segundo a canle de televisión BFM TV, a explosión débese a un paquete bomba que se atopaba fronte a unha panadaría, aínda que non existe confirmación oficial sobre este extremo.

A Policía fixo un chamamento á cidadanía para evitar que se achegue ás rúas do centro de Lyon e facilitar así os labores de socorro e investigación.

HOME EN BICICLETA. Un home que circulaba en bicicleta "está a ser buscado activamente" tras colocar o artefacto explosivo. Unha portavoz da Prefectura indicou que o individuo, que levaba oculta a cara para non ser recoñecido, deixou o explosivo cara á 17.30 hora local (15.30 GMT) diante da panadaría Brioche Dorée da rúa Victor Hugo, unha rúa peonil.

As forzas da orde traballan coas imaxes de vídeo de todo o barrio e estableceuse un cordón de seguridade, sinalou a portavoz. A investigación xudicial, inicialmente aberta por tentativa de homicidios, foi transferida á Fiscalía de París, que centraliza os casos de terrorismo en Francia.

A detonación do artefacto, no que había tornillería, foi de baixa intensidade. Nunha primeira breve declaración, o presidente francés, Emmanuel Macron, falou de "ataque" e enviou os seus desexos de restablecemento aos feridos, tras precisar que non houbo vítimas mortais.