Falece Charles Kuen Kao, Nobel de Física en 2009
A presidenta de Hong Kong, Carrie Lam, expresou as súas condolencias á familia e destacou que o profesor foi "brillante" e "visionario"
O científico británico-estadounidense de orixe chinesa Charles Kuen Kao, premio Nobel de Física en 2009 polos seus traballos con fibra óptica, faleceu este domingo en Hong Kong aos 84 anos, informou a axencia estatal Xinhua.
A presidenta de Hong Kong, Carrie Lam, expresou as súas condolencias á familia de Kao e destacou que o profesor foi "brillante" e "visionario".
Kao, nacido na cidade chinesa de Shanghái en 1933 e con dobre nacionalidade británico-estadounidense, descubriu en 1966 os métodos de transmisión de luz por fibra óptica a longa distancia, o que abriu a porta ao inmenso potencial destas tecnoloxías.
Estudou enxeñería electrónica no Imperial College de Londres e dirixiu o laboratorio de Enxeñería e Telecomunicacións de Harlow (Inglaterra), para pasar logo á Universidade de Hong Kong ata a súa xubilación en 1996.
Foi en 2009 cando o científico foi recoñecido co premio Nobel de Física xunto aos estadounidenses Willard S. Boyle e Georges E. Smith.
Logo de ser diagnosticado de alzheimer en 2004, Kao e a súa esposa crearon a Fundación Charles K. Kao para o Alzheimer en 2010, co fin de axudar a outros pacientes e sensibilizar á poboación sobre esta enfermidade.